O bloqueo á industria láctea consolídase en toda Galicia

A paralización total das empresas transformadoras continúa na Coruña e aumentan os bloqueos en Lugo. Os gandeiros confían en ter todas as firmas trancadas ó longo da noite

A aposta da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo para impulsar o bloqueo das principais industrias lácteas de Galicia está a lograr o seu obxectivo. De todas as principais factorías da provincia da Coruña e de Pontevedra non entrou nin saiu leite nas últimas 24 horas, en tanto que en Lugo o bloqueo das empresas está aumentando a pesar da desmobilización da tractorada de Lugo.

Larsa, en Outeiro de Rei (Lugo), bloqueada desde a madrugada do venres ó sábado.

Se ó longo da noite do venres ó sabado só se bloquearan tres industrias en Lugo, as dúas de Leite Río no Ceao e Larsa (Outeiro de Rei), o sábado novos bloqueos foron goteando nas últimas horas do día. Primeiro foi Leite Celta (Meira) e Celega (Chantada) e máis tarde cairon tamén Puleva (Lugo) e Logística Alimentaria (Outeiro de Rei). Quedan todavía factorías por bloquear, como Lactalis (Vilalba), a de Río en Láncara ou a de Clea en Rábade, entre outras, pero os gandeiros confían en avanzar nos bloqueos durante a madrugada do sábado.

De xeito paralelo ós bloqueos, grupos de piquetes gandeiros abriron nas últimas horas por toda Galicia decenas de cisternas de recollida de leite, co cal se derramou a produción recollida. Algunhas empresas teñen paralizada a recollida por completo, pero outras, como Río ou Lactalis, seguen a ter camións en ruta, nalgún caso con escolta da Guardia Civil.

O éxito do bloqueo ás industrias foi completo na Coruña nas primeiras horas da acción, na noite do venres; en tanto en Lugo está a desenvolverse de xeito máis progresivo. Inicialmente só se sumaron arredor de medio cento de tractores dos que estaban na muralla, polo que os bloqueos están a ser reforzados con gandeiros e tractores chegados da provincia da Coruña.

Grupos de piquetes gandeiros boicotearon decenas de cisternas de recollida de leite nas últimas horas en toda Galicia

Puleva, por exemplo, foi bloqueado esta noite con tractores de Friol e Castroverde e con apoios chegados da comarca do Deza e doutras zonas da Coruña. En vista das factorías que quedaban por bloquear en Lugo, os da Coruña inqueriron en Puleva ós de Lugo sobre a necesidade de tractores. “De Melide poden vir uns dez tractores sen problema xa mesmo se queredes”, propoñen. Os de Lugo míranse. “Dános vergonza, home. Mil tractores na muralla e que teñades que vir vós desde Melide”, repiten varios. “Non pasa nada. Temos que estar unidos e os que esteamos mobilizados, espallarnos o mellor posible”, apunta o da Coruña. “E os que queden na casa, que sintan vergoña”, completa outro do Deza.

As mobilizacións transcurriron en xeral con tranquilidade, se ben no Ceao as forzas antidisturbios ameazaron con multas de ata 30.000 euros ós gandeiros, o que fixo que se levantara temporalmente o bloqueo a unha das plantas de Río, que ó pouco volveu ser bloqueada por outros gandeiros.

Para as próximas horas, espéranse intentos dos produtores para bloquear os centros loxísticos de Gadis en Betanzos e de Vegalsa – Eroski en Oroso.

Con estas protestas, os gandeiros tratan de forzar á industria e á distribución a comprometerse á revalorización do prezo do leite, de xeito que melloren desde outubro os pagos que reciben os gandeiros. “Sabedes que se a situación non cambia, somos moitos os que non chegamos a decembro”, arengaba un gandeiro ós seus compañeiros no bloqueo do Ceao. “Se desta vez non gañamos a batalla, non volvemos levantar cabeza na vida”, concluía. “En Francia, Gran Bretaña ou Dinamarca lograron acordos, así que aquí tamén o imos conseguir”.

Situación dos bloqueos nas provincias de Coruña e Pontevedra
– Lasurgal, no Polígono de Melide: Está bloqueada dende onte á noite por uns 50 tractores de gandeiros de Melide, Santiso e Toques. Sen incidentes
– Leche Celta, en Pontedeume: Bloqueada dende a pasada noite por uns 130 tractores de gandeiros da comarca de Ferrolterra e Ortegal e da comarca de Ordes.
– FEIRACO, en Negreira: Bloqueada por uns 30 tractores da comarca de Negreira.
– Lácteos Pérez, en A Pereira (Mazaricos): Bloqueada por uns 30 tractores de gandeiros da comarca do Xallas.
LEYMA, en Arteixo
Bloqueada por uns 100 tractores de gandeiros de Tordoia, Trazo, Ordes, Vimianzo, Cabana, Ponteceso e Val do Dubra. Deixouse libre unha entrada de emerxencia.
– RÍOS SANGIAO, en Sigueiro (Oroso): Bloqueada dende onte á noite por gandeiros da comarca de Santiago.
– Larsa, no polígono industrial de Vilagarcía de Arousa: Bloqueada dende onte pola noite por uns 30 tractores das comarcas de Deza-Tabeiros e Montes
– Clesa, en Caldas de Reis: Bloqueada dende esta mañá por tractores de Deza-Tabeirós e Montes
– Nestlé, en Pontecesures: Unha das primeiras en ser bloqueadas onte á noite. Bloqueada por 30 tractores de gandeiros de Rodeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información