A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Non sempre os mellores touros son os mellores para cada granxa”

Entrevista a Óscar Ousinde Suárez, responsable do novo servizo de asesoramento xenético integral que ofrece Embriovet ás ganderías de vacún de leite

“Non sempre os mellores touros son os mellores para cada granxa”

Óscar Ousinde Suárez, responsable do novo servizo de asesoramento xenético integral que ofrece Embriovet ás ganderías de vacún de leite

Óscar Ousinde Suárez é o responsable do novo servizo de asesoramento xenético integral que ofrece a empresa galega Embriovet ás ganderías de vacún de leite. Falamos con el sobre as vantaxes que supón para o gandeiro e sobre deficiencias en materia de xenética que detecta nas granxas de vacún leiteiro.

Acabas de incorporarte a Embriovet & Embriomarket. ¿De onde xurdiu a túa vinculación coa gandería e que salientarías do teu currículum? ¿Que supón para ti formar parte do equipo desta empresa?
A vinculación ven do mundo rural do que procedo. Veciños, familiares e amigos, moitos deles eran e son gandeiros. Foi o mundo arredor do cal me criei. Con respecto ao meu currículum son biólogo, cun máster en biotecnoloxía avanzada e outro en bioloxía e tecnoloxía da reprodución en mamíferos. Durante este último ano estou a formarme coa axuda da empresa especificamente en xestión da xenética en gando de leite. Gracias a esta formación teño a sorte de poder formar parte de Embriovet & Embriomarket, o que supón poder aplicar todo o que sei para axudar a todos os gandeiros e gandeiras que o precisen. Isto é algo moi satisfactorio para min.

Vas ser o responsable do servizo de asesoramento xenético integral que ofrecerá Embriovet ás ganderías de vacún de leite. ¿En que consiste este servizo e cando se empezará a ofrecer?
O servizo xa está a funcionar dende principios deste ano. O nome describe de forma moi resumida o servizo. Consiste en xestionar a xenética da gandaría coa elaboración dun plan e un programa xenético. Con isto obsérvanse as debilidades e tamén fortalezas que poidan existir, plantéxase a recría necesaria, realízase a selección dos touros e a distribución do seme para poder aproveitar ao máximo a xenética dos animais dos que se dispón e a xenética que se quere introducir na gandaría.

“A xestión dos datos xenómicos da explotación para incorporar a vía femia é un dos piares importantes deste servizo”

Todo se realiza en base a uns obxectivos que se definen ao comezo do asesoramento xenético, sempre consensuado co desexo do gandeiro e realizando un seguimento contínuo da aplicación e resultados do programa xenético. A xestión dos datos xenómicos da explotación para incorporar a vía femia no proceso de mellora en todo o seu potencial é un dos piares importantes deste servizo podendo sacar o máximo rendemento aos touros

Que carencias detectas no que é a mellora xenética nas ganderías de vacún de leite de Galicia e de España?
As carencias en cada gandaría son diferentes porque cada unha é un mundo. Sen embargo, a carencia común é o que se entende como “mellora xenética”. Para levar a cabo isto hai que ter un plan, unha estratexia a seguir. Existen moi poucos casos nos que un gandeiro poida responder claramente a qué obxectivo ten coa súa gandaría ou en qué quere ou debe mellorar para que o seu traballo e a súa granxa sexa mellor, e moitas veces non hai coherencia do que din coa traxectoria que leva a explotación.

É moi frecuente atopar os tanques de semen cheos de doses que xa non interesan, o cal evidencia falta de criterio na selección, e representa un sobrecuste innecesario que podemos eliminar. Non se deben de introducir novos touros á lixeira, débense introducir os apropiados para cada granxa. Non sempre os mellores touros son os mellores para cada granxa, a clave está en atopar os axeitados para cada caso.

“Non sempre os mellores touros son os mellores para cada granxa”

Neste sentido, cales son os beneficios que lle vai achegar este servizo ás ganderías de vacún de leite?
Dispor dun plan e un programa personalizado para xestionar a mellora xenética da gandaría da forma máis razoada e eficiente posible. Disporá dun asesoramento independente para seleccionar tanto as súas femias como o semen a utilizar.

Tamén inclúe un servizo de acoplamentos e visitas trimestráis de monitorizació e a organización dos datos xenéticos e xenómicos, así como a súa transformación en información directamente aplicable para a toma de decisións de forma sinxela e rápida.

Na maioría dos casos este servizo supón un aforro anual no investimento en seme, a través dun cálculo preciso e dunha distribución máis racional do seu uso.

Por último, destacaría que o gandeiro dispón do seu tempo para adicar a outras actividades máis urxentes, coa tranquilidade de que un área tan importante como a xenética está solucionada e dispón dos listados e informes necesarios puntualmente e de forma práctica para aplicar no día a día.

Cal é a valoración dos resultados destas experiencias? Poderías ofrecer algúns resultados concretos?
O asesoramento puntual para os animáis de alta xenética ou para decisións concretas, sobre todo en relación á transferencia embrionaira hai anos que se presta de xeito informal, en xeral dentro do TOP da xenética, onde traballamos coas mellores ganderías.

 “As valoracións por parte dos gandeiros son moi positivas, sobre todo cando eles poden ver que deficiencias atopamos na súa explotación e propoñemos como solucionalas”

O que estamos a comenzar no 2020 é un servizo completo para toda a explotación, ben organizado e cun plantexamento dun mínimo de 2 anos para poder amosar os primeiros resultados visibles. No curto prazo só se pode apreciar unha mellora en canto á organización das reproductoras a usar, decisións claras, un aforro no seme mercado, e unha maior facilidade e seguridade na toma de decisións.

As valoracións por parte dos gandeiros son moi positivas, sobre todo cando eles poden ver que deficiencias atopamos na súa explotación e propoñemos como solucionalas. O problema que máis comentan é a falta de tempo para estudar tanta información, tanto das femias como dos touros, xa que é unha verdadeira avalancha que desborda a calquera. O que máis valoran é sacarlles esa tarefa e confiar en que a fan técnicos coa formación axeitada. O que comentan é que senten alivio.

Existe algún tipo de condicións por parte da gandería para poder acceder a este servizo (tamaño, manexo en intensivo ou en ecoloxico..etc?
Non existe ningunha condición específica e moito menos ningunha restrición para acceder ao servizo. Todas as gandarías que o desexen poden acceder. O único requisito é ter gañas de mellorar e ser capaz de delegar esta faceta importante da explotación.

Nós facemos o traballo técnico pero as decisións son do gandeiro xa que é a súa explotación e o seu investimento. Nós asesoramos e opinamos pero levamos a explotación a onde o gandeiro quere. As ferramentas son as mesmas pero os criterios cambian para cada sistema de explotación e cada mentalidade. Hai ganderías que valoran moito o tipo e outras que en absoluto. Ambas teñen cabida neste sistema, a pesar de ter obxetivos distintos.

Podes adiantarnos cal será o custo deste servizo e que se lle ofrecerá a cambio ao gandeiro?
Dispoñemos de dúas modalidades de contratación do servizo, ou ben contratar o estudo inicial e deseño do programa a seguir para que a granxa o desenvolva no futuro pola súa conta, ou ben o servizo integral continuado por un mínimo de 2 anos, que leva o nomeado estudo incluído, a parte de visitas e acoplamentos trimestráis e asesoramento contínuo.

 “É un servizo que se paga só coa mellora xenética que se consegue e polo aforro en doses de seme”

O prezo depende do tamaño da explotación pero é practicamente irrisorio xa que estamos a falar do equivalente a poucas doses semináis. é un servizo que se paga solo, xa non polo beneficio de acadar máis mellora senón polo aforro anual que representa.

Estará disponible só para ganderías de Galicia ou tamén para toda España?
Estamos a comezar en Galicia. Queremos que este servizo sexa algo moi personalizado e axeitado para cada gandaría e isto conséguese tendo un contacto contínuo coa gandaría. Tras consolidalo en Galicia iremos abordando gradualmente outras zonas probablemente cun réxime de visitas distinto. A maior parte do traballo faise cun ordenador xa que consiste en manexar datos pero queremos ir máis alá de facer acoplamentos a distancia como se fose un apoio meramente administrativo. Pensamos que o coñecemento da explotación e do gandeiro é moi importante para comprender ben as necesidades e poder axudar de modo efectivo.

Algo máis que queiras engadir?
A xenética é o que define as características que un animal pode chegar a ter. É imprescindible coidala e sobre todo saber administrala da mellor forma posible. Isto é o que o novo servizo de Embriovet & Embriomarket ofrece: mellor xenética = mellores animais = mellor gandaría.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *