Novas tecnoloxías para optimizar e axilizar a sementeira do millo forraxeiro

Resumo da xornada de demostración práctica organizada na Granxa Gayoso Castro e que incluíu dende programas e aplicacións para planificar e controlar a sementeira ata unha nova máquina de sementar que acada unha alta velocidade

Novas tecnoloxías para optimizar e axilizar a sementeira do millo forraxeiro

Asistentes á xornada durante a demostración de sementeira do millo que se fixo na Granxa Cayoso Castro.

Coa vista posta xa na nova campaña de sementeira do millo forraxeiro, arredor duns 200 agricultores, gandeiros e cooperativas da provincia de Lugo participaron esta semana na xornada sobre novas tecnoloxías para sementar o millo organizada polo Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal), en colaboración coa Deputación de Lugo.

Na sesión de formación, que se levou a cabo na Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, coñecéronse dende novas aplicacións e programas para planificar mellor a sementeira ata maquinaria máis efectiva que permite sementar en menos tempo e conseguir maiores rendementos.

As xornadas contaron coa participación de cinco empresas (Dekalb España, Agrícola Noroeste, The Climate Corporation, John Deere e Bayer España) que explicaron e fixeron demostracións reais de novas tecnoloxías que permiten realizar a sementeira do millo dun xeito máis eficiente. Estes avances en I+D+i permiten optimizar o potencial produtivo das variedades de millo empregadas segundo as condicións do chan e o clima da parcela na que se implanta o cultivo.

Planificar a sementeira

As sementes supoñen un dos custos mais importantes para o agricultor e estas novas tecnoloxías permiten optimizalas para acadar un máximo rendemento na produción. Ignacio Bañuls e Ricard Borrell da compañía The Climate Corporation presentaron a ferramenta informática Climate FieldView que axuda a xestionar toda a información que se emprega para planificar a sementeira.

Esta aplicación permite, ademais, facer un seguimento e control remoto en tempo real e detallado da sementeira e mesmo posibilita despois, por medio de imaxes de satélite, coñecer tanto o estado de saúde do cultivo como o mapa de consumo de auga para cada unha das partes da finca.

Programa-Dekalb-sementeira-millo-

A aplicación FielView permite recopilar os datos e controlar a sementeira en tempo real.

Coa propia aplicación FielView pode recrearse dixitalmente a parcela e acceder a un histórico de 3 anos atrás de imaxes en satélite co que coñecer o índice de vexetación do cultivo. Esta información resulta de gran utilidade posto que con ela distínguense as variacións da parcela, identificando as zonas mellores e peores da finca.

Precisamente botando man desta información e coñecendo as características do híbrido de millo que se vai sementar pódese axustar a sementeira, tal e como explicaron Marcial Costoya e Anna Pedrós de Dekalb España. Mediante un programa informático, pódese adaptar a densidade de sementeira ó híbrido de millo e ó potencial produtivo do chan, en función das súas características.

Dekalb presentou un programa co que dosificar a cantidade de semente axeitada a cada zona da parcela

Esta tecnoloxía permite realizar as prescricións de semente e programar e axustar doses variables en función das distintas zonas da parcela. O programa informático, ó estar conectado coa maquina de sementar, permite que esta vaia dosificando as sementes e depositándoas en cantidades diferentes en función da zona da parcela pola que pase.

Na xornada realizaron unha demostración na que se asignou distinto número de plantas a diferentes zonas en función da súas características. Así, nas zonas mellores plantaron unhas 105.000 plantas por hectáreas, mentres que nas intermedias empregaron 95.000 plantas e nas peores reduciron ata ás 85.000 plantas por hectárea, como apunta Pablo Amado, asesor agronómico de Dekalb.

O programa tamén recaba datos da xeolocalización durante a sementeira o que permite evitar desperdicios de sementes por pases dobres nunha mesma zona da parcela.

Axustar e optimizar a sementeira

Ramón Barreiro, de Agrícola Noroeste e John Deere, deu conta sobre a máquina de sementar millo 1725 NT de oito corpos, que permite traballar a alta velocidade, alcanzando os 16 quilómetros por hora, o dobre da velocidade dunha sementadora convencional, que ronda os 8 quilómetros por hora, como apuntou o experto. Incrementar a velocidade de sementeira permite a empresas e cooperativas aforrar custos de persoal ou ter que mercar unha segunda sementadora.

Barreiro destacou tamén que esta máquina resulta unha opción interesante para o territorio galego dada a inestabilidade meteorolóxica galega xa que gracias á súa rapidez para sementar o millo permite controlar con maior precisión os tempos de traballo previstos antes de que cambie ou empeore o tempo.

Sementeira-Millo-Cepal-Sementadora-1725NT-8-corpos-

A sementadora 1725 NT conta con oito corpos.

A máquina conta cun sistema de caída da semente mediante un cepillo transportador o que permite guiar o gran dende o disco dosificador ata o punto exacto do chan onde se quere sementar. Para iso conta con dous motores eléctricos en cada corpo, un para o dosificador e outro para o propio cepillo de transporte.

Este sistema permite tamén que a sementeira sexa máis precisa posto que o espazo entre sementes é o axeitado, sen variacións, e evítase tamén que saían dúas sementes xuntas ou que se produzan faltas, co que se calcula que se pode mellorar nun 15% o rendemento da sementeira.

A sementadora conta cun control dos tramos para non volver sobre zonas que xa foron sementadas, podendo anular puntualmente os corpos que sexa preciso en función das características da parcela. “Isto ten moita utilidade sobre todo en fincas irregulares e para parcelas pequenas, onde se pode conseguir un aforro en sementes dun 10%, dependendo da finca”, apunta.

A sementadora permite variar as doses e realizar control de tramos para optimizar a superficie plantada

A máquina dispón tamén dun sistema de contrapresión pneumática “para que a presión que se exerce sexa sempre constante en calquera parte do terreo e a calquera velocidade, para así non variar a sementeira”, concreta Barreiro.

Por outra banda, ademais das melloras tecnolóxicas, a empresa Bayer España tamén aproveitou a xornada para presentar ós asistentes algunhas das novidades máis destacadas nos produtos fitosanitarios empregados para o cultivo do millo forraxeiro.

Na xornada, os asistentes puideron comprobar xa algúns destes aspectos tecnolóxicos máis novidosos posto que as firmas realizaron unha demostración práctica dunha sementeira a alta velocidade con esta máquina con doses variables e controlando os tramos nos que se procedía a sementar para optimizar a superficie traballada. Na proba, o programa FielView encargouse de controlar a sementadora durante o traballo, variando as doses de sementes automaticamente en función da zona da parcela na que se localizaba o tractor.

Optimizar as producións

A xornada contou tamén coa participación do presidente da Deputación, Darío Campos, e o director do Cetal, Javier Bueno Lema, xunto ao representante de ABANCA, Jesús Combarros, que foron os encargados de inaugurar a sesión. Precisamente, Campos aproveitou para destacar algúns dos últimos proxectos impulsados polo órgano provincial relacionados co sector agrogandeiro.

Campos tamén reiterou que “o impulso do sector pasa pola necesaria modernización das aplicacións, sistemas de xestión e a maquinaria agrícola, que permita avanzar ao sector, facelo máis competitivo e mellorar a calidade de vida dos produtores”, apuntou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información