Novos proxectos de Adegas Terras Gauda para lograr viños máis ecolóxicos

Publicidade
Novos proxectos de Adegas Terras Gauda para lograr viños máis ecolóxicos

Directivos de Terras Gauda nos viñedos da adega no Rosal

O grupo galego Adegas Terras Gauda, un referente no sector vitivinícola español, continúa apostando pola investigación e o desenvolvemento para a súa diferenciación con dous novos proxectos que porá en marcha proximamente. En concreto, a adega con sede no Rosal (Pontevedra), internacionaliza a súa estratexia de I+D+i e avanza no seu obxectivo de lograr unha maior sustentabilidade ambiental no viñedo, nos solos e na vide.

Así o presentaron esta mañá en rolda de prensa José María Fonseca Moretón, presidente do Grupo Terras Gauda; Antón Fonseca Fernández, vicepresidente; Enrique Costas Rodríguez, director xeral e Emilio Rodríguez Canas, director enológico de Adegas Terras Gauda

Proxecto europeo transversal

En concreto, Terras Gauda participa nun consorcio de empresas, centros de investigación, parques tecnolóxicos, agrupacións empresariais, institucións gobernamentais e universidades de diferentes países de Europa que abordará desde unha perspectiva multidisciplinar a procura de novas alternativas sustentables e eficientes ao uso dos fitosanitarios nos viñedos.

Este plan, no que participan Francia, Italia, Portugal, Grecia e España, desenvolverase no marco da convocatoria europea HORIZON 2020. A formulación consiste en propor melloras nas técnicas do cultivo, nos procesos e na metodoloxía de protección do viñedo, xeneralizando o uso de produtos máis naturais, menos agresivos, activos exclusivamente contra os organismos que causan as pragas. Ademais, ten que ser compatible a súa viabilidade económica coa diminución do impacto ambiental derivado da súa utilización.

O fin é adoptar unha estratexia nova implementando medidas de xestión que teñan en conta as peculiaridades ambientais, sociais e económicas das diferentes empresas e profesionais da viticultura. A achega das universidades a través das ciencias económicas e sociais será clave para lograr este obxectivo.

O consorcio europeo, que se está formando e será presentado a principios do 2020 para o desenvolvemento deste proxecto, pretende que os seus resultados se extrapolen a outro tipo de cultivos e países europeos con características diferenciais.

Biodiversidade

Terras Gauda, co apoio do CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial), traballará neste proxecto de investigación para conseguir a restauración da biodiversidade do chan.

Os obxectivos son demostrar os beneficios que ten para o correcto desenvolvemento da vide recobrar o equilibrio de elementos esenciais para o chan, grazas á recuperación da súa microbiota; introducir novos manexos da vide que induzan efectos positivos nunha maior resistencia natural ás enfermidades; e comprobar os resultados no proceso de vinificación, xa que se modificará a composición nutritiva dos mostos pola recuperación do terreo.

O interese da cooperación internacional cunha adega do Hemisferio Sur americano radica na importancia de realizar ensaios experimentais de prácticas vitícolas co mesmo obxectivo pero en dúas zonas xeográficas con características edafolóxicas e climáticas completamente diferentes. Unhas diferenzas que tamén son evidentes nas variedades de vide e nas formas de cultivo.

Neste sentido, obter datos reais de dúas campañas vitícolas nun mesmo exercicio dunha adega do Hemisferio Norte (Terras Gauda) e doutra do Hemisferio Sur outorga un gran valor experimental, os resultados serán máis amplos e reveladores, achegando maior valor científico.

Coa posta en marcha de ambos os plans, Terras Gauda prosegue coa súa estratexia de alcanzar unha maior sustentabilidade ambiental do viñedo, a contorna e os procesos a través da investigación, unha nova vía que iniciou co proxecto europeo de viticultura de precisión FOODIE de tres anos de duración, cuxos resultados se presentaron en 2018.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información