O calvario para renovar a autorización dun remolque gandeiro en Castro de Ribeiras de Lea

O calvario para renovar a autorización dun remolque gandeiro en Castro de Ribeiras de Lea

Remolque de Xavier Fernández

Xavier Fernández Arias, biólogo de formación, é un mozo gandeiro de ovino e vacún que hai seis anos alugou unha explotación en Cospeito (Lugo). Para transportar os seus cordeiros e ovellas dispón dun remolque, pero o que non se imaxinaba é o calvario administrativo ao que se tivo que enfrontar para renovar a autorización para transporte de gando, coñecida como ATES.

Velaquí o periplo que nos relata para poder realizar este trámite na Oficina Agraria Comarcal de Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei), dependente da Consellería de Medio Rural:

-Xoves, 14 de marzo: “Chamo á oficina de Castro Ribeiras de Lea para preguntar sobre que procedemento hai para renovar a autorización e dinme que teño que pasar por alí e que leve o remolque”.

-Venres, 15 de marzo: “Saio da casa co remolque e vou á oficina de Castro, chego e dinme que teño que presentar unha solicitude por rexistro. Sen embargo, ali non hai rexistro nin te podes queixar xa que ninguén che recolle a queixa, xa que hai 5 veterinarios pero ningún administrativo. Dinme que teño que ir a Lugo ou a Vilalba ou a algún rexistro para meter a solicitude e volver a Castro para que me fagan unha acta na que diga que o remolque é apto para o transporte de animais vivos.

Na solicitude unha das documentacións que piden é a acta do veterinario que eu non teño porque en Castro non ma fixeron porque non hai rexistro…É dicir, un circulo sen saída.

Vou a Vilalba ao Rexistro da Xunta, presento a solicitude para renovar a autorización para o transporte de animais vivos no remolque e pago as taxas. Sen embargo, a pesar de que ali hai veterinarios como eu pertenzo á oficina de Castro non me fan o tramite…

Este periplo dende as 11:15 que saín da casa ata as 14:00 que dou entrada no rexistro a solicitude e despois de percorrer case 70 km de oficina a oficina e aínda estou a medio trámite”.

-Luns, 18 de marzo: “Volvo a Castro de Ribeiras de Lea para que me fagan unha acta para adxuntar o expediente que din entrada hoxe no rexistro”.

Xavier denuncia que “esta falta de coordinación dentro da propia administración e falta de persoal desanímate como gandeiro e como administrado”. “Obrígannos a perder tempo, diñeiro e paciencia nun trámite que debería resolver de forma rápida e máis fácil e non obrigarnos a este auténtico calvario”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información