Muras converterase a próxima semana na capital galega da carne de poldro

Este concello lucense celebra do 21 ao 26 de setembro as I Xornadas de Degustación da Carne de Poldro, unha carne tenra, saborosa, rica en proteínas e moi baixa en graxas. O domingo 27 celebrará a XXVIII Feira do Poldro e do Gando do Monte.

Muras converterase a próxima semana na capital galega da carne de poldro

Muras converterase ao longo da vindeira semana na capital galega da carne de poldro. Non en van, na Serra do Xistral que atravesa este concello lucense críase unha numerosa cabana de gando cabalar, tanto de raza Cabalo Galego como de Hispano Bretón.

Para promover o consumo dunha carne da que os nutricionistas coinciden en salientar a súa riqueza en proteínas e a súa baixa cantidade de grazas, o concello de Muras decidiu organizar do luns, 21 de setembro, ao sábado 26 as I Xornadas de Degustación de Carne de Poldro. Deste xeito, diversos establecementos de Muras ofrecerán degustacións gratuítas de tapas preparadas con carne de poldro. Entre os establecementos participantes están o Café Bar Santi, O Peregrino, Casa Víctor ou o Café Bar A Volta.

Ademais, entre os participantes nas xornadas sortearase unha fin de semana para dúas persoas no spa Attica 21 de Vilalba.

XXVIII Feira do Poldro e do Gando do Monte

Por outra parte, o domingo 27 celebrarase a XXVIII Feira do Poldro e do Gando do Monte. O evento inclúe un completo programa de actividades que comezará ás 10:00 horas coa apertura da feira, e de 11:00 a 13:00 horas terá lugar a cualificación do gando cabalar.

Ás 12:00 horas celebrarase unha exhibición de cans de palleiro e de 12:00 a 14:00 horas haberá degustación de carne de poldro na carpa do Concello.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, terá lugar a exhibición de cabalo Pura Raza Galega (PURAGA). E ás 17:00 horas celebrarase unha carreira de cabalos, coa colaboración da Asociación Atila.

A xornada rematará ás 19:00 horas coa entrega de premios e a continuación haberá unha actuación musical.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información