A nova cooperativa Aira facturou 97,8 millóns en 2017, un 6% máis

A nova cooperativa Aira facturou 97,8 millóns en 2017, un 6% máis

O pavillón deportivo de Taboada (Lugo) acolleu este venres a Asemblea Xeral Ordinaria de Aira logo da integración das cooperativas Icos, Agris, Coelplan, Cogasar e a propia Aira, a cal iniciou a súa andadura o 1 de xaneiro deste mesmo ano.

Tras seis meses a pleno rendemento xa como cooperativa de primeiro grao, os temas clave da reunión foron o balance de resultados do ano 2017, a fixación da achega obrigatoria para ser socio e a análise do estado do plan de actuación para 2018.

En canto á aprobación das contas, o director xeral da cooperativa, Daniel Ferreiro, subliñou que “os resultados non poden ser máis positivos. O crecemento económico que tiñamos previsto para este ano, do 3,5 %, xa foi mellorado ata un 6 % e o volume de negocio alcanzado superou con amplitude os 92,5 millóns de euros prognosticados, chegando aos 97,8 millóns de euros e aos 2,6 millóns de EBITDA”. A proxección dos resultados dos cinco primeiros meses deste ano elevaría o volume final de negocio aos 105 millóns de euros en EBITDA de 3,5 millóns.

Este ano Aira prevé facturar 105 millóns e chegar a un beneficio bruto de 3,5 millóns

Neste senso acordouse que o reparto dos beneficios entre os socios se fará en función do volume da actividade cooperativizada, e tamén se acordou a fixación de cotas de entrada e a achega de capital para os novos socios.

O terceiro punto da orde do día dedicouse á análise do plan de actuación para 2018. Tres serán os piares básicos deste programa: valorizar as producións das explotacións dos asociados, facer o máis rendibles posible os servizos prestados sen prescindir de ningunha das sedes e seguir en 2019 a liña de crecemento iniciada este ano. O investimento para 2018 vai ser de 4 millóns de euros –fronte aos 2,5 millóns de euros previstos inicialmente–, dos que xa se levan executados máis do 60 %.

Precisamente nestes aspectos insistiu o presidente de Aira, José Manuel Tellado, ao destacar que “un dos nosos obxectivos é optimizar as nosas granxas, prestarlles asistencia da maneira máis próxima e eficaz posible e seguir apostando polos proxectos de transformación”.

Así mesmo, tamén se reafirmou o compromiso da participación da cooperativa no proxecto empresarial galego DairyLac, o de promover a renovación do parque de maquinaria e o de garantir a mellora das delegacións.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información