O baixo consumo de vacún de carne frea a recuperación estival dos prezos

As cotizacións dos xatos melloran tradicionalmente no verán, pero non foi así este ano. O Sindicato Labrego advirte de que os animais caeron máis de 40 céntimos por quilo desde inicios do 2015

O baixo consumo de vacún de carne frea a recuperación estival dos prezos

As cotizacións dos xatos continúan sen remontar.

As cotizacións do vacún de carne están a atravesar un ano atípico. O habitual viña sendo que houbese unha pequena caída dos prezos no primeiro cuatrimestre do ano e unha posterior recuperación, apoiada nos aumentos de consumo estivais, pero esta campaña a situación é distinta. Nos primeiros 6 meses do ano, as cotizacións caeron de media por riba dos 40 céntimos por quilo e o verán está a transcurrir sen que haxa ningún tipo de recuperación nos prezos.

O Sindicato Labrego Galego (SLG) atribúe esta situación á caída de consumo de carne de tenreira. “Teño falado con moitas carnicerías e o problema é que non venden. A xente decantouse por carnes máis baratas, como a de polo, e a tenreira, dada a súa calidade e custos de produción, é cara para o nivel adquisitivo actual”, valora Xosé Luís López Galán, gandeiro e coordinador de vacún de carne do SLG. Galán descarta que o maior sacrificio de vacas de leite que se rexistrou nos últimos meses teña que ver cos problemas de consumo da tenreira, xa que, valora, a maior parte da carne das vacas de leite véndese fóra de Galicia.

As industrias que traballan coa Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, que agrupa boa parte da produción de vacún de carne de Galicia, comercializan arredor da metade da súa produción na comunidade e outro 50% no resto do Estado. A Mesa de Prezos de Ternera Gallega rexistrou o último pico de prezos en decembro do 2014, cando as cotizacións chegaron ós 4,94 euros por quilo (media dos xatos de categoría U). En xullo deste ano, os valores situábanse en 4,50 euros e daí non se moveron en todo o mes, unha circunstancia que preocupa ós gandeiros.

A esta situación, hai que engadirlle os problemas derivados da seca estival, que obrigarán previsiblemente a unha maior compra de forraxes e cereais para o gando, segundo as estimacións do Sindicato Labrego. A organización lembra tamén que este ano se reduciron as axudas agroambientais para as explotacións de vacún de carne, factores todos eles que unidos levarán a unha baixada da renda para os gandeiros galegos, advirte o SLG.

Medidas
Ante esta situación, o Sindicato Labrego demanda medidas da Administración que fomenten o consumo, como unha maior promoción ou a compra pública para comedores escolares e hospitais. A organización agraria cre tamén necesaria a mellora das axudas directas a explotacións en zonas desfavorecidas, así como unha negociación de prezos entre os distintos axentes do sector.

O SLG entende que o Ministerio de Agricultura e a Consellería de Medio Rural deberían reunir ós axentes do sector (industrias, distribución, organizacións agrarias) para impulsar acordos que contribúan á recuperación dos prezos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información