Mingón Holstein, novas instalacións e relevo xeracional en Asturias

Con tan só 20 anos Lara González atópase á fronte dunha explotación de 170 cabezas no concello de Tineo que desde fai un ano conta cunha nave de última xeración. Falamos con esta moza que forma parte dunha nova fornada de gandeiras que pide paso na comunidade veciña

Lara González xunto ao seu pai Javier nas novas instalacións

Lara González xunto ao seu pai, Javier, nas novas instalacións

Tineo rivaliza con Mazaricos e A Pastoriza por ser o concello con máis produción de leite de España. Nos 54 quilómetros cadrados deste municipio asturiano hai 337 explotacións leiteiras que suman 20.600 vacas e producen 107.000 litros de leite ao ano, o 20% da produción total da comunidade veciña, segundo os datos da Sociedad Asturiana de Estudios Económicos e Industriales (Sadei) referidos ao 2017.

Unha desas explotacións con vocación de continuidade é Mingón Holstein Sociedade Cooperativa. Á súa fronte está Lara González unha moza de tan só 20 anos que, xunto ao seu pai Javier e á súa avoa María Jesús, decidiu dar continuidade á tradición familiar pero modernizando o sistema de produción da gandería.

Investiron 700.000 euros nunha nave estilo invernadoiro de 70×40 metros, dous robots, leitería, balsa de purín e dous camións de vacas recén paridas de Francia

Ubicada en Sabadel de Troncedo, conta desde fai un ano cunhas novas instalacións punteiras onde prima a automatización e o confort das vacas. Investiron 700.000 euros e fixeron todo de novo (unha nave de 70 metros de longo por 42 de ancho, dous robots de muxido, leitería cun tanque de 15.000 litros e balsa de purín cuberta) porque a cuadra vella, situada nas Anzas, a un quilómetro da actual, non daba máis de si, era incómoda e non lles permitía seguir ampliando.

“Tiñamos 70 vacas en muxido amarradas e unhas 150 cabezas en total contando secas e recría”, explica Lara. “Subimos para aquí, para a nave nova, o 20 de decembro de 2018 coas 70 vacas en muxido que tiñamos e o 27 e o 29 de decembro chegaron dous camións con vacas de Francia, con 36 animais cada un”, engade.

Fai un ano pasaron dunha corte con 70 vacas presas a unha nave de última xeración con capacidade para 190 animais

Na actualidade contan con 170 cabezas nas novas instalacións, contanto os 102 animais que teñen en produción, as vacas secas e algunha xovenca próxima ao parto. A capacidade total da nova nave permitiríalles meter 190 animais e aínda que inicialmente puxeron só dous robots de muxido, o deseño quedou preparado para poder incorporar outro. “Poderiamos poñer un terceiro robot, xa deixamos preparado o sitio para el, só teriamos que sacar ás vacas secas, que por agora ocupan ese sitio”, explica.

Volver mercar vacas para seguir medrando

Foto aérea das novas instalacións en Sabadel de Troncedo

Foto aérea das novas instalacións en Sabadel de Troncedo

Fai un ano, coas instalacións finalizadas e sen gando dabondo para ocupalas, esta gandería optou por mercar animais para aumentar o número de cabezas. Trouxeron 72 vacas recén paridas de Francia a un prezo de 1.800 euros cada unha. “Recomendóunolo o veterinario, foi el o que xestionou a compra. O prezo era o mesmo que o que había por aquí”, aclara Lara. “Funcionounos moi ben o de mercar as vacas, se quixésemos seguir medrando volveriamos repetir ese sistema”, engade.

Para aumentar o número de animiais terían que instalar o terceiro robot, pero iso non entra nos seus plans a curto prazo, polo que neste momento unicamente pretenden cubrir as necesidades de reemprazo da granxa mediante a recría. “Como non temos intención de medrar a curto prazo e a metade dos animais, os que mercamos, están parindo por segunda vez, o que facemos é poñer sexado a todas as xovencas e seme de carne azul belga a todas as vacas”, explica Javier.

Fai un ano mercaron 72 vacas recén paridas en Francia

Fai un ano mercaron 72 vacas recén paridas en Francia

Aquelas vacas traídas de Francia “empreñaron moi ben”, destaca Lara, polo que están volvendo a parir todas desde o mes pasado. “As becerras e becerros pequenos son cousa de miña avoa. Témolas en boxes na cuadra vella. Cos 36 nacementos de novembro tirábase dos pelos”, bromea. A partir do destete a recría pasa a unha nave próxima que teñen alugada.

Pasar do circuito directamente ao robot

Lara, diante dun dos dous robots que instalaron

Lara, diante dun dos dous robots que instalaron

Mingón Holstein pasou directamente do circuito que empregaban para muxir no establo vello, onde as vacas estaban presas, ao robot sen o paso intermedio pola sala de muxido. Isto fixo que a transición para as vacas fose máis traumática. “Ao principio a adaptación foi difícil porque empezamos de golpe con 140 vacas en dous robots e as nosas vacas viñan de estar amarradas e non estaban acostumadas a moverse polo establo e ir a muxirse nin sequera a unha sala”, explica Javier.

Antes tardaban 3 horas en muxir cun circuito de 7 puntos e repartían a ración de alimentación que facían no carro mesturador a carretillas e paladas polo pesebre

“Antes muxiamos unhas 70 cabezas e tardabamos 3 horas. Muxía unha persoa soa cun circuito con 7 puntos con retiradores. Agora con menos traballo atendemos o dobre de vacas. O cambio foi grande tamén para nós, porque aquí hai máis que controlar pero menos traballo físico”, asegura. E pon un exemplo revelador: “na cuadra vella a mestura para a alimentación faciámola no carro pero despois iamos baleirándo o carro na carretilla e repartíndoo a paladas polo pesebre, iso era para morrer”, afirma.

510 toneladas de millo mercado en Galicia

Un dos silos que fixeron cos 26 tráilers de millo que levaron desde Meira

Un dos silos que fixeron cos 26 tráilers de millo que levaron desde Meira

Agora alimentar o gando é un traballo cómodo e sinxelo, que fan co seu propio carro mesturador. A ración de produción leva 24 quilos de silo de millo, 5 de silo de raigrás e 7,5 quilos de concentrado, que se engade ao punteo do robot. “Comen 6 quilos de penso de media por animal no robot”, aclara Javier. A ración das secas inclúe 14 quilos de silo de raigrás, 4 de palla e 3 de penso.

A explotación aténdena os seus tres titulares (Lara, o seu pai e a súa avoa) máis un empregado que teñen contratado e os traballos agrícolas encárganos a unha empresa de servizos. Dispoñen dunha superficie dunhas 70 hectáreas, das que até agora botaban 23 a millo. “O ano que vén queremos botar máis porque mercalo é moi caro, xa non só polo custo do millo, senón polo transporte até a explotación, porque vén recén cortado e traes moita auga”, argumentan.

Pretenden aumentar o vindeiro ano a superficie que botan de millo, que este ano foi de 23 hectáreas, para non depender tanto de ter que mercalo

Na zona de Tineo a carga gandeira é importante e non é doado atopar superficie dispoñible. “Por aquí hai moitas explotacións e para aumentar terra é complicado e non hai moito millo, acostuma mercarse e ven de León case sempre”, explica Javier. Este ano eles mercárono en Galicia, concretamente na zona de Meira. “Trouxemos 26 camións en total, 510 toneladas de millo listo para ensilar na explotación que era transportado directamente desde a finca a medida que a colleitadora o ía cortando e picando”, indica.

Compost para as camas

Balsa de purín cuberta da explotación

Balsa de purín cuberta da explotación

O millo mercado en Meira non é a única relación desta gandería coa nosa comunidade. O sistema de nave que construíron tamén foi unha influencia galega. “As instalacións copiámolas de As Pandas, en Vilalba. Nada máis as vin alí dixen eu tamén quero isto”, recoñece Lara.

A nova nave é “moi funcional”, di, e só leva cemento no chan, polo que “este sistema de construción metálica en forma de invernadoiro é máis barato que o outro, o tradicional con pórticos de formigón, e a nivel de ventilación funciona moi ben, porque as cubertas do medio abren para arriba para ventilar no verán”, explica.

“Fixemos unha proba poñendo a metade dos cubículos con area e a outra metade con compost e as vacas ían todas deitarse ao compost”

Nos cubículos están empregando neste momento area. “Gastamos dous camións de area ao mes”, detalla Lara. “Durante este ano que levamos aquí probamos cun montón de cousas, por exemplo con carbonato e serrín e con carbonato, serrín e palla. O problema do carbonato é que nós queremos ter os cubículos cheos e o carbonato sácano todo das camas as vacas, a area tamén, pero polo menos é máis barata”, xustifica.

As camas da gandería son actualmente de area

As camas da gandeiría son agora de area

A medio prazo teñen pensado pasarse ao compost. “Probamos cun separador de purín que nos prestou o distribuidor e puxemos a metade dos cubículos con area e a outra metade con compost para ver o resultado e as vacas ían todas a deitarse ao compost, non hai mellor proba”, asegura Lara. “O problema que temos ademais para a area é que temos balsa para o purín. Como sacas a area daí? Se tivesemos pozo aínda poderiamos seguir coa area”, engade.

Socios de Central Lechera Asturiana

Teñen 140 vacas en produción

Teñen 140 vacas en produción

Esta explotación de Tineo produce na actualidade 37,5 litros de media por vaca chegando a un promedio de 2,9 muxidos diarios nos dous robots que teñen instalados e que están ao 100% da súa capacidade, con 140 vacas repartidas en dous lotes.

A gandería é socia de Central Lechera Asturiana, a quen entregan o leite. “Non nos puxeron ningún problema para aumentar a produción”, asegura Lara. Cobran o leite a 36 céntimos máis calidades e están en niveis de 3,80% de graxa e 3,35% de proteína.

“A partir dagora a ración será a mesma todo o ano e queremos ter millo dabondo nós para non ter que mercalo. Até agora iamos cambiando a ración para adaptarnos á forraxe que tiñamos, pero agora co millo penso que melloraremos en calidades de leite tamén”, considera Javier.

Gandeiras Asturianas, un colectivo moi activo formado por un cento de mulleres titulares de explotacións

Lara na viaxe organizada en setembro por Gandeiras Asturianas a Suiza

Lara na viaxe organizada en setembro por Gandeiras Asturianas a Suíza

Lara ten hoxe 20 anos e incorporouse á explotación familiar con só 18. “Non o tiven que pensar moito, era o que me gustaba”, afirma. Forma parte dunha nova xeración de mozas que, rachando un novo teito de cristal en materia de igualdade, está a asumir responsabilidades en moitas explotacións agrogandeiras asturianas.

Segundo os datos oficiais do Sadei, das 16.000 explotacións gandeiras que hai en Asturias, a titularidade das explotacións na comunidade veciña repártese case a partes iguais entre homes (47,5%) e mulleres (46,5%). O resto serían sociedades.

Máis dun cento destas mulleres titulares de explotacións forman parte do colectivo Gandeiras Asturianas, que levan ano e medio funcionando a través dunha páxina de facebook moi activa e dun grupo de whatsapp, no que comparten as súas experiencias do día a día e os seus problemas pero no que tamén se dan apoio mutuo e organizan actividades de ocio en conxunto.

Pretenden constituirse legalmente como asociación para poder impartir cursos e recibir formación

“No mes de setembro fomos tres días a Suíza, a Charmey, onde ten lugar unha feira gandeira cando baixan as vacas dos Alpes e fan un desfile de gando no que lle poñen flores e chocas ás vacas na cabeza. Foron 21 horas en autobús para ir, un día alí e outro para volver, pero mereceu a pena. Animámonos a ir 65 gandeiras e xa estamos organizando á seguinte viaxe no mes de febreiro a París para ir á Feira Internacional da Agricultura”, conta Lara, moi implicada no colectivo. “Este tipo de viaxes son interesantes porque coñeces outras experiencias. Nesta zona de Suíza, por exemplo, páganlles o leite a tres euros o litro. Eu flipei, se me pagaran a min a ese prezo cambiaba o conto”, asegura.

O cento de mulleres que forman parte de Gandeiras Asturianas, de todas as idades, son titulares de explotacións por toda Asturias, con gando vacún de leite e de carne de xeito maioritario pero tamén con explotacións de ovino e de caprino. “Agora ímonos constituir como unha asociación legalizada para poder impartir cursos e recibir formación”, conta Lara.

“Só pedimos que se nos valore máis aos gandeiros e gandeiras, que se dea máis visibilidade ao que facemos e que se nos poñan menos trabas”, reclama Lara

Fan un labor de concienciación importante, están orgullosas do seu traballo e reivindican maiores apoios. “Hoxe en día requíresenos moito para todo e esíxesenos moito para o pouco valor e visibilidade que se nos dá aos que nos adicamos a este sector. As Administracións públicas e as persoas que non están vinculadas ao medio rural non se dan conta de que as gandeirías somos un sector económico que dá de comer a moita xente. Non deixamos de ser unha empresa máis e só pedimos que se nos valore máis aos gandeiros e gandeiras, que se dea máis visibilidade ao que facemos e que se nos poñan menos trabas”, reclama.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información