Mercado da Colleita, as voces do desenvolvemento rural

Tres empresas galegas impulsaron un proxecto para facer visibles iniciativas innovadoras no rural. A parte central da labor de difusión recae nos Parladoiros, un evento que congrega cada ano a centos de persoas interesadas en coñecer ós protagonistas do desenvolvemento rural

Mercado da Colleita, as voces do desenvolvemento rural

Os Parladoiros congregan cada ano a centos de persoas.

Ese termo un pouco abstracto que é o desenvolvemento rural plásmase en historias como a de Alexandre Cendón, un filósofo que se iniciou por accidente no mundo das abellas, cando un amigo que emigraba a Suíza lle deixou tres colmeas, e que hoxe en día xestiona Abella Lupa, unha sociedade agrícola adicada á produción de mel ecolóxico e á divulgación da cultura apícola. Esta e moitas outras historias están dándose a coñecer cada ano a través do Mercado da Colleita, unha iniciativa que trata de facer visibles proxectos innovadores no rural.

O Mercado da Colleita engloba un conxunto de accións dirixidas a facer de escaparate do novo rural galego. O seu punto central son os Parladoiros, un evento anual que xunta nun teatro a un grupo de emprendedores rurais para que conten as súas iniciativas e vivencias.

“O noso proxecto demostrou que se pode volver da cidade ó campo sen grandes gastos” (Xan Fraga, produtor de porco celta)

Este ano foron 8 proxectos os que congregaron no teatro Rosalía de Castro da Coruña a centos de persoas interesadas en coñecer historias como a de Alexandre, de Abella Lupa, ou a de Xan Fraga, da Horta de Teodoro, unha iniciativa de volta ó rural centrada na cría do porco celta e na elaboración de embutidos artesanais. “O noso proxecto demostrou que se pode volver da cidade ó campo sen grandes investimentos. Nós fomos a un pobo, Palas de Rei, e comezamos a plantar as patacas a man”, lembra Xan dos seus inicios na Horta de Teodoro.

A historia de Xan, igual que a dos outros proxectos participantes, vaise difundindo logo tamén en vídeo tanto a través da web do Mercado da Colleita como das plataformas e redes sociais. Quen non estivese nos Parladoiros, que este ano se desenvolveron a mediados de marzo, pode ir así coñecendo ó longo do ano iniciativas como a da Horta de Teodoro ou a da Casa Grande de Xanceda.

“Poñer en valor o noso”
A iniciativa do Mercado da Colleita naceu hai tres anos impulsada por tres empresas galegas, Corporación Hijos de Rivera (Estrella Galicia), Gadis e máis R, que centraron parte dos seus proxectos de Responsabilidade Social Corporativa na idea de “poñer en valor o noso”. “O Mercado da Colleita está sendo un éxito pero non é algo que nos sorprenda. Estaba latente o interese e o feito de que o rural pode ser unha alternativa vital e de traballo, non ó xeito de antes, senón unha alternativa moderna e actualizada”, reflexiona Marcos Pérez, un dos coordinadores do proxecto.

“Había latente un interese no rural como alternativa moderna e actualizada” (Marcos Pérez, coordinador)

A experiencia do Mercado tamén é ben valorada polos participantes. “A xente que vén ós Parladoiros a dar a coñecer o seu proxecto o que máis agradece é ter un espazo no que contar a súa historia”, apunta Marcos. “É un xeito de facer visible e de recoñecer un traballo; nós non somos un proxecto lucrativo nin é o noso cometido”.

Os proxectos participantes no Mercado da Colleita pasan despois a formar parte dunha comunidade que serve de apoio á propia organización do Mercado de cara a definir proxectos futuros. “Os Parladoiros están a ser o pilar do proxecto e a idea é continuar con eles en tanto haxa interese por parte da cidadanía, que estamos vendo que si hai, e a maiores todos os anos tratamos de impulsar iniciativas paralelas. Por exemplo, un ano tivemos durante tres meses unha tenda no centro da Coruña na que cada proxecto participante estaba unha semana promocionando e vendendo os seus produtos” -explica Marcos Pérez-. “En tanto haxa interese por isto e teñamos iniciativas no rural que compartir e que apoiar, o Mercado da Colleita ten sentido e futuro”, conclúe.

Vídeo resumo dos Parladoiros 2015

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información