O agro busca unha saída ó ‘labirinto’ de xurros da Limia

Medio Rural anuncia o pago de primas para os gandeiros de toda Galicia que envíen puríns ás futuras plantas de tratamento, que se queren ubicar en Xinzo, no Deza, en Mazaricos e na Pastoriza. A Xunta trata de esquivar a declaración dunha Zona Vulnerable a Nitratos na Limia

O agro busca unha saída ó ‘labirinto’ de xurros da Limia

Reunión hoxe da Mesa da Limia, con participación de colectivos agrarios, empresariais, Coren, Xunta e ecoloxistas.

O alto volume de xurros que xeran as ganderías intensivas da Limia teñen complicado encaixe na comarca, unha situación que se foi capeando ata que o problema saltou a Bruxelas, onde a Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea recibiu a finais do 2018 unha denuncia pola contaminación por nitratos na Limia. O sector gandeiro e industrial da comarca apura dende entón reunións coa Administración, a última na mañá de hoxe, para buscar solucións que non vaian en perxuicio de gandeiros e agricultores.

As alternativas que a Xunta pon sobre a mesa pasan polo tratamento de parte dos xurros xerados nunha nova planta que quere poñer en marcha na Limia. Esta planta viría a complementar á que Coren ten en Sarreaus, en proceso de reapertura, tras anos pechada. Coren informou hoxe na reunión da Mesa da Limia que antes do Nadal conta con reabrir a planta, que ten capacidade para tratar arredor de 100.000 toneladas de puríns ó ano.

Primas para as granxas
A nova planta proposta pola Xunta para A Limia complementaríase con outras tres no resto de Galicia (Deza, Mazaricos e A Pastoriza). O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou hoxe na Limia que o obxectivo da Administración é abonarlle ós gandeiros primas por metro cúbico de purín que entreguen nas futuras plantas de tratamento. A Xunta proxecta que esas primas se financien cos fondos do novo ciclo de axudas da Política Agraria Común (PAC 2021-2027).

Outra das iniciativas medioambientais anunciadas pola Xunta é a elaboración dunha Lei de Dexeccións Gandeiras. Con estas medidas, a Xunta considera que poderá esquivar a declaración dunha Zona Vulnerable a Nitratos na Limia.

Zona Vulnerable a Nitratos, ‘pataca quente’

A declaración dunha Zona Vulnerable a Nitratos, que non desexan nin Coren nin a maioría de granxas da comarca, obrigaría a establecer medidas de obrigado cumprimento para ganderías e agricultores. Entre elas, a limitación dos periodos nos que se pode fertilizar a terra ou aplicar xurros, a cantidade máxima de fertilizantes a aplicar (170 quilos de nitróxeno por hectárea e ano) ou un rexistro de abonado e de parcelas nas que se aplicaron os puríns.

A Xunta oponse a que o Ministerio identifique o encoro das Conchas como zona afectada por nitratos agrarios

O problema evidente de contaminación por nitratos que atravesa o encoro das Conchas, augas abaixo da Limia, levou ó Ministerio para la Transición Ecológica a identificalo este verán como zona afectada por nitratos agrarios nun proxecto de orde que prepara sobre a materia. Esa catalogación é un paso previo á declaración dunha Zona Vulnerable a Nitratos na comarca, unha declaración que sería competencia da Xunta.

A Administración galega trata de esquivar ese paso. Polo de agora, Medio Rural alegou contra o proxecto de orde do Ministerio para la Transición Ecolóxica. Argumenta a Xunta que ningún punto de mostreo de augas subterráneas reflicte valores medios anuais superiores ós 50 miligramos de nitratos por litro de auga -o límite legal-, se ben tamén é certo que a Confederación Hidrográfica ten detectados incumprimentos puntuais nun 24% dos seus puntos de mostreo.

A Plataforma Auga Limpa Xa incide na necesidade de medidas eficaces que atallen a contaminación das augas

O problema dos xurros na Limia é dobre. Por un lado, as posibles limitacións afectan a granxas e agricultores. Por outro lado, a contaminación das augas é un asunto que lle preocupa a tódolos veciños.

Debate
A Plataforma Auga Limpa Xa, que aglutina a veciños sensibilizados co problema da contaminación das augas, analiza a cuestión con prudencia. “Estamos vendo que nos últimos meses hai interese de tódalas partes por buscar solucións, pero tamén é certo que son precisos feitos, non só palabras. Pola nosa parte, pedimos medidas eficaces de regulación dos residuos gandeiros”, explica Carmen Rodríguez, que participou hoxe na Mesa da Limia como unha das integrantes da Plataforma Auga Limpa Xa.

Desde o colectivo veciñal advirten tamén de que hai análises de pozos privados que reflicten valores máis altos de nitratos que os recollidos polos mostreos da Confederación Hidrográfica. “Hai un problema de valores altos de nitratos, dos que os veciños deben estar informados, e hai que buscar solucións antes de que o problema medre”.

O aumento da xestión dos puríns en plantas de tratamento é unha cuestión que a Plataforma vería como positiva. Outra opción que suxire é a extensificación de parte da gandería intensiva da Limia. “Coren está traballando en proxectos de porcino ecolóxico ou semiextensivo e sería interesante que algún deses proxectos, con menor carga gandeira, sustituíse a granxas intensivas da comarca”, valora Carmen Rodríguez.

Actualización: Información modificada o 21-IX por petición da Plataforma Auga Limpa Xa, que quixo rectificar as declaracións feitas o día anterior.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información