Muuhlloa, a cosmética ecolóxica galega cunha base láctea

Por que a cosmética ten que ser francesa se en Galicia temos a materia prima necesaria para facer cremas, xeles ou locións corporais? Foi o que fai catro anos pensaron cinco mulleres da Ulloa que uniron saberes e esforzos para sacar ao mercado produtos de hixiene persoal que levan até un 40% de leite recén muxido

Muuhlloa, a cosmética ecolóxica galega cunha base láctea

María Álvarez, cos produtos cosméticos de Muuhlloa.

Marta e María muxen as súas 40 vacas en Monterroso. No concello do lado, en Palas, Chusa, Carmela e Anxos apañan plantas aromáticas e medicinais autóctonas que elas mesmas cultivan. Coa suma dunhas e doutras fan alta cosmética made in Galicia. Ou mellor dito, made in na Ulloa. “Somos moi comarcalistas”, ironiza María.

O produto resultante leva o nome de Muuhlloa, igual que a empresa que crearon para esta aventura compartida entre Granxa Maruxa e Milhulloa. O xerme do proxecto é a economía colaborativa e a inquedanza emprendedora de 5 mulleres que apostan decididamente polo rural. “Muuhlloa está formada por 5 socias, todas mulleres e case todas nos 50”, destaca María.

A empresa aséntase na colaboración, a economía circular e o produto galego, natural e sen químicos

A filosofía da empresa aséntase en varios piares fundamentais: colaboración, economía circular e produto galego, natural e sen químicos. Cada pata do proxecto encárgase da súa parte dos ingredientes, Granxa Maruxa da base láctea e Milhulloa dos compoñentes aromáticos e esenciais. A formulación é cousa tamén de Milhulloa, aproveitando que Chusa Expósito é farmacéutica e Carmela Valiño bióloga.

Unha vez que a composición está lista levan os ingredientes a Iuvenor, un laboratorio do Carballiño que se encarga da parte final do proceso de fabricación. “Traballan para grandes firmas e para clientes europeos pero involucráronse moito. Cando chegamos alí por primeira vez co noso caldeiro de leite pensamos que se ían rir de nós”, lembra María, que destaca o feito de que todo o proceso, desde a produción da materia prima á elaboración final se fai en empresas que están a menos de 100 quilómetros de distancia.

O primeiro produto que sacaron ao mercado foi un leite corporal que leva un 40% de leite cru de vaca, oleato de milenrama e espesante de algas. Presentárono o 26 de novembro de 2016 no castelo de Pambre e xa levan vendidas 5.000 unidades.

Tanto Granxa Maruxa como Milhulloa son explotacións en ecolóxico e buscan sempre compañeiros de viaxe que casen con esa filosofía

O segundo produto foi unha loción capilar que saíu en xullo de 2017 e do que van vendidas 2.500 unidades. Os ingredientes iniciais eran romeu, ortiga, buxo, xarxa e caiena pero agora en vez de caiena leva pemento de padrón picante, que ten o mesmo principio activo. A receita deste produto está baseada nun libro do século XII sobre doenzas e remedios tradicionais, titulado Causae et Curae, no que Santa Hildegarda de Bingen, unha abadesa alemá, relata a historia dunha labrega que logrou que lle volvese saír o pelo logo de fregar a cabeza con follas de buxo.

O 31 de maio de 2018, o mesmo día que María está de aniversario (“foi un gran agasallo”, di), saíu a crema facial, o terceiro dos seus produtos no mercado. Leva leite de vaca de Granxa Maruxa, oleatos de milenrama e romeu de Milhulloa, leituga de mar de Mar de Ardora, de Ortigueira; cera de Polemel, de Rairiz de Veiga; e bagazo de mazá de Ribela, a empresa de elaboración de sidra afincada na Estrada.

A última das creacións é un xel corporal que leva leite de vaca, oleato de milenrama, levadura de cervexa de Toupiña, de Lalín; e mel de Sovoral, de Allariz.

Todos os produtos e ingredientes, tanto os que aportan as socias de Muuhlloa coma os que mercan a outras empresas, son de produción ecolóxica e de orixe galega. “Tanto Granxa Maruxa como Milhulloa somos explotacións en ecolóxico e buscamos sempre compañeiros de viaxe que casen con esa filosofía”, argumenta María.

A aventura do nome

Entrar no pechado mundo da cosmética, dominado por unhas poucas empresas multinacionais, non é doado e as dificultades para chegar a ter no mercado unha liña cosmética propia con catro produtos diferenciados exemplifícanse mesmo coas peripecias do propio nome da empresa. “Fai catro anos tiñamos xa desenvolvida a fórmula do leite corporal, pero a saída do produto retrasouse dous anos por mor do nome”, explica María.

Primeiro ía chamarse Mimá, unha expresión moi galega. O segundo intento foi Oh! de Ulloa, pero a multinacional francesa Lancôme botouno para atrás cunha denuncia no Rexistro de Patentes por lembrar a pronuncia ao seu Ô de Lancôme. Finalmente á terceira foi a vencida con Muuhlloa: “Mu de vaca, o u de muller, h de herba e ulloa da comarca”, detalla María.

En dous anos máis, “en Nova Iorque”

Así que Muuhlloa leva só dous anos no mercado e conta cun cento de puntos de venda en farmacias e tendas de produtos ecolóxicos de toda Galicia e mesmo en Salamanca ou Madrid, aínda que a idea é primeiro abastecer Galicia de cosmética galega quilómetro cero antes de saír fóra. “Por que temos que mercar cosmética ós franceses se temos aquí todos os ingredientes para facela nós?”, inquire María. Tamén venden por internet a través da páxina web e en feiras, a onde van coa intención de dar a coñecer a empresa e o produto que fan, que conta con Rexistro Sanitario para venda en farmacia e para poder comercializalo a nivel europeo.

“Por que temos que mercar cosmética ós franceses se temos aquí todos os ingredientes para facela nós?”

Nin a calidade nin a imaxe dos produtos de Muuhlloa (Marta e María proveñen dunha familia de fotógrafos de Vigo, a familia Quintero) teñen nada que envexar aos das grandes marcas internacionais, por iso cando a María se lle pregunta onde se ve dentro doutros dous anos di “en Nova Iorque”. “A nosa imaxe é moi boa e o noso produto é de moi boa calidade porque as nosas plantas son igual de boas que as francesas e o noso leite tamén”, remarca para loitar contra ese habitual complexo de inferioridade galego que ningunha das cinco socias practica.

En canto ao prezo dos seus produtos, indica que pretenden facer “alta cosmética asequible” porque a calidade non pode estar reñida co prezo. “Somos produtoras, facemos todo nós agás o acabado en laboratorio. Por que o bo e o ecolóxico ten que ser caro? Por que non podemos facer unha boa cosmética de calidade a prezo asequible para o común da poboación? Nós o prezo que lle poñemos é o xusto porque a idea non é o enriquecemento, a idea é a sustentabilidade no rural cunha calidade de vida digna”, argumenta.

Volta ás orixes

Se algo caracteriza ás aldeas galegas é sen dúbida esa axuda mutua entre veciños que Muuhlloa practica entre empresas. María Álvarez Quintero abandonou hai catro anos o individualismo dunha cidade coma Vigo para volver ao colectivismo rural na casa onde nacera o seu pai, no concello lugués de Monterroso. “Tiña 53 anos e levaba dous no paro, así que cambiei Vigo por Monterroso e sumeime ao proxecto, pero realmente as cabezas pensantes son a miña irmá Marta e as rapazas de Milhulloa”, asegura, malia que é ela a que figura como administradora da empresa pero “por razóns meramente circunstanciais”. A súa filla, que está estudando Enxeñaría Química, axúdalles coas redes sociais.

Arrincar non foi doado e María conta que tiveron que saír ao mercado “sen ningún tipo de financiamento e sen ningún tipo de subvención ou axuda pública porque non temos obras, só ideas, e os bancos tampouco creron en nós”, lembra. Pero se Cleopatra se bañaba en leite polos seus efectos rexuvenecedores, por que non facer cosmética con leite de vacas da Ulloa?

Os condicionantes de usar leite acabado de muxir

O leite que usan para as súas receitas en Muuhlloa non é de burra, coma o de Cleopatra, senón leite cru de vaca acabado de muxir. Iso condiciona a elaboración e a caducidade do produto. “Elaborar un cosmético con leite cru é bastante máis complicado que se usas proteína láctea ou leite en po, que é o que usan a maioría das industrias cosméticas”, explica María. Por iso fan pequenas tiradas, “porque traballamos con produtos frescos e a caducidade é menor pero as propiedades e beneficios para o organismo tampouco son os mesmos, é coma beber leite UHT de cartón ou o leite fresco pasteurizado”, compara.

O leite que usan procede de Granxa Maruxa, a explotación propiedade da súa irmá Marta, que fixo o mesmo camiño de volta a Monterroso pero 20 anos antes ca María. Coa carreira de empresariais recén sacada un bo día do ano 2000 decidiu que quería ser gandeira. Fíxose cargo da explotación que o seu pai tiña alugada en Cumbraos e desde entón pode contar un mundo de anécdotas, boas e malas: aprendeu a muxir e a andar en tractor e púxose a andar ao estilo daquela serie americana, Granxeiro último modelo. No 2002 un brote de tuberculose que finalmente deu negativo obrigouna a sacrificar todas as vacas, pero non desistiu, mercou outras e no 2007 pasouse a ecolóxico. Tres anos despois, no 2010, nacían as galletas de nata Maruxas, un proxecto desvinculado agora da explotación, até que hai dous anos renacía cunha nova iniciativa, Muuhlloa.

vacas-da-ganderia Granxa Maruxa Ulloa _-

María Álvarez, na Granxa Maruxa.

Próximo proxecto: embotellar leite ecolóxico pasteurizado

“As vacas viven mellor ca miña irmá. Pacen fóra, en liberdade, e todas teñen nome, é outra filosofía”, di María. Dúas persoas contratadas atenden a granxa, na que hai 40 cabezas entre grandes e pequenas. “A explotación por si soa non dá para ter dúas persoas contratadas, por iso a idea é buscar que sexa sostible dándolle valor engadido ao leite que produce, a mesma filosofía que antes se aplicou nas galletas Maruxa, pero agora a través da cosmética ou vendéndoo nós mesmas sen intermediarios”, explica.

Ese outro proxecto, que leva por nome As Vacas da Ulloa, é unha cooperativa da que forman parte Marta xunto a Ana, Julio e Carmela, das Cernadas. A idea é embotellar e comercializar directamente os 1.500 litros diarios que producen nas dúas explotacións, Granxa Maruxa e As Cernadas. As instalacións e a maquinaria de envasado, ubicadas nas Cernadas, xa están listas e a intención é saír co leite ao mercado antes de final de ano.

A idea é cambiar o concepto tradicional de economía no rural, onde o habitual é vender só materia prima a uns prezos á baixa fixados polas industrias e a distribución. A intención de Marta e María, fillas dunha fotógrafa tamén pioneira, é a de transformar, crear valor engadido e controlar elas mesmas o proceso.

Granxa-Maruxa-_

A granxa está decorada con vistosos murais acordes co entorno.

“O rural non pode estar reñido coa creatividade”

A historia de Marta é a dunha muller emprendedora e creativa que sorprendeu hai uns anos con ideas rompedoras dentro do sector lácteo galego, como cando decidiu poñerlles música ás vacas ou pintar a granxa con vistosos murais, coma o elaborado por Paula Fraile e que agora decora a casa a carón da antiga granxa.

“O rural non pode estar reñido coa creatividade”, opina María, que engade que “a Ulloa é das poucas zonas onde aínda predomina o bosque autóctono e está claro que pasear por unha carballeira non é o mesmo que facelo por debaixo de piñeiros e eucaliptos, aumenta a creatividade”, asegura.

Por iso no lugar idílico entre carballos que é Granxa Maruxa ten lugar a última fin de semana de agosto o Festival Agrocuir, unha reivindicación do rural e da diversidade que chegou xa á súa quinta edición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información