“Non quixera ver o rural galego en mans de multinacionais e non dos gandeiros”

Entrevista a Manuel Iglesias Turnes, autor de “As rapazas de Xan” e de “Que non te aten”, dúas novelas que retratan o pasado e o presente do rural galego. A última está centrada na realidade dos mozos e mozas gandeiras de hoxe en día.

“Non quixera ver o rural galego en mans de multinacionais e non dos gandeiros”

Manuel Iglesias Turnes en Cabanas, a súa aldea

Manuel Iglesias Turnes (Cabanas-A Baña, 1950) non acaba de afacerse ás obrigas de promoción dos seus libros -”As rapazas de Xan” (2012) e “Que non te aten” (2016)- nos medios de comunicación. E razón non lle falta: os xornalistas aínda consideran “extraño” que este profesional da mellora xenética da raza Holstein venda seme. Todo un síntoma do descoñecemento da realidade do agro galego actual por parte da opinión pública, acostumada a recibir novas do mundo rural, na súa maioría, chocalleiras ou de crónica negra.

Neste sentido, “Que non te aten” quere dar a coñecer ao público galego o día a día de varias mozas e mozos gandeiros actuais. Está ambientada no ano 2014, nun momento de bonanza no sector lácteo antes da desaparición das cotas.

Na túa primeira novela, “As rapazas de Xan”, describes a vida na túa aldea no ano 1955. Na segunda, “Que non te aten”, retratas a mocidade gandeira de hoxe. ¿Que te impulsou a escribir sobre a situación actual dos produtores de leite?
O que me impulsou foi dar a coñecer un rural de xente traballadora e con moita formación que está ao fronte de moitas explotacións gandeiras. Quería tamén poñer en valor e darlle visibilidade ao mundo rural que hoxe nos medios de comunicación sae dunha forma deturpada e anecdótica. Quería dar a coñecer ao resto da sociedade galega este mundo rural moderno e modernizado.

E é que se segue asociando o rural co atraso, séguese estigmatizando, e nese mesmo paquete tamén vai a lingua galega.

Sen embargo, esa imaxe deturpada a veces acaba sendo asumida polos propios habitantes do rural, e polo colectivo gandeiro en particular….
Creo que na mocidade de agora xa non. Os mozos e mozas gandeiras de agora xa teñen conciencia de que son empresarios, de que teñen unha moi alta formación e ven que moitos amigos e amigas deles da cidade teñen que emigrar por falta de traballo.

A novela escribina no ano 2014, antes da supresión das cotas, e daquela había unha crise profunda nas cidades, pero nas ganderías de leite, no rural, estábase a crear emprego e era mesmo un momento de prezos do leite máis asumibles. Todo o sector estaba esperando a supresión das cotas para dobrar o número de vacas e aumentar a produción.

¿Como valoras o show mediático que se montou coas vacas esfameadas dunha explotación de Chantada? ¿Entra dentro desta visión anecdótica do agro que ofrecen os grandes medios de comunicación?
Coas vacas tolas xa houberon de afundir o sector do vacún de carne, e con isto vai na mesma liña. Ten o seu valor como caso illado, e é evidente que nesa gandería había un problema grave. Pero o que non se pode é extrapolar iso ao resto do sector. Estes casos son anecdóticos, como os das persoas que morren soas nas cidades ou de mascotas que están sen alimentar por parte dos seus donos, e sen embargo nestes casos non se creou tanto rebumbio mediático.

 “O caso das vacas de Chantada é anecdótico: a inmensa maioría viven cun alto nivel de comodidade e benestar”

O que temos que destacar é que as vacas en Galicia, na súa inmensa maioría, viven cuns altos índices de comodidade e benestar: teñen os seus especialistas, están ben alimentadas e nutridas, teñen os seus sistemas de ventilación para que non pasen calor, dormen en camas esterilizadas, teñen unha hixiene diaria…Non sei se se pode cuestionar que unha vaca teña que dar 13.000 litros ao ano. Pero en todo caso, o benestar animal, aínda que haxa casos mellorables, en xeral é extraordinario.

Pola túa profesión e pola túa idade viches traballar no sector gandeiro galego a varias xeracións. ¿Que cambios ves nos mozos e mozas gandeiras?
Primeiramente penso que hai que recoñecer o mérito dos pais destes mozos e mozas, porque eles foron os que pasaron hai uns trinta anos de 10 a 100 vacas, melloraron a xenética e as instalacións, e os seus fillos incorpóranse xa con todo ese traballo e esforzo feitos.

“Os mozos gandeiros están máis formados e conciben a aldea máis como lugar de traballo”

A principal diferencia para min é o grao de formación, que é maior nas novas xeracións, xa que teñen que saber moito e de moitos ámbitos. As condicións de traballo tamén melloraron, con máis días de vacacións, maior mecanización de todas as labores….. etc.

Tamén é máis común nas novas xeracións que vivan nas vilas cabeceiras de comarca e que vaian traballar á explotación gandeira na aldea. É dicir, a aldea pasou para eles de ser un lugar de residencia a un centro de traballo.

Unha parte importante da mocidade gandeira que retratas en “Que non te aten” está agora nunha difícil situación debido a que realizaron investimentos importantes de cara a unhas perspectivas do mercado lácteo que non se cumpriron. ¿Que fallou para chegar a esta situación?
Desde logo que o gandeiro fixo o que tiña que facer: ter vacas eficientes, dimensionar a explotación e producir leite de calidade. E os investimentos que realizaron estiveron apoiados por axudas públicas, co que a Administración avalaba as perspectivas que había.

Pola contra, penso que o que fallou foi a parte industrial e a Administración, tanto a Xunta de Galicia como o Goberno Central, que non apostaron por proxectos industriais para crear produtos lácteos de valor engadido e pola exportación. Abonda con ir ao supermercado: intentan meterche leite francés en brik e derivados lácteos e queixos que son en gran parte alemáns, franceses ou holandeses.

Isto debería levar ao gandeiro a ser el o que participe na industrialización do seu leite. Os produtores deben implicarse na transformación do seu leite. Proxectos como os de Leite Noso, propiedade dos gandeiros, son un exemplo a seguir.

“Non me gustaría ver o rural galego en mans de multinacionais”

O sector lácteo é o motor do rural galego, se falta el detrás quedará un ermo poboacional nas comarcas rurais galegas que agora aínda manteñen algo de dinamismo.

Penso que en Galicia falta un proxecto de país para o sector lácteo. Si que hai plans estratéxicos para o sector naval, para o Camiño de Santiago pero non para o sector lácteo, e iso é un síntoma.

O sector agrogandeiro emprega neste momento ao 4% da poboación activa galega. ¿Consideras que este menor peso electoral explica que deixe de considerarse como algo prioritario para a Administración?
Desde logo. De feito, o sector lácteo está deixando de estar presente na axenda das campañas electorais e non se perden unhas eleccións por ter realizado unha mala xestión neste sector, como pode suceder con outros. Nin sequera en campaña electoral se acordan do gandeiro.

O que queda no rural, fóra destes gandeiros empresarios e emprendedores, é xente maior, cunha actitude máis conservadora e menos proclive a castigar nas urnas este desleixo co sector lácteo.

O rural tende a masculinizarse debido á marcha das mozas cara ás cidades. Na novela tocas tamén cuestións como a igualdade de xénero ¿Consideras que están cambiando tamén as cousas neste sentido?
A realidade está cambiando moito. Sirva como exemplo que no ano 1955 a muller sentábase á mesa se había sitio, mentres que agora, en “Que non te aten”, retrato unhas mulleres que levan unha explotación en pé de igualdade co home. En moitos casos son elas as que se responsabilizan dos traballos máis complexos como poden ser o muxido ou cuestións de papeleo. O que pasa é que non se procura a súa visualización como se debera. Os medios sempre falan dos gandeiros.

Por outra parte, tamén cambiou o tipo de parellas nas explotacións. É dicir, antes o normal é que un gandeiro compartise a súa vida cunha muller gandeira, pero agora xa é moi común ver parellas de gandeiros e mulleres funcionarias, traballadoras do sector servizos…etc.

Na túa primeira novela, “As rapazas de Xan” retratabas o rural galego do ano 1955, cunha forma de vida que variara pouco con respecto a séculos atrás. En “Que non te aten”, sesenta anos despois, dás un salto á modernidade. ¿Como ves o rural galego do futuro?
Vivín co arado romano e non estou arrepentido. Como non me gustaría ver o rural galego é en man de multinacionais que teñan vacas e asalariados, pero non explotacións de labregos e gandeiros. Gustaríame que se potenciase a agricultura e a gandería familiar e que iso permitise fixar poboación no rural galego.

 “Quedaría satisfeito se a miña obra contribúe a fomentar o orgullo de ser gandeiro”

¿Que estratexias cres que se deberían utilizar os gandeiros para defenderse?
Galicia é un país produtor e temos que ter políticas axeitadas para o sector. Os gandeiros teñen que utilizar a imaxinación e valorar os seus produtos. Deberían aproveitar que a marca Galicia vende e que os produtos galegos son valorados aquí e fóra.

Como non van cambiar as cousas é se seguimos facendo o mesmo. Neste sentido, penso que os gandeiros deberían irse introducindo progresivamente nos procesos de transformación do leite e recuperar produtos como o leite fresco de calidade, como fan nos países europeos máis desenvolvidos.

¿Como che gustaría que fose recordada a túa novela “Que non te aten”?
Pois como unha obra que contribuíu a fomentar a autoestima e o orgullo de seren gandeiros e gandeiras e de viviren na aldea. Sen gandeiros e sen labregos non hai país, porque aí sobrevive o idioma e as tradicións. As cidades, en xeral, amosan pouco interese en manter os signos que nos definen como pobo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información