A Moexmu quenta motores para a súa edición máis importante nos seus 36 anos de historia

A organización dá a coñecer o cartaz anunciador deste ano, obra novamente de Paula Francos. A cita será a primeira fin de semana de abril en Muimenta (Cospeito) e o concurso de gando, o único que se celebra na provincia de Lugo, terá desta vez carácter autonómico

A Mostra Exposición e o Concurso de Gando teñen lugar no recinto feiral Manuel Vila

A Mostra Exposición e o Concurso de Gando teñen lugar no recinto feiral Manuel Vila

A Moexmu deste ano, que se celebrará na primeira fin de semana de abril na localidade de Muimenta, pertencente ao concello de Cospeito, xa ten cartaz anunciador. Unha vez máis é obra de Paula Francos Anllo, segundo deu a coñecer a comisión organizadora, formada por empresarios e autónomos da vila.

A autora realizou tanto o cartaz da Mostra Exposición como o do Concurso de Gando que se celebra no recinto Manuel Vila. O cartaz da Moexmu ten dúas mensaxes principais: levar o rural na pel, así como a transmisión do amor polo rural ás novas xeracións, e visibilizar que a diversidade no rural tamén ten cabida (por un lado as familias monoparentais e polo outro, utilizando a figura dunha persoa sen un xénero definido).

Rey 747 July High Octane, Vaca Gran Campiona Fefriga 2019

Rey 747 July High Octane, Vaca Gran Campiona Fefriga 2019

Pola súa banda, o cartaz do Concurso, Exposición e Poxa de Gando, que este ano terá carácter autonómico como certame Fefriga 2020, xira tamén arredor de dous elementos: utilizando a figura dunha nena ou neno, transmítese a idea de que o rural ten futuro e valórase o coidado aos animais, véndose así como o premio colga como un pendente da orella da neno/nena facendo unha metáfora de que é a persoa que coida aos animais a que leva o premio xa que, “unha boa xenética mal coidada é peor ca unha xenética non tan boa xenética mellor coidada”, indica o coordenador da Moexmu, José Manuel Rus.

O rival a bater no concurso de gando será un ano máis a gandeiría Rey de Miñotelo, da Pastoriza, á que nas últimas 6 edicións da Moexmu só se lle escapou a vitoria no ano 2018, destronada por Manteiga SC, a explotación ubicada no concello pontevedrés de Vila de Cruces. Rey de Miñotelo foi tamén a vencedora o ano pasado na 28 edición do Concurso Autonómico Fefriga 2019, celebrado en Silleda durante a feira Cimag-Gandagro, coa vaca Rey 747 July High Octane.

Apoio económico da Deputación

Reunión celebrada o mes pasado da comisión organizadora da Moexmu co presidente da Deputación

Reunión celebrada o mes pasado da comisión organizadora da Moexmu co presidente da Deputación

De xeito paralelo, a comisión organizadora da 36 edición da Mostra Exposición de Muimenta continúa coas súas reunións de traballo, que xa comenzaron o pasado mes de xullo, encamiñadas á celebración dunha nova Moexmu, que terá lugar os vindeiros 3, 4 e 5 de abril e que leva aparellado o 34 Concurso de Gando Frisón da Moexmu, o único que se segue celebrando na provincia de Lugo desde o ano 2012 e que este ano se celebrará conxuntamente co 29 Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2020. O programa incluirá ademais a 34 Exposición da Gando de Raza Rubia Galega e a 24 edición da Poxa de Gando Selecto.

A veciñanza de Muimenta leva 36 anos organizando a Moexmu a través das seis comisións de empresarios e autonómos que se van turnando

O mes pasado, representantes da comisión organizadora deste ano mantiveron unha reunión co Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, que manifestou que a Administración Provincial manterá o compromiso tanto coa celebración da Moexmu como da Festa da Filloa de Muimenta, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, e que se celebra o primeiro de maio e creada como xeito de recadar fondos para a organización da Moexmu.

Cartel Moexmu 2020 660pxCartel concurso gando Moexmu 2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información