A Mostra Cultivos do Baixo Miño pon en valor a agricultura como alternativa de futuro laboral

Publicidade
A Mostra Cultivos do Baixo Miño pon en valor a agricultura como alternativa de futuro laboral

Stand de flor cortada

Máis de trinta empresas de viveirismo, flor cortada e auxiliares do campo de España e Portugal estiveron presentes na 14ª Mostra Cultivos Baixo Miño organizada por acuBam en colaboración co Concello de Tomiño e que se celebrou o pasado fin se semana neste concello pontevedrés.

No Pavillón de Goián (Tomiño) presentáronse as últimas novidades do sector, converténdose en escaparate de referencia a nivel nacional e internacional. Un nutrido programa de xornadas técnicas, actividades e exhibicións encheron sábado e domingo.

Presenza do país veciño e empresas colaboradoras 

A Mostra gañou representación do país veciño, tanto en número de expositores como en afluencia de público portugués. Verdeneiva, Casanova Jardins, Raiz da Terra e Moura Vidal foron as empresas expositoras de Portugal.

A presenza de colaboradores habituais como Agaexar, Iberflora, Cosagro, Cerne arboricultura ou o Festival Internacional de Xardíns de Allariz denota o traballo en equipo dun sector que ten moito que ofrecer dende o Baixo Miño.

O valor da infancia e da xuventude

O proxecto de educación ambiental As Nosas Amigas as Plantas volveu ser un éxito entre os escolares e as súas familias. Nesta edición, cerca de 400 nenos e nenas do Concello de Tomiño percorreron o seu entorno máis próximo para coñecer as árbores senlleiras do municipio. Os debuxos que realizaron con todo o aprendido nas visitas guiadas serviron de exposición no stand “As Nosas Amigas as Plantas IV”.

A xornada do sábado tivo un marcado carácter profesional coa realización dun debate aberto pola mañá e a conferencia de Íñigo Segurola pola tarde.

O debate, baixo o título “Realidade do sector hoxe”, estivo marcado pola participación activa dun público interesado. Representadas diferentes áreas do sector verde, Antón Vázquez Caamaño (Inspector de Sanidade Vexetal da Xunta de Galicia), José Collazo (Xerente de Viveiros Río Tollo), Venancio Outeda (Xerente do centro de xardinería O Piñeiro), Emilio Estévez (Xerente de Coplant) trataron temáticas tan diversas como as motivacións de compra e promoción de consumo, a publicidade no punto de venda, o perfil de cliente, a evolución e futuro dos mercados e modos de compra, o equilibrio entre tecnoloxías novas e convencionais ou as amezas biolóxicas.
A conferencia de Íñigo Segurola “Presente e futuro da xardinería” supuxo un achegamento ás últimas tendencias en xardinería que hai no mercado. Cun ton distendido e ameno o presentador televisivo fixo gala do seu carácter de showman para atrapar a un público moi receptivo.

Presentación do “Plan Estratéxico e operativo para a mellora da competitividade e valorización dos sectores planta ornamental e flor”

Dentro da programación da Mostra, o sábado pola mañá representantes do instituto icsem, empresa encargada da realización do plan, presentaron os resultados acadados nos apartados de planta e flor, xa que a temática de horta e froita está pendente de rematar. A participación no estudo dos Concellos da Guarda e do Rosal, ademais do Concello de Tomiño, converten este documento nun punto de partida moi importante para coñecer as potencialidades reais do sector primario na comarca.

AcuBam innovación

Dende a organización da Mostra teñen claro que o concurso de novidades vaise seguir celebrando en vindeiras ocasións porque a participación cada vez maior das empresas denota o seu interese.
Quince proxectos presentados nesta edición, en dúas categorías: planta atlántica ornamental e tecnoloxía:

1. Sistema de filtrado captación auga (Xargal Baixo Miño S.L.)
2. Nanofiltración (Xargal Baixo Miño S.L.)
3. Clematis “Avalanche” (Galiplant Ornamental S.L.)
4. Frutal enano, colección Fruit-Me (Galiplant Ornamental S.L.)
5. Pala cargadora compacta con orugas metálicas (Excavaciones y Desbroces Rocha, S.L.)
6. Selección xenética e posta en cultivo de nova liña ornamental de planta crasa resistente ao frío e floración abundante (Viveiros Rio Tollo, S.L.)
7. Produción nova hortensia única no mundo pola súa floración azul e rosa na mesma planta (Viveiros Rio Tollo, S.L.)
8. Novas variedades de plantas de temporada, alstroemeria e surfinias (Suministros Hortícolas Bacelo S.L.)
9. Novas Variedades Arbustivas, Ceanothus “Tuxedo”® (Raiz da Terra, Lda)
10. Novas Variedades Arbustivas, Lophomyrtus ralphii “Magic Dragon”® (Raiz da Terra, Lda)
11. Novas Variedades Arbustivas Tibouchina urvilleana “Groovy Baby”® (Raiz da Terra, Lda)
12. Eucaliptus gunnii “France blue” (Cultivos Casaíta S.L.)
13. Ginkgo Biloba Troll (Cultivos Casaíta S.L.)
14. Cercis Canadiensis “Ruby Falls (Cultivos Casaíta S.L.)
15. Coprosma Pacific Dawm (Vidaplan S.L.)

Respaldo institucional

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias agroalimentarias, Belén do Campo; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez; varios deputados, alcaldes da comarca, e de Vila Nova de Cerveira, entre outras autoridades estiveron presentes na Mostra Cultivos Baixo Miño 2017.

Belen do Campo, Sandra González, Carmela Silva e Patricia Rodríguez durante a súa visita

Belen do Campo, Sandra González, Carmela Silva e Patricia Rodríguez durante a súa visita

A presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez, agradeceu en primeiro lugar o traballo de organizadores e colaboradores para que o evento, acade un ano máis, o nivel de profesionalidade que o caracteriza, sendo ademais, punto de encontro do sector, coas últimas novidades, salientando especialmente a colaboración económica e loxística do Concello, que fai posible a celebración do evento.

“Este evento é reflexo da importancia que ten o sector, e das ganas que teñen as nosas empresas, de acrecentar as súas raíces, e continuar facéndose fortes, actuando de fixadores de poboación no rural, de exemplo de respecto medioambiental e de cooperación transfronteiriza, e dando visibilidade a unha agricultura moderna, sostible, innovadora e adaptada aos novos tempos”, explicou.

Asemade, agradeceu de xeito especial a colaboración dos artistas locais, que expoñen obras de escultura e pintura.

Belén do Campo, pola súa banda, salientou a relevancia do sector agrícola en toda Galicia e especialmente no Baixo Miño, onde se concentran 23 dos 76 viveiros existentes na Comunidade. “Este é un mercado en alza, un medio de vida digno e saudable; desde a Xunta apoiamos a súa promoción a nivel nacional e internacional”, precisou. A directora xeral afirmou ser consciente da falta de solo para cultivar e valorou a labor dos organizadores da Mostra, “un evento imprescindible para promover a profesionalización e a comercialización da planta ornamental”.

Carmela Silva afirmou que esta Mostra Cultivos “sitúa ao Baixo Miño coma un sector referencial da nosa economía e creación de emprego”. A presidenta da Deputación salientou o traballo dos viveiristas “que dan valor engadido ao sector, modernizándoo internacionalizándoo, traballando en equipo e amosándoo coma unha alternativa de futuro”. A mandataria subliñou a importancia de pasar do discurso á acción “para que a xente elixa quedarse na súa terra”.

A alcaldesa do Concello de Tomiño, Sandra González, reiterou o apoio incondicional do Concello á Mostra, agradecendo o traballo dos organizadores. “Esta é unha mostra totalmente consolidada, unha iniciativa intelixente e cunha planta de calidade excepcional, que temos o deber de apoiar”.

Neste sentido referiuse ao Plan Estratéxico, cuxa redacción están levando a cabo conxuntamente os Concellos de A Guarda, O Rosal e Tomiño, co fin de coñecer mellor as posibilidades de crecemento do sector. Por último, a rexedora local solicitou o apoio da Xunta para resolver temas de vital importancia para os agricultores, coma son o Banco de Terras e a concentración parcelaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información