Só o 2% dos acuíferos da Galicia Atlántica están afectados por nitratos

As masas superficiais de auga presentan unha presión significativa polos xurros en comarcas gandeiras como Xallas, Deza, Arzúa, A Ulloa ou A Limia. A Administración valora medidas de corrección

Carga de nitratos gandeiros por hectárea agraria na Galicia Atlántica. / Fonte: Plan Hidrolóxico Galicia Costa.

Carga de nitratos gandeiros por hectárea agraria na Galicia Atlántica. / Fonte: Plan Hidrolóxico Galicia Costa.

Galicia presenta en xeral un bo estado dos seus acuíferos subterráneos. Na parte Atlántica, dos máis de 1.400 puntos de mostraxe que ten Augas de Galicia, só 33 presentaron nos últimos anos uns niveis de nitratos máis altos dos permitidos. No interior de Lugo e Ourense, a situación é aínda mellor. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil non ten detectado ningún punto que supere o límite de 50 miligramos de nitratos por litro, o tope autorizado, e só hai media ducia de captacións que sobrepasan os 30 miligramos.

A contaminación difusa orixinada por nitratos relaciónase en boa medida co uso dos xurros gandeiros na fertilización das terras agrarias. O impacto dos xurros e dos abonos químicos considérase insignificante para a maioría de acuíferos, aínda que estímase un certo risco en determinados puntos de alta actividade agraria, como poden ser A Limia ou parte da conca Alta do Miño.

Ríos e encoros
A presión sobre as masas de augas superficiais (ríos, encoros, etc.) si se considera en cambio significativa en boa parte das comarcas gandeiras. Na área de Galicia – Costa, que engloba as provincias da Coruña, Pontevedra e norte de Lugo, Augas de Galicia identifica os principais impactos nas concas do Ulla, Tambre, Xallas e Mandeo.

En canto ó interior galego, destaca a conca do Limia, na que se está desenvolvendo o programa Life Rexenera Limia para reducir o impacto da contaminación agraria.

A superficie forestal absorbe gran parte da carga contaminante xerada pola actividade gandeira

As comarcas que maior presión de nitratos xeran sobre as augas superficiais correspóndense con algunhas das principais áreas gandeiras da comunidade. Na Galicia Atlántica, Augas de Galicia destaca o Deza, Arzúa, A Ulloa, comarca de Ordes e Xallas. Se se ten en conta tamén a contaminación por fósforo, o organismo engade O Salnés e Terra de Melide, segundo figura no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2016-2021.

O director de Augas de Galicia expuxo recentemente no Parlamento a intención da Administración autonómica de declarar en Galicia zonas vulnerables a nitratos, de cara a introducir un maior control sobre o uso dos xurros e minimizar os riscos de contaminación.

Factores de mitigación

Desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo tense evaluado o impacto dos xurros en Galicia, incidíndose en factores de mitigación como a ampla superficie forestal da comunidade.

O propio Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa destaca que un 40% das terras están ocupadas por superficie forestal, que absorbe gran parte da carga contaminante. Tamén as altas precipitacións anuais, que superan os 1.800 litros / metro cadrado en comarcas como Caldas, O Sar ou Pontevedra, contribúen a diluír as sustancias orgánicas.

Una idea sobre “Só o 2% dos acuíferos da Galicia Atlántica están afectados por nitratos

  1. Juan Castro

    O Director de Augas de Galicia fixo unhas declaracions moi graves no parlamento calumniando a o sector gandeiro galego de contaminar as augas, cando o Plan Hidrolóxico de Galicia Costa, do que é responsable, salienta a boa calidade dos acuíferos de Galicia. ¿Ningúen vaille a pedir que rectifique e pida desculpas? Hai que ser incompetente para non coñecer e contradecir o que un mesmo publica.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información