A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Tecmaf, un referente en España en adaptación e reparación de maquinaria forestal

O taller Centro Técnico de Maquinaria Forestal (Tecmaf), situado en San Cosme de Barreiros (Lugo), é o principal colaborador co que conta Forest Pioneer na Península e un dos referentes en España en adaptación e reparación de maquinaria forestal

TECMAF FOREST PIONEER ENTRADAO Centro Técnico de Maquinaria Forestal (TECMAF), situado en San Cosme de Barreiros (Lugo), é o principal taller colaborador co que conta Forest Pioneer na Península Ibérica e un dos referentes en España en adaptación e reparación de maquinaria forestal.

Fundado como taller de reparación de maquinaria forestal no ano 2005 por Manuel Lombardero Fernández e Carlos Goyos Ginzo, en 2008 alcanzou un acordo coa multinacional española Forest Pioneer, empresa líder en comercialización de marcas tan coñecidas no sector como Timber Pro, Logset ou AFM.

“En Forest Pioneer contamos cunha rede de talleres colaboradores tanto en Francia como en España que nos permite dar un completo servizo aos nosos clientes, tanto no que é a adaptación da maquinaria ás súas necesidades como en reparacións. E sen dúbida TECMAF é un referente en toda a Península Ibérica pois nada menos que o 50% de toda as cortas de madeira de España realízanse en Galicia”, explica Manuel Mata, responsable Comercial de Forest Pioneer para España.

A crecente demanda de maquinaria forestal comercializada por Forest Pioneer nos últimos anos levou a que neste momento o taller de San Cosme de Barreiros case traballe en exclusiva para a empresa con sede en Irún (Guipúzcoa). E é que o mercado de venda de maquinaria forestal nova disparouse nos últimos anos, coincidindo cun boom no sector e unha maior profesionalización. “No noso caso, pasamos de vender 4 ou 5 máquinas LOGSET novas ao ano en toda España a vender máis de 20, do que o 60% corresponde a Galicia e Asturias”, exemplifica o responsable comercial de Forest Pioneer.

¿Como se adapta a maquinaria forestal ás condicións de Galicia e da cornixa cantábrica?

TECMAF FOREST PIONEER afm-forest-logset

TECMAF conta nestes momentos cun persoal de 14 profesionais, dos que 10 son mecánicos altamente especializados, pois deben de contar con formación en mecánica, hidráulica, electricidade, electrónica e informática.

Un dos seus principais labores é adaptar a maquinaria procedente das fábricas en Finlandia (no caso os autocargadores e procesadoras Logset) ou de Estados Unidos (para as procesadoras Timber Pro) ás necesidades de cada cliente. E é que no norte de España case todas as máquinas requiren unha adaptación para traballar con eucalipto pelado e nunhas difíciles condicións orográficas marcadas polas fortes pendentes dos montes e o minifundio das parcelas.

“En TECMAF realízanse moitas adaptacións. Por exemplo, nun autocargador cámbiase aquí a coitela bulldozer dianteira e instálase unha a medida; realízase unha protección da cabina na parte superior; instálase un cabrestante con poleas de reenvío; engádense estacas de reforzo na parte traseira e colócanse unhas balderas laterais”, detalla Manuel Mata.

Unha das principais razóns para esta última adaptación é que en Galicia o eucalipto pelado cárgase atravesado no remolque dos autocargadores. “Sen embargo, as máquinas veñen preparadas para carga lonxitudinal, polo que é necesario reforzar os postes traseiros do remolque, instalando catro, para que aguanten do maior peso na parte traseira”, precisa o responsable comercial de Forest Pioneer.

“Adaptamos a maquinaria ás características particulares do monte galego”

No entanto, a especificidade galega na carga de madeira parece que ten os dias contados. E é que o eucalipto e o piñeiro está a empezarse a cargar lonxitudilamente, nunha soa estira de troncos de 5 metros de lonxitude ou en dúas de troncos de 2,5 metros de lonxitude. “Isto vese favorecido porque as plantas de celulosa, sobre todo a de ENCE en Navia, están a pedir cada vez máis troncos de 5 metros de lonxitude e sen pelar, co que escorrega menos e non se xustifica cargala a través”, explica.

Isto está a obrigar a TECMAF a realizar tamén adaptacións na caixa dos autocargadores, ampliándoos dos 4 ou 4,5 metros de lonxidtude con que veñen de fábrica a 5 ou 5,5 metros.

Adaptación de retroexcavadoras con cabezais AFM

Outra das principais liñas de traballo do taller de TECMAF é a adaptación de retroexcavadoras ao sector forestal. “É unha opción máis barata que unha procesadora forestal -uns 200.000 euros de custo fronte a uns 300.000 euros da segunda-, na teoría é un 30% menos eficiente que unha procesadora, pero nas condicións de minifundio e pendentes de Galicia ou de Asturias a retroexcavadora adaptada é unha boa alternativa”, destaca Manuel Mata.

Neste sentido, as máquinas que se preparan en TECMAF adáptanse a toda a normativa vixente en España. Para o que é o corte adoitan incorporar dous cabezais das marcas AFM Forest e Quadco: Un cabezal procesador e outro talador de disco, unha opción esta última cada vez máis demanda pola falta de motoserristas. “Desta forma é moito máis versátil e produtiva, de tal modo que unha retroexcavadora pode chegar a unha velocidade de corte enorme, de 10 toneladas por hora”, destaca o responsable de Forest Pioneer.

As claves para prolongar a vida da maquinaria forestal

TECMAF FOREST PIONEER operarios

É certo que a complexa orografía de Galicia e da Cornixa Cantábrica favorecen un maior desgaste da maquinaria forestal, principalmente golpes e cambios de dirección bruscos para pelar o eucalipto en zonas en pendente que repercuten no cabezal das procesadoras e tamén na base do guindastre. Con todo, realizar un mantemento preventivo é clave para que unha procesadora ou un autocargador optimicen a súa vida útil, estimada en entre 15.000 e 20.000 horas de traballo, segundo a marca e o modelo.

Neste sentido, Manuel Mata móstrase tallante: “A clave para evitar avarías e paradas, coa consecuente perda de diñeiro, é realizar un mantemento preventido da maquinaria (cambios de filtros, de aceites, engrasado..etc) e iso -subliña- depende fundamentalmente do maquinista”. “Os fallos veñen sobre todo por descoidos no mantemento”, advirte.

Outros servizos que ofrece TECMAF

A este respecto, en TECMAF, realizan tamén reparacións de maquinaria -con ou sen garantía- e dispoñen dun servizo móbil con 4 furgonetas pick up, totalmente equipadas para poder realizar reparacións en monte e reducir así o tempo de parada. Este servizo ofrécese para Galicia, Asturias e puntualmente na provincia de Huelva, onde existen importantes plantacións de eucalipto.

Ademais, TECMAF dispón dunha aula de formación na que Forest Pioneer imparte aos clientes unha formación nun simulador de procesadora e autocargador forestal. A continuación, explícaselle coa máquina no propio taller o funcionamento e o mantemento da mesma, entrégaselle a táboa de mantemento, realízase a programación e xa coa máquina en monte fórmase ao maquinista no seu manexo.

Tendencias e novidades no mercado da maquinaria forestal

En canto ás tendencias do mercado de maquinaria forestal, Manuel Mata destaca que está a chegar a España unha práctica comercial xa asentada hai anos no resto de Europa. “A nosa recomendación é que cando se acabe de pagar a procesadora ou autocargador se venda e se compre unha nova. Desta forma, aos 5 anos esa máquina adoita ter unhas 10.000 horas de traballo, polo que aínda ten un prezo interesante no mercado de segunda man, co que ingresamos un diñeiro extra que nos sirva para comprar unha nova. Isto permite ao propietario dispor sempre dunha máquina eficiente ao 100%, pois as máquinas a partir das 15.000 horas de traballo baixan en rendemento e aumentan as avarías debido ao desgaste”, explica o responsable comercial de Forest Pioneer.

Esta práctica comercial é algo que desde hai tempo se leva realizando no resto de Europa, combinada con contratos de mantemento prolongados ou de extensión de garantía.

Outras tendencias de cara ao futuro nas maquinarias forestais son a mellora na prevención de avarías, mediante o uso de sensores informáticos; a mellora da seguridade (protección fronte a caída de obxectos enriba da cabina, envorcaduras, golpes laterais…etc) ou da comodidade para o traballador (insonorización, aire acondicionado…etc)

Tamén se está aplicando cada vez máis ao sector o seguimento de localización da máquina e a medición a distancia da súa produtividade a través de GPS. Isto permite medir a súa rendibilidade, optimizar a carga de madeira, planificar o seu transporte..etc.

Autocargador Logset adaptado para empacar restos forestais

TECMAF FOREST PIONEER GREENALIA3

No referido ás novidades para este ano, Manuel Mata destaca os novos autocargadores Logset 6F BUNDLE adaptados para empacar restos forestais. “Grazas ao impulso que lle demos desde Galicia, tanto desde TECMAF, como desde Greenalia e de Forest Pioneer, Logset adaptou en fábrica en Finlandia 10 autocargadores que vendemos a Greenalia para empacar e cargar restos forestais”, destaca Manuel Mata.

En concreto, os autocargadores foron equipados cun potente motor de 250 cabalos; unha bomba con capacidade para 210 litros a mil revolucións ou unhas liñas hidráulicas específicas para a empacadora. E por suposto, foron acondicionados posteriormente en TECMAF.

Por último, desde Forest Pioneer confían no éxito comercial doutro dos seus produtos estrela: a procesadora LOGSET Híbrida, a primeira do sector con motor eléctrico e diésel, o que repercute nun importante aforro de combustible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *