“O 75% dos participantes nas asembleas das Comunidades de Montes son homes”

Beatriz Rodríguez-Morales prepara a súa tese de doutoramento sobre a percepción social do monte e os seus beneficios para a colectividade e levou a cabo unha experiencia con mulleres no monte comunal do Xalo, en Culleredo

Beatriz, Laura e Pilar

A impulsora do proxecto, Beatriz Rodríguez-Morales (en primeiro termo), acompañada por dúas veciñas, Laura Rei e Pilar Iglesias, durante a presentación en Lugo

As mulleres son maioría na meirande parte das parroquias galegas pero as decisións nas preto de 3.000 comunidades de montes veciñais que hai na comunidade tómanas xeralmente os homes. É unha das principais evidencias que reflicten os traballos previos para a tese de doutoramento que prepara a enxeñeira forestal do campus de Lugo Beatriz Rodríguez-Morales.

“A xestión do monte comunal está moi masculinizada. As mulleres participan menos na toma de decisións, o 75% dos participantes nas asembleas das CMVMC son homes”, explica Beatriz. “Esto implica -engade- que se perde a visión das mulleres e, polo tanto, o que elas poden aportar á gobernanza do monte”.

Pero hai mulleres dispostas a mudar esta realidade e rachar este (un máis) teito de cristal para acadar algún día unha sociedade igualitaria (tamén no rural). Na parroquia de Celas de Peiro, pertencente ao concello coruñés de Culleredo, hai un grupo de pioneiras. A raíz dun proxecto impulsado por Beatriz como actividade complementaria dentro da súa tese de doutoramento as mulleres da parroquia tomaron conciencia da necesidade de se implicaren na xestión do monte comunal.

“Na directiva da comunidade de montes non hai ningunha muller na actualidade pero nunca se puxera en cuestión até agora”, afirma Rosa

“Na directiva da comunidade de montes non hai ningunha muller na actualidade pero agora estamos concienciadas de que temos que formar parte, implicarnos e participar. Ese debate non se puxera nunca en cuestión até agora. O mesmo feito de poñelo enriba da mesa xa foi un paso importante”, afirma Rosa, unha das veciñas que participaron na iniciativa e que expuxeron recentemente a súa experiencia na Escola Politécnica Superior de Lugo.

A inquedanza das mulleres da parroquia serviu xa para mudar certas cousas. “A voz cantante nas asembleas sempre a levan os homes e até agora tampouco demostraron ter interese real en que formaramos parte da directiva. Agora, a raíz deste proxecto, invitáronnos a que algunha de nós dea o paso e entre”, explica Amparo.

Pero para que as mulleres poidan tomar decisións “deben estar en cargos de responsabilidade, non no fondo da lista ou de simple recheo, cunha presenza testemuñal”, engade Pilar, que é presidenta da asociación As Berenguelas, unha asociación feminista local que se implicou de cheo no proxecto. A asociación foi creada no 2016 e está formada por 120 mulleres de 5 parroquias do municipio.

Unha visión máis transversal

“Un dos problemas de que xestionen os montes os homes é que só ven unha das producións que ten o monte, que é a madeira. As mulleres temos unha visión máis integral. No caso de Celas, até agora o único recurso que se sacaba do monte era madeira, agora estamos tentando diversificar con outros usos pensados máis alá do produtivo, no disfrute, como son as rutas”, conta Elena, outra das participantes.

“Os homes só pensan en sacar madeira do monte, as mulleres temos unha visión máis integral”, di Elena

“As mulleres no rural poucas veces somos tidas en conta, segue habendo unha grande invisibilización e un escaso recoñecimento do traballo que fan as mulleres no rural”, opina Laura. “Isto ocorre tamén no monte comunal. Mesmo cando as verdadeiras propietarias son as mulleres por seren elas as oriundas da parroquia, na comunidade de montes están os seus homes, aínda que viñeran doutros lugares”, describe.

Amparo culpa deste feito aos roles sociais asentados. “En moitas ocasións nós non asumimos ese papel representativo por estar ocupadas noutras tarefas como os traballos da casa ou o coidado dos fillos”, argumenta.

Diversificar os usos do monte

Unha das cortas levadas a cabo nos últimos anos no monte Xalo

Unha das cortas levadas a cabo nos últimos anos no monte Xalo

Na comarca da Coruña o peso dos montes veciñais é dos máis baixos de Galicia, xa que só o 2% da superficie forestal da bisbarra pertence a algunha Comunidade de Montes fronte ao 98% de propiedade particular. Sen embargo, o monte Xalo pertence maioritariamente a dúas comunidades de montes, a de Celas e a de Castelo, que se dividen a súa superficie en virtude dun deslinde aprobado en 1968.

O monte pertencente á CMVMC Xalo-Celas está conveniado nunha grande parte (o convenio, que data de 1994, inclúe unha superficie de 307,5 hectáreas). Ten, polo tanto, unha vocación claramente produtiva, con presenza de eucalipto e co piñeiro como especie maioritaria. De feito, no monte Xalo atópase unha parcela para o control e a mellora do pinus radiata en Galicia que está xestionada polo Centro de investigación de Lourizán (Pontevedra).

Os ingresos por vendas de madeira supuxeron 50.000 euros o ano pasado e o 90% reinvístense en melloras no monte

Os aproveitamentos no Xalo case se limitan exclusivamente á produción de madeira, que supón case que o 75% dos ingresos da CMVMC. As vendas de madeira entre 2004 e 2014 supuxeron uns ingresos totais de 157.000 euros para a Comunidade de Montes e no ano 2018 foron de 50.000 euros. O 90% dos ingresos por venda de madeira reinvístense en melloras no monte.

Distribución das distintas especies forestais na CMVMC Xalo-Celas

Distribución das distintas especies forestais na CMVMC Xalo-Celas

En relación á man de obra empregada, a CMVMC de Xalo non conta con maquinaria nin cuadrilla propia, polo que os traballos referidos ao monte subcontrátanse a empresas do sector forestal. As condicións de mecanización destes montes son en xeral malas existindo algo máis do 90% da superficie con pendentes superiores ó 35%.

Non volveron poñer eucalipto e apostan por diversificar as especies coas que repoboar

O Xalo conta cun proxecto de ordenación elaborado no ano 2016. O monte consta de varias parcelas, formando un coto redondo e o 80% da superficie está arborada con distintas especies en función das zonas con distinta pendente. As cotas oscilan entre os 550 metros de altitude do punto máis elevado e os 90 metros sobre o nivel do mar no punto máis baixo, situado nos arredores de Celas. As pendentes poden considerarse como pronunciadas en case todo o monte, sendo nalgúns casos superiores ao 45%.

Repoboación efectuada con piñeiro radiata

Repoboación efectuada con piñeiro radiata

Pero a actual directiva, que preside Xosé Antonio Barbeito, decidiu diversificar os usos do monte e as especies forestais coas que repoboar. Non volveron poñer eucalipto. Na parte máis alta repoboaron 40 hectáreas con piñeiro e en zonas máis baixas plantaron carballos, castiñeiros, bidueiras, cerdeiras e avelaos. E están decididos a continuar con esta aposta polas especies autóctonas mediante novas repoboacións.

Captacións para a traída municipal

A auga é outra das riquezas deste entorno. No Xalo nace o río Anllóns, fomando diferentes bacías ou concas. Ademáis, existen varios regatos que percorren o monte e que coinciden con zonas de valgadas con bosques ripícolas de importancia ecolóxica. De feito, o monte Xalo está incluído na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Contan cun convenio co Concello de Culleredo para o aproveitamento dos mananciais que ten como contrapartida un investimento municipal de 75.000 euros anuais en actuacións na parroquia

O lugar ten tantas fontes que hai unha lenda que di que se abriran de golpe todas as fontes do Xalo desaparecerían anegadas todas as aldeas do val. O Concello de Culleredo emprega estes mananciais para a traída municipal. A auga que sae deles, tan pura que non precisa nin ser tratada, é recollida e canalizada até uns depósitos desde os que se subministra a unha parte das vivendas do municipio. A captación consta de tres pozos e un depósito situados no monte comunal.

O acordo coa Comunidade de Montes, subscrito no ano 2000 e renovado no pasado mes de outubro por un periodo de 15 anos, inclúe como contrapartida un investimento por parte do Concello de 75.000 euros anuais na parroquia en obras de interese veciñal decididas polos comuneiros. As casas da parroquia non pagan tampouco o enganche á traída municipal.

Riqueza paisaxística e valor social

Xunto coas tradicionais funcións dos montes, o uso do monte como lugar de esparexemento ten hoxe en día un interese moi importante derivado da maior demanda de espazos ao aire libre por parte da sociedade. No caso do monte Xalo, ao atoparse perto da cidade da Coruña, este interese aumenta.

Cunha importante afluencia de visitantes, diversas rutas de sendeirismo discorren por este entorno e existe mesmo un circuito de mountain bike onde se realizan diversas competicións. Ademáis tamén, a zona alta utilizase para realizar despegues de parapente.

Vistas desde o monte Xalo

Vistas desde o monte Xalo

O Xalo é un dos cumios máis altos da zona litoral coruñesa. Desde el divísanse varias comarcas a quilómetros de distancia. Nun día despexado e sen brétema vese desde o Porto Exterior de Ferrol e cabo Prioriño á Torre de Hércules ou a Costa da Morte.

A zona conta cun importante valor paisaxístico e está inzada de grandes pedras con distintos nomes que fan referencia á súa forma particular. Están por exemplo As Picudas, a Pedra do Vello ou a dos Corvos pero tamén outras cargadas de lendas e significado, como a Porta do Inferno ou a Igrexa dos Mouros. Como unha paraxe de alto interese cultural, destaca tamén a presenza de muiños e de diversos xacementos arqueolóxicos catalogados.

O proxecto levado a cabo polas mulleres de Celas serviu tamén poñer en valor o interese que na actual directiva da comunidade de montes hai en sinalizar e promocionar as múltiples rutas de sendeirismo que hai no monte Xalo, así como poñer en valor as vellas lendas existentes ou recuperar distintos elementos patrimoniais. Son proxectos nos que levan traballando xa algún tempo.

De feito, a CMVMC ten proxectada a creación de dous miradores na zona de Castelo da Veiga e da Pedra do Empoladoiro para potenciar os sendeiros existentes e o disfrute da paisaxe. Contar cunha zona de uso recreativo deste tipo (non existe ningunha na actualidade) considérase que sería positivo para mellorar a multifuncionalidade do monte.

“O monte uniu a distintas xeracións”

As veciñas participantes no proxecto do Monte Xalo

Algunhas veciñas participantes no proxecto. De esquerda a dereita: na fila superior, Beatriz, Amparo e Laura; na do medio, María José, Rosa, Elena, Carmen, Marga, Carmen e Pilar; e na de abaixo, Carmen.

O obxectivo da investigación levada a cabo por Beatriz Rodríguez-Morales era coñecer a opinión e a visión que as mulleres da parroquia tiñan sobre o monte comunal. Para iso, escolleu un método de fotoxornalismo para que as veciñas participantes opinaran a través das imaxes que facían.

Un total de 23 mulleres animáronse a participar divididas en 5 grupos homoxéneos formados por persoas de distintas idades para facer andainas polo monte, nas que ían tomando as súas instantáneas. Cada grupo escolleu de xeito autónomo o percorrido que ían facer polo monte. As fotografías respondían a tres grupos: aspectos positivos do monte (valores e aportacións á parroquia), aspectos negativos (mala xestión, abandono, etc) e cambios na paisaxe e nos usos do monte producidos nos últimos anos.

En total, as participantes no proxecto fixeron case 400 fotografías xeoreferenciadas e a cada unha delas engadíronlle un título representativo, sobre o significado que para elas tiña a imaxe. Con todas esas fotos realizouse unha xornada de reflexión colectiva o 15 de outubro do ano pasado, coincidindo co Día Internacional da Muller Rural.

Imaxe dunha das andainas para que as mulleres tomaran instantáneas sobre o monte

Imaxe dunha das andainas para que as mulleres tomaran instantáneas sobre o monte

Unha selección das instantáneas tomadas, nas que hai imaxes de flora e fauna, dos produtos que dá o monte, dos que se valoraban antes (como a estrume) e hoxe (como o piñeiro e o eucalipto), de actividades de ocio e deporte e da convivencia necesaria entre as actividades produtivas e recreativas de persoas non propietarias, pero tamén de aspectos negativos e exemplos de mala xestión e abandono, de camiños en mal estado, de lixo ou do impacto visual de elementos como antenas de telefonía, serviu para confeccionar unha exposición itinerante que xa se moveu por distintos puntos de Galicia.

Nas andainas levadas a cabo para a toma de fotografías participaron mulleres de idades moi distintas, desde rapazas de 10 anos a avoas de 80. “Algunhas das veciñas había 60 anos que non subían ao monte Xalo, desde a súa nenez, cando acompañaban aos seus pais nas actividades agrogandeiras vinculadas ao monte”, explica Laura, que afirma que “o monte logrou unir a xeracións distintas, por exemplo, ás nenas e mozas da parroquia con persoas de moita máis idade creando un vínculo entre elas”. Quizais ese sexa o verdadeiro valor do monte comunal naquelas parroquias onde existe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información