O cálculo da pegada de carbono, reto para a gandaría galega

Un estudo do Centro Tecnolóxico da Carne cuantifica as emisións de gases de efecto invernadoiro e pon de manifesto a necesidade de reducilas

O cálculo da pegada de carbono, reto para a gandaría galega

A gandaría en extensivo presenta maiores emisións.

Que pegada de carbono xera cada quilo de carne de vacún producido en Galicia? Ese foi o punto de partida dun traballo de investigación do Centro Tecnolóxico da Carne, que durante os dous últimos anos analizou as emisións de gases de efecto invernadoiro nas explotacións galegas. O traballo, pioneiro en Galicia, alíñase coa tendencia europea que prioriza a obtención de alimentos que teñan baixo impacto no cambio climático. As conclusións do estudo apuntan á necesidade dunha maior eficiencia na xestión da pegada de carbono na gandaría galega.

O proxecto mediu a xeración de gases de efecto invernadoiro desde a explotación ata a saída do produto final da industria cárnica, para o que tivo en conta factores como as emisións directas dos animais -un dos principais problemas-, o gasto enerxético e uso de maquinaria na explotación ou a pegada de carbono dos materiais empregados (piensos, fertilizantes).

As emisións máis altas rexistráronse en extensivo, con ata 20 quilos de gases de efecto invernadoiro por quilo de carne

Para a realización do traballo, analizáronse as emisións de cinco tipos de explotacións galegas de vacún: extensiva, semiextensiva, de bois, de desvelle e intensiva (cebadoiro). Os peores datos de emisións corresponderon ás explotacións extensiva, semiextensiva e a de bois, con valores que oscilan entre os 17 e 20 quilos de dióxido de carbono (CO2) por quilo de carne producido; en tanto as menores emisións rexistráronse nas explotacións intensivas e de desvelle, con entre 2 e 3 quilos de gases emitidos por cada quilo de carne.

A explicación da ampla diferencia entre as gandarías extensivas e as intensivas débese principalmente a unha cuestión de eficiencia. “Nas explotacións extensiva e semiextensiva houbo unha baixa produción de carne por factores diversos como a mortandade dos animais ou unha taxa de preñez baixa, o que fixo aumentar a cantidade de emisións que recae sobre cada quilo de carne”, explica Inmaculada González, técnica do Centro Tecnolóxico da Carne, que recentemente presentou as conclusións do estudo nunha xornada da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), entidade que colaborou na realización do proxecto.

Efecto sumidoiro dos pastos
Outro factor que explica o diferencial extensivo – intensivo radica en que o estudo non tivo en conta o efecto sumidoiro dos pastos permanentes, que atrapan dióxido de carbono presente na atmósfera. “A normativa actual de medición da pegada de carbono non permite polo de agora ter en conta este factor”, apunta Inmaculada González. “Se se tivese en conta, estariamos falando dunha pegada nas explotacións en extensivo de arredor de 8 quilos de gases por cada quilo de carne, unha cifra que xa se sitúa en valores admisibles”, destaca. “Por baixo de 10 quilos, podemos considerar que estamos en valores normais”.

A investigación visibiliza a necesidade de prestarlle atención a redución de emisións na gandaría

En extensivo, ata as tres cuartas partes das emisións foron computables ós animais, en tanto en intensivo a parte correspondente ós animais foi do 49% e a dos materiais, como piensos, do 40%. Para a realización do traballo, contouse coa colaboración de media ducia de explotacións de zonas produtoras de vacún como Navia de Suarna ou Becerreá (Lugo) ou As Pontes (A Coruña).

Máis que sacar conclusións numéricas, Inmaculada González incide en que a investigación pon de manifesto a necesidade de prestarlle atención á pegada de carbono que se está xerando nas explotacións, unha cuestión que previsiblemente cobrará importancia nos próximos anos.

Perspectivas en España
En Europa, xa hai países que etiquetan parte dos alimentos con indicación da súa pegada de carbono, de xeito que o consumidor coñeza o seu impacto. “Non sabemos cando pode chegar aquí esa tendencia, pero temos que estar listos para ese reto e dispoñer de ferramentas preparadas”, subliña o xerente de Agaca, Higinio Mougán. “É previsible, ademais, que a lexislación española obrigue ás grandes empresas a xustificar políticas de redución de emisións, o que afectaría á cadea de suministro das empresas agroalimentarias e, por tanto, ós produtores, tanto de carne como de leite ou agrícolas”.

A etiquetaxe da pegada de carbono está extendida en Europa. “Temos que estar preparados” (Higinio Mougán, Agaca)

O cálculo da pegada de carbono implica ademais un sesgo proteccionista das producións locais que non disgusta ó sector agroalimentario. As producións chamadas de quilómetro cero presentan unha menor pegada que as chegadas doutras latitudes, que teñen que sumar na súa pegada de carbono as emisións derivadas do transporte. “A pegada de carbono ten en xeral un compoñente ambiental porque os consumidores están máis concienciados sobre o problema do cambio climático, pero ademais, en países como Gran Bretaña, é evidente que hai tamén un intento de protexer ás producións propias fronte ás de terceiros países”, valora Higinio Mougán.

Recomendacións xerais
Na presentación das conclusións do estudo, a técnica do Centro Tecnolóxico da Carne Inmaculada González ofreceu algunhas recomendacións xerais que poden contribuir a redución das emisións nas explotacións gandeiras. Entre os consellos, figuran os seguintes.

– Mellora da produtividade e da eficiencia da explotación. Cantos máis quilos de carne se produzan co menor gasto de enerxía e con menores emisións, mellor será a pegada de carbono.

– Uso de concentrados de millo, en lugar de cebada e trigo, para reducir as emisións asociadas á fermentación entérica dos animais.

– Emprego de enerxías renovables.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información