Mercadona trasladaralle 2 céntimos máis ós gandeiros a través das súas industrias proveedoras

A cadea de supermercados, disposta a aplicar esta medida xa no leite correspondente a setembro. Celta e Clas aceptan cambiar os contratos, segundo fontes sindicais

Mercadona trasladaralle 2 céntimos máis ós gandeiros a través das súas industrias proveedoras

Os gandeiros están a bloquear as industrias desde o pasado venres.

A presión dos gandeiros para lograr a recuperación inmediata dos prezos do leite comeza a dar os seus froitos. A cadea de supermercados Mercadona anuncioulle hoxe ó sector que lle trasladará unha suba de 2 céntimos ós gandeiros a través das súas industrias proveedoras, segundo aseguran fontes de Upa, a matriz estatal de Unións Agrarias. A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) tamén recibiu unha comunicación de Mercadona en similar sentido.

En Galicia, a medida beneficiaría alomenos a parte dos gandeiros que traballan coas empresas proveedoras de Mercadona na comunidade, Leche Celta, Entrepinares e Celega. Fontes sindicais e de Agaca aseguran tamén que as empresas Leche Celta e Clas (Central Lechera Asturiana) lles anunciaron a súa vontade de retirar os contratos actuais á baixa e de proceder a subas no prezo do leite en canto as cadeas de distribución lles repercutan os aumentos nos pagos que están comezando a anunciar. Polo de agora, non foi posible obter a versión das industrias ó respecto. Unha gandaría da Coruña si confirmou que Entrepinares lle anunciou unha suba no leite de 1 céntimo.

Desde Agaca sinalan tamén que Vegalsa – Eroski se comprometeu a subir no supermercado o prezo do leite máis barato en 2 céntimos, trasladándolle esa suba ós produtores. No caso de Mercadona, a mellora de prezo non implica aumentos paralelos no supermercado.

As negociacións para chegar a acordos sucédense sen pausa. As organizacións agrarias están en contacto permanente co Ministerio en busca de avances que permitan pechar un acordo. Entre tanto, a práctica totalidade das principais industrias lácteas de Galicia están bloqueadas e a recollida do leite está paralizada.

Para levantar o bloqueo, os gandeiros demandan a retirada e renegociación dos actuais contratos a baixos prezos, que nalgúns casos están en vigor ata marzo do 2016. As organizacións agrarias tamén demandan que o Ministerio aclare en que abano de prezos se sitúa o denominado “prezo sostible”, un punto clave da proposta de acordo para o sector lácteo presentado polo Ministerio. O documento establece que as industrias lle deben pagar ós produtores un prezo sostible, pero non se concreta ningún mecanismo para determinar ese prezo, unha cuestión na que Ministerio e sector produtor están a traballar nas últimas horas.

Tras coñecerse a vontade Leche Celta e de Clas de retirar os contratos á baixa, Asaja Galicia emitiu unha nota de prensa na que se felicita por esa decisión e confía en que ese sexa o primeiro paso para acabar co bloqueo ás industrias, co que está en desacordo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información