Once novidades concurren ó certame de innovación de Galiforest

Once novidades concurren ó certame de innovación de Galiforest

Primeiro premio de innovación de Galiforest na pasada edición.

Galiforest, a feira forestal que se desenvolverá do 28 ao 30 de xuño en Sergude (Boqueixón) contará unha edición máis cun concurso de innovación tecnolóxica, que premiará as máquinas e produtos que destaquen polo seu deseño, calidade de traballo e prestacións.

Once novidades concurren a esta edición do certame de innovación, entre as que figuran dous cabezais taladores, dúas procesadoras, un camión astillador, un centro de produción de leña para queima, unha raxadora horizontal progresiva, un sistema de embalaxe de leña, unha trituradora híbrida e dous tipos de pneumáticos forestais.

Para o seu recoñecemento, o xurado de expertos do Concurso terán en conta as melloras significativas nalgún aspecto importante da súa aplicación, tales como materiais, fiabilidade, sustentabilidade, seguridade no traballo ou ergonomía.

Anteriores premios
Na pasada edición de Galiforest, o gañador foi un sistema de control intelixente de grúa en autocargador que permitía que o traballo do operador fose máis fácil, xa que a prolonga da grúa traballaba de forma automática sen ser necesaria a súa intervención, o que melloraba tanto a ergonomía do maquinista como a eficiencia da máquina.

Tamén se concederan dúas mencións. Unha delas fora para un subsolador de disco, desenvolvido de cara a apertura de sucos na terra para posteriormente plantar árbores, o cal permitía dunha forma sinxela e con baixo custe económico a reforestación en determinados terreos, cunha maior eficiencia e sen atascarse en posibles obstáculos enterrados. A outra mención concedeuse a un cabezal talador de serra que posibilitaba a corta e recolección de árbores de pequena dimensión, podendo facer máis dunha corta e acumulando o recollido antes da súa deposición sobre o chan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información