“En Galicia xa se practicaba a silvicultura do monte na Idade de Ferro”

A investigadora María Martín Seijo afonda na súa tese sobre como era o monte galego desde a Idade de Ferro á época romana. Con ela coñecemos que árbores tiñan presenza e para que fins se empregaban

“En Galicia xa se practicaba a silvicultura do monte na Idade de Ferro”

A investigadora María Martín Seijo.

Falamos coa investigadora María Martín Seijo sobre como era o monte galego dende a Idade de Ferro á época romana logo de que realizase a súa tese doutoral sobre este período. A súa investigación permite non só saber que especies tiñan presenza nos montes galegos nese tempo, senón coñecer para que empregaban a madeira daquela.

Que se sabe de como era o monte galego daquela época?
A leña e a madeira foron recursos básicos das comunidades que habitaron no actual territorio galego dende a Idade do Ferro á época romana, e o seu aprovisionamento realizábase no bosque e no monte. Coñecemos a partir dos carbóns recuperados en contextos arqueolóxicos que as principais especies de matogueira utilizadas eran as fabáceas arbustivas como o toxo e a xesta, e tamén a uz e a esteva. A importancia das fabáceas arbustivas é tal que as comunidades da Idade do Ferro probablemente utilizan estas especies de forma preferente por ser plantas que se rexeneran rapidamente producindo combustible de calidade, que fixan nitróxeno ao solo e que teñen múltiples usos (estrume, material para o teitado e para a elaboración de entretecidos de pólas, etc.).

A partir do s. V antes da nosa era, comeza a documentarse de forma recorrente a uz, unha especie asociada á degradación do terreo, que podería estar condicionada pola existencia dunha maior presión sobre a cuberta forestal nese momento. Esta presión deriva tanto da obtención de combustibles para as actividades domésticas, como para o desenvolvemento das actividades produtivas, e moi especialmente a metalurxia do ferro, que comeza a xeneralizarse nese momento. As uces proporcionan ademais un dos combustibles de mellor calidade para a produción de carbón vexetal e combustible para os procesos metalúrxicos.

“Os carbóns recuperados en contextos arqueolóxicos revelan un uso recorrente do toxo, a xesta, a uz e a esteva”

A partir do s. I da nosa era e polos datos dos que dispoñemos ata o de agora, prodúcese un incremento do consumo de madeira de árbores, fronte á proporcionada por arbustos e matos. Este cambio probablemente tivo diferentes condicionantes, entre os que poderían estar o aumento da demanda de combustibles derivada da nova organización do territorio, o desenvolvemento de actividades que requiren dun importante consumo de combustibles e madeira, e tamén probablemente con innovacións tecnolóxicas asociadas a novas ferramentas que permitiron talar árbores máis facilmente.

“A madeira foi o material máis usado en Galicia na Idade de Ferro. Empregábase como combustible, para a construción e para confeccionar ferramentas”

En que datos se baseou para chegar a esa conclusión?
Todos estes datos foron obtidos a partir do estudo de carbóns e madeiras recollidas durante a realización de escavacións arqueolóxicas de máis de 20 xacementos. Cada un deles foi observado ao microscopio, e os seus taxons identificados a partir dos caracteres diagnósticos da madeira. Esta identificación permitiunos chegar a saber cales eran as árbores e arbustos que estaban sendo utilizadas como combustibles, como madeira para construción ou para a confección de ferramentas, recipientes, armas, etc.

Cales eran as madeiras máis empregadas e para que usos as empregaban? 
Unha das principais contribucións da tese foi documentar e estudar todo tipo de obxectos e estruturas en madeira. A madeira era probablemente o material máis extensamente utilizado durante a Idade do Ferro. En madeira facíanse todo tipo de recipientes, cuncas, culleres, mangos de ferramentas, armas e útiles domésticos, as vigas e os postes, os entretecidos dos peches, as embarcacións, etc.

“Os recipientes elaborábanse en ameneiro, os mangos en carballo ou abeleira e os cestos con varas de abeleira, salgueiro ou fabáceas arbustivas”

A madeira de carballo é unha das máis utilizadas polas súas propiedades físicas así como pola súa resistencia ao ataque de fungos e insectos xilófagos. Os recipientes elaborábanse en madeira de ameneiro, unha madeira fácil de traballar, sen olor e sen sabor. Os mangos estaban feitos en madeira de carballo ou de abeleira, dependendo de si o que se buscaba era tenacidade ou flexibilidade. Os cestos e os entretecidos de varas en madeira de abeleira, salgueiro ou fabáceas, entre outras, que producen ramas finas e flexibles adecuadas para a confección de tramas. Todos estes datos demostran unha selección específica de determinadas madeiras para determinados usos, e un profundo coñecemento das propiedades das plantas e, en concreto, da madeira.

A abeleira era unha das principais especies empregada para prácticas de silvicultura.

A abeleira era unha das principais especies empregada en silvicultura.

Cales son os principais achádegos da súa investigación?
As principais contribucións da investigación relacionada coa tese, e das desenvolvidas a partir de entón, foron a identificación de diferentes patróns de aprovisionamento de combustibles ao longo do tempo e a determinación da existencia de prácticas de silvicultura. Esta práctica é especialmente interesante porque implica un manexo de especies silvestres e porque estaba relacionada de forma moi estreita coa cestería e a construción a partir de entretecidos de pólas. A abeleira era unha das principais especies sometida a prácticas de silvicultura.

“O piñeiro bravo é unha especie autóctona que se usaba de xeito habitual no interior de Galicia”

Un dos aspectos que destaca no seu traballo é que constata que o piñeiro era xa moi abundante naquela época en Galicia, unha cuestión que leva tempo a debatirse.
No noroeste hai evidencias polínicas da presenza de piñeiro desde antigo. O que nos permitiu determinar a tese foron os contextos nos que aparecía o piñeiro bravo (Pinus pinaster) e o piñeiro manso (Pinus pinea). Na área de influencia atlántica de Galicia, non documentamos ata o momento o uso de piñeiro como combustible ou como madeira de construción durante a Idade do Ferro, mentres que si está documentado o uso de piñeiro bravo en contextos da Idade do Ferro en áreas de influencia mediterránea, como determinadas áreas de Ourense e tamén no Noreste de Portugal. Para a época romana, as investigacións desenvolvidas desde Galicia e tamén dende o Norte de Portugal teñen permitido identificar como o piñeiro foi utilizado como leña e tamén como combustible nos ritos de cremación. En Chaves, nun contexto do s. IV da nosa era, tamén se identifica a presenza de brácteas e piñas de piñeiro manso.

Esta presenza do piñeiro indicaría entón que é unha árbore autóctona de Galicia?
A imaxe que temos actualmente do piñeiro é a das plantacións situadas en áreas costeiras. Pero os datos arqueobotánicos, en concreto de carbóns, recompilados por Isabel Figueiral para o Norte de Portugal, e posteriormente por nós desde a USC e polo equipo do ENV-ARCH do CIBIO-InBio, de Porto, indican que o piñeiro bravo (Pinus pinaster) é unha especie autóctona, e que a súa área de distribución non se restrinxía só a áreas costeiras senón que estaba tamén presente no interior de Galicia e de Portugal.

“O castiñeiro era unha especie presente en Galicia antes dos romanos, pero na época romana introduciuse probablemente o seu cultivo”

Á hora de establecer unha especie como autóctona, ata que punto o concepto de autoctonía é válido, cos cambios de distribución das especies ao longo do tempo histórico?
Esta é unha pregunta moi interesante porque as plantas teñen viaxado moito ao longo dos séculos. Os datos arqueobotánicos e paleobotánicos permítennos reconstruír esas historias e viaxes das plantas, e tamén establecer aqueles lugares nos que determinadas plantas crecían de forma natural.

No periodo que estudou, que árbores conformaban principalmente o monte galego?
A nosa investigación permítenos aproximarnos só a aquelas plantas que, nalgún momento, foron utilizadas polas comunidades que habitaron este territorio durante a Idade do Ferro. Non temos datos de todas aquelas presentes no entorno. Sabemos que a leña e a madeira era obtida principalmente do carballo e/ou rebolo, pero está documentada a utilización dunha gran variedade de árbores e arbustos como aciñeiras ou sobreiras, abeleiras, salgueiros, sanguiños, freixos, olmos, ameneiros, acivros, bidueiros, nogueiras, rosáceas tipo maloidea (por exemplo os espiños, o capudre, as maceiras, etc.). Tamén especies do mato como as fabáceas arbustivas tipo toxo ou xesta, as uces, as estevas, e incluso documentamos a presenza nos xacementos de talos de plantas como os carrizos, os fieitos ou a herba dos esmoleiros.

Había especies presentes ou frecuentes naquela época que agora teñan menos presenza ou esteán case desaparecidas en Galicia?
Os nosos datos non nos permiten coñecer a maior ou menor presenza das árbores, porque traballamos só cos residuos ou cos restos de obxectos que se conservaron en contextos arqueolóxicos. De todos modos si poderiamos afirmar que eran habituais todo tipo de árbores e arbustos asociadas aos bosques caducifolios e ás súas áreas de claros, así como ás formacións de ribeira.

Unha das crenzas máis arraigadas é a que relaciona ó castiñeiro coa chegada dos romanos á Península, realmente os romanos trouxeron esta árbore a Galicia ou só contribuiron á súa expansión?
Galicia é unha das áreas refuxio en Europa do castiñeiro durante os períodos glaciais. Polo tanto, o castiñeiro é unha especie autóctona, o que si parece que se documenta desde a época romana é a introdución do seu cultivo. A súa presenza está documentada de forma puntual en xacementos da Idade do Ferro de Galicia e Norte de Portugal, pero é moito máis frecuente a partir da época romana.

De que nos pode servir a día de hoxe, á hora de xestionar o monte, saber como eran os nosos montes nesa época?
Coñecer o manexo do monte e do bosque no pasado permítenos coñecer como foi en cada momento e a súa evolución ao longo do tempo. Ademais, podería mesmo permitir recuperar determinadas prácticas desenvolvidas por comunidades que habitaron no pasado este territorio.

Una idea sobre ““En Galicia xa se practicaba a silvicultura do monte na Idade de Ferro”

  1. tomas

    hola, despois de ler a entrevista teño varias dúbidas…..

    A nogueira tamén e autóctona? hai pois algunha liña xenetica que se manteña desde antigo?

    Do piñeiro bravo xa lera que o houbo en estado natural ata hai relativamente pouco tempo, hai algunha masa actual de piñeiro bravo que non sexa resultado de plantacións forestais?

    Non lin nada sobre o pinus silvestrys, habia tamén rastros de pinus silvestrys?

    A cerdeira?

    un saudo

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información