O biogás gandeiro, unha alternativa lastrada pola falta de axudas

Galicia dispón de capacidade para producir máis de 80 millóns de metros cúbicos de biogás ao ano só cos puríns de vacún

O biogás gandeiro, unha alternativa lastrada pola falta de axudas

Xornadas sobre o biogás en Santiago.

Galicia ten un gran potencial de produción de enerxía eléctrica a partir do biogás xerado polo purín das vacas. Ademais, isto axudaría a resolver un problema medioambiental que vai a máis, como é o da contaminación dos acuíferos por nitratos en zonas cunha importante carga gandeira.

Porén, os maiores obstáculos cos que se atopa o desenvolvemento desta enerxía na comunidade é a falta de desenvolvemento lexislativo e de axudas económicas, unha eiva que os técnicos demandan que se solucione nos próximos anos para equipararnos cos países máis avanzados neste ámbito, especialmente Alemaña.

Así o puxo de manifesto Ángela Rodríguez Abalde, investigadora de Energylab, na súa ponencia sobre “Potencial de biogás vacuno en Galicia”, dentro da Xornada sobre Biogás en Galicia, celebrada en Santiago de Compostela o pasado 31 de xaneiro.

Posibilidades dos puríns de vacún

En total, Galicia xera ao ano uns 9 millóns de toneladas de resíduos gandeiros, dos que 4 millóns corresponden ao gando de vacún de leite. Séguelle en importancia o porcino, con 3,7 millóns de toneladas anuais, e a avicultura, con 1,3 millóns de toneladas.

BIOGAS_ENERGYLAB_03_standar

Segundo a investigadora Ángela Rodríguez Abalde, con eses catro millóns de toneladas poderían producirse ata 81 millóns de metros cúbicos de biogás ao ano a través de plantas de distintos tamaño instaladas nas principais zonas gandeiras. Esta enerxía obtida mediante un sistema de dixestión anaerobia, constituiría un aforro importante para o gandeiro, mellorando o seu autoabastecemento de electricidade.

Ademais, o abono resultante contén unha materia orgánica máis estable e con mellores condicións agronómicas, reducindo ao mesmo tempo o impacto medioambiental, tanto en emisións á atmosfera como en contaminación por nitratos.

A planta de biogás debe adaptarse a cada explotación

O tipo de planta adáptase ás necesidades, podendo ser de xestión colectiva e maior tamaño ou de xestión individual, máis fácil de manexar, e adaptada a unha explotación media de vacún en Galicia. Un exemplo desta última é a planta de biogás de Finca Mouriscade, inaugurada en 2013 como planta piloto, e que trata os resíduos de 100 cabezas de gando vacún. En Galicia só hai outra planta similar en Cospeito. A Deputación de Lugo ten tamén previsto contar cunha planta de biogás na Finca Gayoso Castro, adicada á recría de xovencas.

“O custo aproximado para unha planta de biogás que trate as dexeccións gandeiras de aproximadamente 100 vacas sería de entorno a 250.000 euros”, segundo Ángela Rodríguez, un custo inasumible para un gandeiro sen axudas da administración.

O purín só non abonda para obter biogás

Neste sentido, a ponente de EnergyLab subliñou que “unha planta de biogás gandeiro é rendible se a produción de biogás é maior de 30 metros cúbicos por tonelada da resíduos, e para iso é necesaria en moitos casos a codixestión”.

É dicir, que o purín de vaca só non ten potencial suficiente para xerar biogás, o que obriga a engadirlle substratos. O máis utilizado nos procesos de codixestión é silo de millo sobrante ou penso, nunha porcentaxe que, como media está entre o 20 e o 30%, mentres que o 70-80% restante é purín de vaca.

España á cola de Europa en biogás

España ocupa o posto 19 de 28 países europeos con 31 plantas de biogás, dun total de 14.563 plantas de biogás en Europa cunha capacidade total instalada de 7857 MW eléctricos.

Segundo o Plan de Enerxías Renovables, para o ano 2020 estaban previstas a construcción de 250 plantas no sector agrogandeiro, cunha potencia de 500 kW. Porén, Ángela Rodríguez advirte de que “cos datos actuais, España está moi alonxada deste obxectivo, debido a dúas razóns principais: a suspensión das primas e a gran casuística existente en canto os parámetros retributivos para a produción de enerxía eléctrica” (IET/1045/2014).

Mapa do potencial de plantas de biogás de gando vacún: 

BIOGAS_ENERGYLAB_mapa_04_standar

Producións intensivas e industrias agroalimentarias

Un proxecto europeo, o Biogas3, trata de promover as posibilidades do biogás tanto en industrias agroalimentarias como en explotacións intensivas de sectores que xeran un gran volume de residuos, caso do porcino ou do avícola. A iniciativa, coordinada polo centro tecnolóxico Ainia, traballa en modelos de pequena escala pensados para o autoconsumo de calor e de electricidade.

Tras o fracaso das grandes plantas de tratamento de puríns, como a que tivo Coren en Sarreaus (Ourense), pola reducción das primas á enerxía producida con biogás, o sector estuda as posibilidades da aplicación da tecnoloxía a pequena escala.

Nas xornadas de Santiago, Paz Gómez, técnica de Ainia, presentou diversos proxectos de éxito, se ben precisou que cómpre estudar caso por caso para comprobar a súa viabilidade. Na páxina web do proxecto, dispoñen dunha aplicación que pode axudar ós interesados a coñecer se o biogás podería ser rendible para a súa situación

Entre as iniciativas viables no campo do biogás, Paz Gómez falou do caso de Agronsella, unha granxa de porcino de Zaragoza con máis de 2.000 porcas que sustituiu todo o seu gasto de gasóleo polo biogás. A granxa, que xenera máis de 6.000 toneladas de residuos ó ano, instalou unha planta de biogás para a que calculaba un retorno do investimento nun prazo de catro anos.

No campo agroalimentario, Paz Gómez sinala que unha enquisa do proxecto concluiu que arredor da metade das industrias cárnicas e de procesado de vexetais estaban interesadas nas posibilidades do biogás. O 40% das industrias agroalimentarias xera entre 1.000 e 5.000 toneladas de residuos ó ano, según a mesma enquisa, uns restos que poden ser aproveitables para a produción de gas agrogandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información