Nutrición e manexo das becerras de recría

Os primeiros meses de vida dunha becerra son decisivos na súa saúde e produción futuras. Existe consenso na necesidade de suministrarlle leite en cantidades suficientes, así como en coidar cuestións coma o calostro

Nutrición e manexo das becerras de recría

Becerras en casetas individuais nunha explotación.

As granxas fóronse concienciando nos últimos anos sobre o impacto que teñen os primeiros meses de vida dunha becerra sobre a súa saúde e produción futuras. Na recente Semana Gandeira de Mazaricos, o responsable de vacún leiteiro de Nanta, Manuel Rondón, expuxo puntos que considera claves para a mellora do manexo e nutrición das becerras. Resumimos a continuación as súas recomendacións, que comparten aspectos comúns coas de destacados expertos internacionais, como Robert Corbett.

Na recría de xovencas, o obxectivo sitúase en acadar animais altos e de boa condición corporal e peso. No primeiro ano de vida, as xovencas gañan un 50% do seu peso final e un 75% da súa altura. “Na altura, é conveniente lembrar que se se atrasa o crecemento nos primeiros meses, non se producirá un crecemento compensatorio máis adiante, como si pode suceder coa ganancia de peso”, sinala Manuel Rondón. “Unha xovenca de pequena estatura terá máis posibilidades nun futuro de sufrir problemas como endometrite tras os partos”, incide.

Ganancia de peso
A eficiencia alimentaria en xovencas é máis alta nos dous primeiros meses de vida. Nese período, cada 100 gramos de inxesta, tradúcense en 50-60 gramos de ganancia de peso. No período de 2 a 4 meses, tras o destete, a eficiencia baixa, pois de cada 100 gramos de inxesta, aumentará o peso en 30-40 gramos. A eficiencia alimentaria continuará descendendo progresivamente, ata que aos 9-10 meses, de cada 100 gramos inxeridos, só 8-10 transformaranse en peso.

Que áreas fan máis eficiente o desenvolvemento das xovencas durante a recría?. Manuel Rondón destaca a importancia do benestar dos animais e sinala as posibilidades de mellora do manexo nunha serie de cuestións, que pasamos a resumir.

Transición de casetas individuais a grupos
Un dos puntos complicados da recría é a transición de casetas individuais a lotes, que se adoita realizar aos dous meses de vida. Rondón defende un adianto das agrupacións en parellas ou pequenos grupos a partir da terceira semana, pois considera que xerará beneficios futuros nos animais, entre eles, os seguintes:

– Definición de habilidades sociais e maior capacidade de aprendizaxe.

– Maior inxesta de alimentos no momento do destete.

– Redución de tensión e de comportamentos anormais nos lotes, pois cada animal xa coñecerá previamente a algunhas das tenreiras que o acompañarán no lote.

– Animais máis dominantes á hora de comer en lotes e con menos medos.

– Aforro de espazo e man de obra.

– No longo prazo, é previsible que o animal entre antes en produción, co cal se alonga potencialmente a súa vida útil e a súa produción de leite.

Manuel Rondón.

Manuel Rondón.

Incremento do consumo de leite
No sistema tradicional de recría, practicábase unha dieta restritiva, con achegas de 4 litros de leite diarios ata o destete. Ese manexo traducíase en animais famentos e que gañan menos peso. O incremento na achega de leite, repartido en 2-3 tomas, permitirá adiantar o primeiro parto ata en 20 días e lograr unha primeira lactación con ao redor de 500 litros de leite máis, segundo sinala Manuel Rondón.

A diferenza de peso entre unha tenreira que segue unha dieta racionada de leite e unha becerra á que se lle permite un consumo libre supera os 20 quilos aos 54 días (61 quilos fronte a 83).

Achega de calostro nas primeiras horas de vida
Os estudos realizados revelan que a achega de calostro nas primeiras horas de vida será decisiva na vida do animal. Aqueles animais que consomen 4 litros de calostro nas primeiras horas tras o seu nacemento teñen unha ganancia media diaria de peso maior que aqueles que só consomen dous litros. Ao longo da súa vida produtiva, tamén está comprobado que a súa taxa de eliminación será menor.

A primeira achega de calostro inicial de 4 litros debe complementarse con achegas menores, de 2 litros ás 12 horas de vida, ou ben seguir o protocolo de 3 litros nas primeiras 2 horas de vida, 2 litros ás 6 h e 2 litros ás 12 h de vida.

Manexo do penso starter
O penso starter debe estar a libre disposición desde o 2º-3º día de vida ata os 3 meses de vida ou polo menos ata unha semana despois do destete. Debe estar nun cubo pouco profundo con fácil acceso para a becerra e afastado do cubo da auga para evitar que se molle. Tamén se recomenda que sexa moi palatable, evitando na súa composición ingredientes que causen rexeitamento, e que teña unha composición en nutrientes e ingredientes consistente e homoxénea no tempo, con pouca presenza de finos.

Con grandes volumes de leite, a inxesta de penso starter vese diminuída, pero a tenreira deberá consumir un mínimo de 1.3 kg de penso durante 3 días seguidos antes de destetala.

Conclusións

As recomendacións de Manuel Rondón para a mellora da recría de becerras nos seus primeiros meses de vida resúmese nos seguintes puntos:

– Agrupación de becerras a partir da terceira semana de vida.

– Asegurarse a inxesta de calostro en cantidade suficiente nas primeiras horas será clave para toda a vida do animal.

– Administrar máis leite nas primeiras semanas de vida do animal repercutirá nunha maior ganancia media diaria de peso e nunha maior produción de leite futuro

– O destete debe efectuarse de forma gradual e resulta conveniente atrasalo, pois mellora o crecemento do animal. Non debe facerse antes de 8-9 semanas.

– Na achega de starter, o penso texturizado é preferible ao pellet ou á fariña, xa que é máis agradable para o animal, o que se traducirá nun maior consumo.

– É aconsellable medir os progresos dos animais, de cara a valorar resultados e comparar manexo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información