“Na súa primeira viaxe a América, Cristóbal Colón levaba viño do Ribeiro”

Falamos co humanista José Luís Chao Rei sobre o seu último libro no que fai un percorrido ao longo de 1.000 anos de historia do viño do Ribeiro. Chao descóbrenos como estes viños deixaron pegada ao longo dos séculos

Publicidade
“Na súa primeira viaxe a América, Cristóbal Colón levaba viño do Ribeiro”

José Luís Chao, autor do libro 'O Ribeiro, moito máis que un viño'.

O humanista José Luís Chao Rey acaba de presentar a súa última publicación O Ribeiro, moito máis que un viño, unha recompilación de documentos históricos, literarios e musicais nos que o viño do Ribeiro está presente. Coñecemos de man do seu autor algúns destes documentos que avalan a fama e transcendencia deste viño.

Este traballo é unha aproximación ao viño desde unha perspectiva cultural e histórica?
Aínda que o tema central do libro é o viño do Ribeiro, este traballo non trata do cultivo nin da elaboración do viño. O libro é un percorrido a través da historia do viño do Ribeiro ao longo de 1.000 anos, desde o século X até a actualidade. Trátase dun traballo no que pretendín recompilar aqueles documentos que avalan a presenza do viño no Ribeiro. Inclúese documentación moi diversa destes séculos desde doazóns, testamentos, documentos de compra-venda, foros…

“O libro é un percorrido pola historia do viño do Ribeiro ao longo de 1.000 anos, desde o século X até a actualidade”

Sobre todo, este libro céntrase en tres aspectos: a literatura, a arte e a documentación. Isto permitiume introducir, en cada século, aqueles escritores que fixeron mención nas súas obras ao viño do Ribeiro. Ademais tamén incluín aquela documentación, na súa maioría de tipo eclesiástica, que xurdiu no Ribeiro debido á presenza do viño. É un libro que está pensado para a xente que habitualmente non está en contacto con este tipo de documentación, para que así poida ter acceso a ela e vexa as referencias que existen do Ribeiro. É un traballo dedicado, sobre todo, ás xentes do Ribeiro e de Galicia para que valoren a importancia do viño do Ribeiro.

Que lle permitiu descubrir este percorrido vinculado ao viño do Ribeiro?
Foi un traballo arduo de recompilación, documentación e localización pero constatei que hai moitas referencias ao viño do Ribeiro ao longo destes anos. Así, por exemplo, no Século de Ouro, autores como Cervantes, Quevedo ou Lope de Vega xa facían referencia ao viño do Ribeiro e loubábano.

“Autores como Cervantes, Quevedo ou Lope de Veiga xa facían referencia ao viño do Ribeiro e loubábano”

Outros autores como Manuel Murguía dan conta da importancia da comunidade xudía para a exportación dos viños no Ribeiro. Os contactos desta poboación asentada no Ribeiro foron claves para a exportación destes viños.

Pero non só na literatura atopou referencias ao viño?
Efectivamente, tamén hai unha parte máis musical centrada naquelas cancións populares que fan mención ao viño do Ribeiro. Pero non só nestes aspectos hai referencias ao Ribeiro, senón que a toponimia reflicte igualmente a importancia do viño.

Ademais, dedicou un capítulo á Taberna do Papuxa, case unha institución en Ribadavia.
A Taberna do Papuxa é un local que se mantén case tal cal dende o século XIX, a única que queda desa data en Ribadavia. Ten a característica de ser unha taberna onde a xente vai recitar e cantar, xa as comparsas de Entroido dos anos 20 e 30 se ensaiaban alí. Ademais, a xente sérvese directamente do barril. É unha taberna que ten máis referencias históricas que o viño xa que debaixo do seu chan hai uns túneles que se supón que serviron para que, no seu momento, os xudeus puidesen saír fóra da muralla.

Cando comezaría o viño a cobrar importancia no Ribeiro?
Os primeiros documentos que temos datan do século X pero agora sabemos que a presenza do viño nesta comarca remóntase xa a moito antes. De feito, no Castro de Santa Lucía, situado en Castrelo de Miño, atopouse un lagar que podería corresponder aos séculos I a III despois Cristo. É un xacemento que está aínda en fase de escavación aínda que o lagar está xa á vista.

“No século XVIII o viño do Ribeiro xa se exportaba a Inglaterra, os Países Baixos ou Filipinas”

Hoxe en día o Ribeiro non se entende sen a produción vitícola, pero houbo épocas mellores para a comarca vinculadas ao viño?
Houbo épocas de gran esplendor do viño do Ribeiro como no século XVIII cando o viño xa se exportaba a Inglaterra, aos Países Baixos a Filipinas… De feito, está documentado que, na súa primeira viaxe a América, Cristóbal Colón levaba viño do Ribeiro.

Como chegou o viño do Ribeiro a esa primeira expedición a América?
É unha historia que recollo no libro. Foi un sacerdote o que se encargou de levar o viño desta comarca nesa viaxe.

Permite esta documentación observar a evolución do Ribeiro ao longo destes máis de 1.000 anos de historia?
O viño do Ribeiro atópase agora no seu mellor momento, dispón de tecnoloxía e recuperáronse as variedades autóctonas que permiten elaborar un viño de gran calidade pero xa se constata que houbo unha preocupación por elaborar un viño de calidade na antigüidade. Hai mesmo ordenanzas municipais que datan do século XVI e do XIX que funcionaban como unha especie de Consello Regulador. Xa había unha normativa tanto para a elaboración do viño como para o cultivo da uva.

“Hai ordenanzas municipais que datan do século XVI e do XIX que funcionaban como unha especie de Consello Regulador”

Despois no século XIX, coa Desamortización e o abandono dos mosteiros por parte das ordes relixiosas, prodúcese tamén un baixón no viño. A iso sumouse a praga da Philoxera que terminou coa produción de viño durante 10 anos, o que acabou tamén coas variedades autóctonas e propiciou que se introducisen variedades foráneas coas que a calidade do viño se viu minguada. Logo aos poucos foron reintroduciendo as variedades autóctonas e hoxe en día o viño do Ribeiro atópase nun momento de plenitude.

Como se decidiu a empezar a recompilar información sobre o Ribeiro?
Eu non son un historiador profesional, senón que son un apaixonado pola historia. Levo moitos anos, máis de 40, recompilando información do Ribeiro en xeral e había unha parte desta documentación que facía referencia ao viño. Empecei a traballar no libro un pouco por casualidade e ao final estiven traballando máis de 4 anos, xa que os documentos están escritos en latín, castelán antigo, galego antigo e medieval o que dificultou e prolongou o proceso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información