Nace a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego

Os promotores subliñan que o problema dos baixos prezos e da ameaza de non recoller o leite “dáse en Galicia e non noutras partes do Estado”. Alcaldes de todas as forzas políticas apoiaron a súa constitución.

Nace a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego

Reunión da Plataforma

Esta tarde constituíuse en Santiago de Compostela a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego, unha iniciativa impulsada polas tres principais organizacións agrarias (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e ASAJA-Galicia) que pretende ser un punto de encontro e un foro de debate da sociedade galega para defender o sector da gandería de leite ante a crise de prezos que está a sufrir.

Ao acto de constitución asistiron arredor de 200 persoas, entre elas os secretarios xerais dos principais sindicatos xeralistas de Galicia (CIG, UGT e CCOO), dirixentes doutras organizacións agrarias (Federación Rural Galega e Organización de Productores de Leche), representantes da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), de empresas do sector e, sobre todo, unha ampla representación de alcaldes das comarcas gandeiras de Galicia de todas as cores políticas (PSOE, PP, BNG, Compromiso por Galicia ou ANOVA-Irmandandade Nacionalista). Tamén salientou a presenza da alcaldesa de Lugo e do alcalde de Santiago de Compostela.

Como medida máis inmediata da plataforma está a convocatoria dunha manifestación para o vindeiro 17 de xullo en Santiago de Compostela.

“O problema máis inmediato é dunhas 3.000 explotacións que están a cobrar o leite a entre 18 e 22 céntimos”

En declaracións aos medios antes da reunión, Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, advertiu de que cos baixos prezos que lles está a pagar a industria aos gandeiros “o que está en xogo é o futuro de moitas explotacións lácteas (….) pero tamén de moitos empregos directos e indirectos”.

Engadiu ademais que “é un problema que se está a dar só en Galicia, onde a industria está a ameazar con deixar leite sen recoller, malia ser España un país deficitario e Galicia a comunidade na que o leite en orixe está máis barato”.

Na mesma liña, Francisco Bello, secretario xeral de ASAJA-Galicia salientou que “é fundamental o apoio da sociedade galega de cara á mobilización do día 17 pero tamén para buscar puntos en común para defender aos gandeiros galegos e ao pouco sector industrial que queda en Galicia”.

Pola súa parte, Isabel Vilalba secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, chamou a atención sobre “a situación desesperada na que se atopa o 15% das explotacións lácteas galegas que están véndose obrigados a vender o leite a entre 18 e 20 céntimos, por debaixo dos custos de produción”, mentres que ao resto estáselles a pagar a entre 27 e 28 céntimos. “Non queremos chegar a ver desafiuzamentos no agro, con gandeiros e gandeiras que perden a súa vivenda e a súa explotación por esta situación”, advertiu.

Ademais, chamou a atención sobre que hoxe por hoxe os contratos imponos a industria unilateralmente e se os incumpre o gandeiro non ten mecanismos efectivos para denuncialo”.

Medidas inmediatas que lle demanda a plataforma á Administración

organizacions_agrarias_plataforma_sector_lacteo_convocatoria_01_standar

Acto da Plataforma

Ante esta situación, os promotores da plataforma propoñen catro medidas a curto prazo que demandarán coa manifestación do día 17 que poñan en práctica as administracións, tanto a Xunta de Galicia como o Goberno Central.

Esta medidas de carácter inmediato van dirixidas ás explotacións lácteas que peor o están a pasar, calculan que unhas 3.000 en Galicia, aquelas que están a cobrar o leite a entre 18 e 22 céntimos. As medidas serían as seguintes:

-Cuantificación do excedente lácteo e xestión do mesmo a través dos mecanismos de intervención, almacenamento privado e entrega a terceiros países. Trataríase de que a administración retire leite do mercado a través da intervención pública a través da compras públicas de leite en po e manteiga a prezos que cubran, polo menos, os custos de produción.

-Un procedemento de información detallado e depurado que permita facer un balance do leite. Neste sentido, lembran que a Interprofesional Láctea (INLAC) ten en marcha un proxecto neste sentido (SILac) “que podería ser revisado polo Ministerio para establecer con certa periodicidade os balances dinámicos do sector lácteo”.

-Vixilancia e sanción dos contratos lixo, de modo que se consideren nulos e se logre un compromiso coa industria que opera en España para recolocar ese leite a prezos de mercado.

-Acabar coa banalización que se fai do leite e os produtos lácteos nos lineais da gran distribución.

A plataforma seguirá nos próximos días preparando a mobilización do día 17 e sumando apoios. Para mañá está prevista unha reunión en Madrid entre a ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, coa Interprofesional Láctea (INLAC) e as organizacións agrarias para analizar a crise de prezos do leite que afecta aos produtores.

Descarga o documento “Propostas base para a supervivencia do sector lácteo galego” presentado polas tres principais organizacións agrarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información