Música, produtos artesáns do agro lucense e obradoiros este sábado en Muras

Música, produtos artesáns do agro lucense e obradoiros este sábado en Muras

O concello lucense de Muras celebra este sábado, 26 de maio, a terceira edición da Romaxe Artesá da Chaira, que ten lugar na área recreativa da Veiga. Ademais da mostra e o mercado de produtos agroalimentarios da comarca, tamén haberá espazo para a diversión, con música e obradoiros.

A partir das 10:00 horas e durante toda a mañá estará aberta a mostra de oficios, que contará coa presenza de Xavier Quijada -escultura en pedra e cantería-, Xaneco Tubío -instrumentos musicais-, Idoia Cuesta -cestería contemporánea-, Iria Pigueira -complementos de moda-, Montse Tubío -calceta-, Marcos Ladra -talla de madeira-, Manuel Castro -torneado de madeira-, Alberto Geada -zoqueiro- e Carmen López -traxe tradicional galego-, ademais dos Ferreiros de Mazonovo e as Lolas da Cascarilla.

Durante toda a mañá os nenos e nenas tamén poderán desfrutar coa feira cos obradoiros infantís de creación conxunta, que terán lugar a partir das 11.30 horas. Ademais, poderán aprender tecido de punto, elaboración de complementos e mesmo traballar na creación dun niño.

Ao mediodía, a cooperativa Milhulloa e Cosmética Muuhlloa ofrecerán unha palestra sobre a evolución das plantas medicinais. Como acompañamento musical, o Cé Orquestra Pantasma amenizará a romaxe durante toda a mañá até as 12.30 horas, momento no que Axóuxere lle collerá o relevo.

Pola tarde, o colectivo Xotramu ofrecerá xogos tradicionais para grandes e pequenos a partir das 16 horas. Pola súa banda, Miudiño tamén impartirá un obradoiro infantil de creación de xoguetes ás 16.30 horas.

Ás 18 horas a rapazada poderá gozar co espectáculo de títeres ‘Circo galaico’ que ofrecerá Alakrán. Por último, a romaxe pechará a xornada coas actuacións musicais do cuarteto tradicional Cantigas e Frores, de Davide Salvado, e de O Sonoro Maxín.

romaxe chaira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información