Negueira de Muñiz celebra o día 21 o rexurdir do cultivo do viñedo nas ribeiras do Navia

Este pequeno concello que raia con Asturias está a recuperar nos últimos anos a súa tradición vinícola con bodegueiros que están a recuperar as variedades autóctonas da zona: branca lexítima, verdello tinto e tinto serodio 

Publicidade
Negueira de Muñiz celebra o día 21 o rexurdir do cultivo do viñedo nas ribeiras do Navia

Francisco Javier San Román Lledín, actual presidente da Asociación de Bodegueiros

Pasa por ser un dos lugares máis peculiares de Galicia e ten tamén un dos viños máis peculiares e diferentes de todo o país. Por iso a Feira do Viño de Negueira de Muñiz, que este ano se celebra o sábado 21 de abril, tamén é diferente, con bo viño e un agradable ambiente veciñal.

Esta cita que leva celebrándose 8 anos congrega a adegueiros da conca do río Navia e dos vales veciños de Ibias e Cangas de Narcea, cos que comparten as mesmas variedades de vides autóctonas, que están a ser recuperadas e que aportan esa personalidade propia aos viños de Negueira.

Organizada pola Asociación de Bodegueiros da conca do Navia, que agrupa a tres municipios (Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Navia de Suarna) e a 18 colleiteiros, a oitava edición da Feira do Viño de Negueira contará con degustación gratuita de viño das adegas da zona.

Como complemento haberá tamén un mercado de produtos da zona, con postos onde se poderá atopar desde artesanía en coiro e pel a produtos de alimentación, conservas e distintas elaboracións de agricultura ecolóxica como os que producen na cooperativa local Ribeira do Navia, adicada á produción ecolóxica de froitas e verduras para a elaboración artesanal de zumes e conservas vexetais baixo a marca Ribeiregas.

Ao mediodía non faltará a gastronomía popular, con polbo e churrasco servidos baixo unha gran carpa situada no centro de pobo, onde tamén terá lugar a festa pola tarde, coa animación musical do dúo Estrellas e da orquestra Charleston Big-Band.

O pregón correrá a cargo de José Mouriño Cuba, ex xefe do servizo de Industrias e Comercialización Agraria da Consellería do Medio Rural en Lugo e impulsor de varias denominacións de orixe galegas. E como ven sendo habitual, na tarde do venres, o día antes, ás 20:00 horas, na Casa dos Cazadores de Negueira de Muñiz, haberá unha presentación e cata de viños elaborados na comarca.

O rexurdir dun cultivo a piques de desaparecer

O municipio de Negueira de Muñiz atópase situado no extremo oriental da provincia de Lugo, formando unha lingua que penetra en terras da veciña Asturias. Metido nun val e protexido por altas montañas, conta cun microclima propio, de tendencia mediterránea, con veráns calorosos, moi proclives para a produción de viño, e foi este un cultivo moi enraizado neste lugar desde hai séculos.

Sen embargo, a construción na década dos 50 do século pasado do encoro de Grandas de Salime, ademais de dividir á metade as seis parroquias do concello, deixando tres a un lado e tres ao outro do río, incomunicadas por estrada até fai ben pouco e obrigando a boa parte da poboación a emigrar, asentándose unha boa parte dela na zona do Arneiro, na Terra Cha, anegou tamén grande parte da superficie adicada historicamente a vide, nas zonas máis baixas, próximas ao río. Aquilo supuxo abandono, viñedos mergullados e adegas sen uso. Os colleiteiros que quedaron seguiron facendo viño para autoconsumo e vendendo os excedentes en Grandas de Salime e outras poboacións veciñas non produtoras.

Pero nos últimos anos foron xurdindo iniciativas para recuperar esa tradición vitivinícola. Un dos pioneiros foi Manuel Cancio coa súa bodega, Adega Panchín . Seguindo os seus pasos, de máis recente creación é Adega Sidrón, que rexenta Francisco Javier San Román Lledín, actual presidente da Asociación de Bodegueiros, xunto á súa irmá Rosa.

Pequenas producións singulares con grande potencial

Negueira de Muñiz é un concello diferente e esa singularidade tamén se traslada aos seus viños, algo polo que apostaron viticultores coma Manuel Cancio e Paco San Román recuperando viñedos centenarios e variedades ancestrais. Esa foi unha das claves neste proceso de rexurdir vitivinícola. Esas variedades autoctonas que se estaban a perder eran a branca lexítima, o verdello tinto e o tinto serodio, que son as que dan a personalidade diferenciada aos viños de Negueira. Comparten estas variedades os produtores do val do Navia cos do val do Ibias ou cos de Cangas de Narcea, na veciña Asturias.

Os adegueiros de Negueira apostan claramente pola diferenciación, fóra do gusto estándar e as superproducións de moitas outras zonas produtoras. Hoxe o viño prodúcese entre os 220 e os 320 metros de altitude e tanto Panchín coma Sidrón buscan a profesionalización pero mantendo os métodos e sistemas de produción tradicionais da zona.

Manuel e Paco decidiron darlle un enfoque comercial e profesional ás súas bodegas familiares, apostando por recuperar a calidade e reducindo a produción que nalgún momento se buscaba nos tempos nos que os produtores de Negueira vendían o viño a granel.

Contan coa axuda do enólogo Roberto Regal e a principal peculiaridade do viño de Negueira, a súa pequena produción, tamén o fai exclusivo. Un cultivo diferente, onde se preservaron cepas moi vellas, cun patrimonio varietal moi interesante, nun marco xeográfico e climático diferente que fai un viño singular e con moito potencial por explotar, o das castes ancestrais do Navia.

Fóra deles dous, que son os únicos que embotellan, segue habendo unha ducia de colleiteiros que elaboran viño para autoconsumo nun lugar onde a tradición manda beber no cacho, unha cunca de madeira para tomar o viño que se ía pasando de man en man como xeito colectivo de beber. O viño era servido ao cacho directamente da barrica ou ben do canado, unha xerra tamén de madeira típica da zona de Negueira coa capacidade histórica de 5,8 litros, que se usaba para medir o viño historicamente.

Asistente á Festa do Viño bebendo polo tradicional cacho

Asistente á Festa do Viño bebendo polo tradicional cacho

Empuxe económico para a localidade necesidade dunha figura de protección

A riqueza da paisaxe (Negueira de Muñiz forma parte da Reserva da  Biosfera do río Eo, Oscos e das Terras de  Burón) e o viño son quizais neste momento dous dos piares do desenvolvemento deste concello de pouco máis de 200 habitantes, o menos poboado de Galicia.

Sen embargo, os produtores desta zona atópanse cun hándicap importante, a necesidade dunha figura de protección para os seus viños da que carecen neste momento ao non estar dentro de ningunha das Denominacións de Orixe galegas, nin contar cunha IXP, nin sequera formar parte do selo Viños da Terra.

Consciente da oportunidade que supón a viticultura para o municipio o Concello promociona a través desta videoreportaxe documental esa riqueza dos viños de Negueira de Muñiz:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información