O adianto electoral frustra a aprobación da Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terras Agrarias

O Goberno galego decidira aprazar a aprobación no Consello da Xunta e a súa remisión ao Parlamento por temor a que crease, en pleno ano electoral, rexeitamento social por parte dos propietarios de fincas abandonadas. A disolución da Cámara fará agora que o proxecto normativo teña que agardar á vindeira lexislatura

Terras desaproveitadas no Val de Lemos

Terras desaproveitadas no Val de Lemos

A Lei de Mobilidade de Terras non será unha realidade nesta lexislatura e posiblemente non vexa a luz este ano. O adianto electoral anunciado no día de onte polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, dá ao traste coa intención da Consellería do Medio Rural de dotarse dunha norma coa que enfrontar a continua perda de superficie agraria que se está a producir en Galicia.

O proxecto de Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terras Agrarias foi anunciado para o pasado mes de novembro pero aínda non entrou no Parlamento. A Xunta tería decidido retrasar a aprobación da nova norma en busca de consenso en ano electoral e na Consellería admiten que as présas iniciais por sacar adiante a norma tornáronse en cautela ás portas das eleccións.

Aínda que foi anunciada polo propio conselleiro do Medio Rural, José González, para finais de 2019, a aprobación definitiva da nova Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terras Agrarias terá agora que agardar á nova lexislatura e á toma de posesión do novo Goberno galego saído dos comicios do día 5 de abril.

A estas alturas o proxecto de Lei aínda non entrara no Parlamento (a Xunta limítabase a anunciar que “proximamente” iniciaría a súa tramitación parlamentaria) e a inmediata disolución da Cámara galega impedirá xa que o poida facer até o segundo semestre do ano como moi cedo e sempre que o novo Executivo non decida introducir cambios ou mesmo elaborar un novo texto normativo.

O temor a que a nova Lei fose considerada intervencionista e crease rexeitamento social ás portas dunhas eleccións autonómicas fixo que nas últimas semanas se retrasase a súa aprobación no Consello da Xunta

Por iso, o retraso (quizais intencionado) da súa entrada no Parlamento fará probablemente que a norma non entre en vigor este ano. Tralas eleccións do 5 de abril os deputados electos deberán tomar posesión e, logo da constitución da Cámara, deberá elexirse presidente da Xunta, que á súa vez nomeará aos novos conselleiros. Co novo Goberno formado a Lei deberá ir ao Consello da Xunta e, de aí, ao Parlamento, cando este inicie as súas sesións de traballo.

Que a nova normativa para a mobilidade de terras quede ou non aprobada definitivamente antes de que remate 2020 dependerá tamén da consideración coa que sexa tramitada na Cámara. Se entra como proxecto de Lei ten unha tramitación e se entra como anteproxecto ten outra diferente e ese é un aspecto que vai depender da decisión do propio Parlamento galego.

Temor ao castigo nas urnas dos propietarios de terras abandonadas

O temor a que a nova Lei fose considerada demasiado intervencionista e crease rexeitamento social ás portas dunhas eleccións autonómicas fixeran nas últimas semanas que se retrasase a súa aprobación no Consello da Xunta, paso previo á súa remisión ao Parlamento. Presións internas desde sectores do propio Goberno e o partido que o sustenta obrigaron a recuar nas súas intencións á Consellería do Medio Rural, onde admiten que as présas iniciais por sacar adiante a norma tornáronse en cautela e en querer explicala ben antes a medida que se achegaba a data dos comicios.

Na argumentación que dan desde a Xunta apelan á búsqueda de consenso. “Estamos traballando desde a Consellería en dúas novas normas, o anteproxecto de Lei de Xestión de Residuos Gandeiros para regular o uso dos xurros e a Lei de Mobilidade de Terras. Se por nós fora estarían xa as dúas no Parlamento, pero, pola súa trascendencia, non é bo aprobalas con urxencia, é mellor explicalas antes. Así que a présa que tiñamos ao principio transformouse nun desexo de querer explicalas ben, tres meses máis é o de menos se acertamos para que sexa unha norma útil e eficaz e para que non teña rexeitamento social”, admitía a finais de xaneiro o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, a Campo Galego, cando aínda se contaba con esgotar a lexislatura, que acabaría oficialmente en outono de non terse producido o adianto electoral anunciado onte.

Se por nós fora tanto a lei de mobilidade de terras como a de xestión de xurros estarían xa no Parlamento pero pola súa trascendencia non é bo aprobalas con urxencia, é mellor explicalas antes (José Balseiros)

O propio conselleiro do Medio Rural, José González, que anunciara para novembro a entrada da nova Lei na Cámara galega, así como os demais altos cargos políticos e técnicos da Consellería adicaron as últimas semanas, desde o pasado mes de decembro, a explicar os principais pormenores da nova norma aos distintos sectores vinculados co rural, presentando un adianto da nova lei ao Consello Agrario, ao Consello Forestal, a asociacións e colectivos profesionais como os enxeñeiros agrícolas e forestais, aos Consellos Reguladores das cinco D.O. de viño galegas ou mesmo en reunións explicativas con veciños solicitadas polos alcaldes. “Escoitar antes ao sector é positivo porque hai aportacións que enriquecen a norma, igual que as experiencias piloto previas que estamos xa probando e que serven como espello”, aseguraba Balseiros.

Un texto articulado que non chegou a facerse público

As espectativas que había postas na nova norma para favorecer a posta en produción da superficie cultivable e que agora queda en stand by eran moi altas: “Sen dúbida, vai supoñer un antes e un despois”, afirmaba Balseiros. O borrador do que todo o mundo falaba de oídas (a Consellería non facilitou cando menos o documento a Campo Galego malia telo solicitado) carecía até o de agora de maior concreción que o avanzado polo propio conselleiro e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, en distintas comparecencias públicas. Pero descoñecíanse a día de hoxe os pormenores do articulado normativo, os prazos de aplicación e a proposta orzamentaria que debía acompañar a execución da nova lei.

E mesmo algunhas das cuestións recollidas inicialmente estaban a ser valoradas e non se descartaban cambios previos á súa tramitación e mesmo tamén durante ela. “O espíritu non vai cambiar, pero a regulamentación e o articulado é probable que sufra aínda modificacións para poñer esta Lei en consonancia con outras que xa esisten (como a Lei do Solo ou a Lei de Montes) para que non a limiten na súa aplicación”, avanzaba o director xeral de Gandería semanas atrás. Aínda que a Lei de Mobilidade de Terras depende de Agader, José Balseiros aseguraba que eran moitas as persoas interesadas en montar un proxecto no rural galego que acudían diariamente ao seu departamento a preguntar, porque ter superficie dispoñible dabonda é un dos condicionantes fundamentais en moitos casos para poñelos en marcha.

Medidas para evitar o bloqueo das ferramentas de ordenación

Recuperar terras abandonadas para facilitar base territorial ás explotacións creando así riqueza e emprego no rural para evitar deste xeito os incendios forestais foi o obxectivo primordial que se marcou o José González cando se fixo cargo da Consellería do Medio Rural fai case ano e medio (a finais de setembro de 2018).

A súa medida estrela para logralo era precisamente a futura Lei de Recuperación e Posta en Valor da Terra Agraria de Galicia, unha norma da que se falou moito durante todo o seu mandato. A nova Lei apostaba por unha serie de medidas voluntarias para favorecer a mobilización de terras a través de ferramentas como os polígonos agroforestais, os proxectos de xestión conxunta da terra, a iniciativa de aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario, pero reservábase a capacidade para impedir o bloqueo por parte dunha minoría de propietarios a este tipo de proxectos de ordenación.

Tamén se impulsaban dous instrumentos clave, como son o Banco de Terras, que estaba previsto axilizar, e o Banco de Explotacións. Este último serviría para facilitar o contacto entre agricultores e gandeiros que vaian deixar a súa actividade e outras persoas interesadas en darlle continuidade, co fin de evitar o seu desmantelamento e o das terras que as conforman.

A lei xorde, precisamente, como resultado das conclusións do ditame da Comisión do Parlamento Galego creada a raíz dos incendios forestais de 2017 e abrangue as terras con vocación agraria, forestal e gandeira, é dicir, os tres usos fundamentais do solo rústico galego. Para animar os arrendamentos ou a compra-venda de terras, contemplábanse tamén beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación de terras. O fin último era dar seguridade xurídica tanto aos propietarios da terra como aos arrendadores, así como permitir que a Xunta de Galicia poida intervir en todas aquelas parcelas cuxo propietario está ilocalizable.

Ensaios previos con distintos proxectos piloto

Encuentro de Medio Rural con vecinos de Osmo, en Cenlle.

Encontro do conselleiro de Medio Rural con veciños da aldea modelo de Osmo, en Cenlle

Namentres finalizaba a redacción da norma para a súa aprobación parlamentaria, a Xunta avanzou nunha serie de plans piloto de mobilidade de terras anunciados en comarcas como Lemos, Ancares, Courel, O Ribeiro ou Verín. As terras destes proxectos piloto, con concesións que poden chegar aos 30 anos de arrendamento, forman parte dos denominados polígonos agroforestais. A intención da Consellería do Medio Rural é probar o funcionamento desta ferramenta en 15 lugares experimentais cunha superficie total dunhas 10.000 hectáreas de terras abandonadas de alta calidade agraria, para poñela a disposición de agricultores e gandeiros interesados en cultivala. Estas iniciativas seguen adiante e, a priori, non se verían afectadas pola convocatoria electoral.

O departamento que dirixe José González actuará como intermediario entre propietarios e arrendatarios, confiando en que estes alugueiros constitúan un complemento interesante para moitos pensionistas. No caso das parcelas ilocalizables, as rendas que se paguen está previsto que vaian ao erario público da Xunta de Galicia. O investimento previsto nestas iniciativas é de 2,7 millóns de euros e están en marcha polígonos agroforestais no Courel, Ancares e Val de Lemos, na provincia de Lugo, así como en Cualedro, Oímbra e Arnoia, na de Ourense. En fase de proxecto ou previstos hai outros en Vilalba, Quiroga, O Barco de Valdeorras, o Baixo Miño ou A Cañiza.

O Banco de Terras actúa como instrumento de identificación de áreas de gran aptitude agraria e elevado grao de abandono, de elemento para a concentración da oferta a través da dinamización das persoas titulares dos terreos e de posta en contacto e arbitraxe entre titulares e axentes, tales como cooperativas ou empresas agrarias, interesados en promover proxectos produtivos agrarios de gran envergadura.

As aldeas modelo

De xeito parello tamén se está comezando a instaurar a modo experimental outra das ferramentas novidosas da futura Lei, as denominadas aldeas modelo. Xa son seis as declaradas pola Xunta. Son Penedo (Boborás), Muimenta (Carballeda de Avia), Infesta (Monterrei), Trabazón (O Irixo), Trascastro (O Incio) e Osmo (Cenlle). Nelas a Consellería do Medio Rural busca un aproveitamento produtivo das franxas de prevención contra incendios forestais arredor dos núcleos habitados para dar cumprimento deste xeito ás distancias de plantacións establecidas na Lei 7/2012 de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia.

Nestes seis casos concretos suporá actuar nun total de case 138 hectáreas, correspondentes a máis de 3.800 parcelas de preto de 800 propietarios. As fincas terán un uso produtivo diferente en cada aldea modelo, centrándose na maioría dos casos en gandeiría extensiva tanto de porco celta como de razas autóctonas bovinas, aínda que tamén se fará cultivo de cereais nalgúns casos.

A Consellería do Medio Rural informaba o pasado mes de novembro de que recibiu xa 47 solicitudes para poñer en marcha aldeas modelo por toda a xeografía galega, das que están en trámite máis de 20, que suporán a posta en valor de máis de 620 hectáreas en case 13.000 parcelas duns 3.200 propietarios.

Radiografía da situación da superficie agraria en Galicia:

(I) Onde foron parar máis de 150.000 hectáreas de terras produtivas en Galicia nas últimas décadas?

(II) A polarización no uso da terra: intensificación nunhas zonas e abandono noutras

(III) A presión do eucalipto sobre a superficie agrícola: 240.000 hectáreas plantadas desde a entrada na UE

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información