O agro fai balance de danos pola crise do coronavirus

As organizacións agrarias destacan o impacto da crise no conxunto dos sectores, en especial no vacún de carne, ovino, avicultura, viño e pequenos produtores de horta. Demandan axudas directas ‘de minimis’ e a reprogramación de fondos do Plan de Desenvolvemento Rural

O agro fai balance de danos pola crise do coronavirus

O vacún de carne é un dos sectores máis afectados polo peche da restauración.

O agro continuou operativo ó 100% durante toda a crise do coronavirus, garantindo o abastecemento alimentario da poboación, pero o peche da restauración e a caída do turismo están provocando serias perdas en gran parte dos sectores agrarios. Unións Agrarias e o Sindicato Labrego presentaron hoxe sendos balances para valorar o impacto da crise no agro.

Un dos sectores máis afectados e con máis peso en Galicia é o da gandería de vacún de carne, pois os becerros de sacrificio sufriron importantes depreciacións, tanto os de cebadoiros como os de Ternera Gallega Suprema. Tamén o vacún maior orientado á restauración se viu afectado e unha víctima colateral da situación están sendo as ganderías de vacún de leite, que viron como os xatos de recría depreciáronse ata un 83%, segundo as estimacións de Unións Agrarias.

As granxas de polos, pola súa banda, están véndose afectadas pola caída do turismo. Ante a baixada de consumo que se produciu, as integradores apostan por reducir camadas nas granxas, segundo explica Unións, o que levará a perdas de ingresos no sector duns 3,5 millóns de euros no 2020, en cálculos da organización.

En ovino e caprino, tamén con fortes perdas, as axudas creadas polo Ministerio de Agricultura non se axeitan a Galicia, segundo advirte o Sindicato Labrego, que lle pide á Xunta que cree axudas propias ás que poidan acceder tódalas ganderías, sen un número mínimo de cabezas.

Axudas de minimis
O Sindicato Labrego avoga pola fórmula das chamadas axudas de minimis para os distintos sectores afectados. “Son pequenas axudas que pode conceder un estado membro sen a obriga de comunicarllo a Comisión Europea. Actualmente, ampliouse a contía das axudas de mínimis para o sector agrícola, pasando de 25.000 euros (durante tres periodos fiscais) a 100.000 euros. Outra vía para crear axudas nos sectores agrícola e forestal serían subvencións estatais suxeitas ao Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión Europea”, sinala a organización agraria en nota de prensa.

“No Estado temos numerosos exemplos de que as comunidades poden crear as súas propias liñas de axudas. En Navarra, pagan 3 euros por ovella e financian o almacenamento privado de canais de año. Tamén pagan por hectárea de remolacha azucareira. Outro exemplo, no 2017, A Rioxa deu axudas de mínimis pola seca (3 € por cabra e ovella e 15 € por vaca nutriz)”, explica o Sindicato Labrego.

Outra vía pola que o Sindicato Labrego e Unións piden axudas para os sectores en crise é por medio da reprogramación dos fondos de desenvolvemento rural.

Horta, pataca e viñedo
As axudas de minimis, a parte de beneficiar ó sector gandeiro, axeitaríanse ademais ás necesidades das explotacións de horta ou de pequenos produtores que traballan con producións varias (horta, mel, poucas cabezas de gando, etc.). “Son explotacións que fan venda directa en mercados e restauración. En extensión son pequenas, polo que calquera cobro por hectárea non serviría. Precisan unha axuda de minimis por persoa”, defende o Sindicato Labrego.

Esta organización agraria incide tamén en que as pequenas industrias transformadoras, como adegas ou queixerías, que non adoitan entrar nos supermercados, tamén se viron moi perxudicadas pola crise. “O primeiro mes foi para moitas de facturación cero. Algunhas están tentando outras vías de comercialización, pero precísanse axudas directas se non queremos que a pequena transformación desapareza”, advirte o Sindicato Labrego.

O sector do viño enfróntase ademais á paralización de grandes continxentes de viños nas adegas, o que abre incógnitas de cara á próxima vendima.

Outros sectores tamén afectados son o da flor cortada, sen case mercados en plena campaña, e o da pataca, onde quedan uns 3,5 millóns de quilos de patacas sen vender, segundo cálculos de Unións Agrarias. “Os custos de produción rondan os 10 céntimos e hai intermediarios que están facendo ofertas a 5 céntimos”, advirte o secretario xeral de Unións, Roberto García, que tamén quixo recoñecer o compromiso de cadeas como Vegalsa-Eroski en apoiar a comercialización da pataca galega a prezos xustos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información