Menos vacas pero máis produtivas: a tendencia na maioría de países da UE trala fin das cotas

Agás Irlanda e Polonia, onde o número de animais está a medrar, o resto de produtores reducen cabana gandeira. En España, o descenso foi dun 3,8% desde o 2015, pasando de 844.000 vacas a 812.000, pero cada animal dá case un 8% máis de leite ca fai 5 anos

Vacas camiño do pasto tralo ordeño da tarde

Vacas camiño do pasto nunha explotación holandesa, onde a produción por vaca medrou un 15% desde o 2015

O sector leiteiro europeo é cada vez máis eficiente. O último informe elaborado polo Observatorio Lácteo da UE, con datos do 2018, pon de manifesto o incremento na produción de leite por vaca que están a experimentar a meirande parte dos países produtores de leite da UE, agás Francia.

No conxunto da Unión, hoxe con 27 países trala marcha do Reino Unido, hai na actualidade 20,5 millóns de vacas leiteiras, case un millón menos ca no 2015. Pero esta caída do 4,2% no número de cabezas foi compensada cun maior rendemento leiteiro por animal, cun incremento medio de 133 litros por lactación, o que equivale a un 5,9% máis de produción por vaca en só tres anos, o periodo comprendido entre 2015 e 2018.

No ano 2018 España foi o cuarto país da UE con maior produción de leite por vaca, con 8.982 quilos por lactación, só superada por Dinamarca, Estonia e Países Baixos

En España a evolución desde a fin das cotas leiteiras no ano 2015 levou a un incremento de produtividade do 7,85%, dous puntos superior á media comunitaria, o que supuxo unha mellora de 218 quilos por lactación e ano entre 2015 e 2018, pasando o promedio por vaca de 8.328 quilos a 8.982 en só tres anos. Este incremento de produción por vaca foi quen de compensar o descenso na cabana española de vacún de leite, que caeu desde as 844.000 cabezas no ano 2015 até as 812.000 no ano 2019, un 3,79% menos.

Nos últimos 20 anos desapareceron unha de cada catro vacas de leite en España pero as que quedan dan case 3.500 litros máis ao ano

Aínda así, a mingua no número de vacas de leite en España reduciuse trala fin das cotas lácteas, xa que a perda de cabezas produtoras nos dez anos anteriores foi moito máis importante. Entre o 2003 ao 2015 desapareceran no Estado español unha cuarta parte das vacas leiteiras, desde 1.118.000 animais en produción a 844.000, a un ritmo dun 2% cada ano, mentres desde o 2015 o descenso ralentizouse e o ritmo actual na caída de cabezas é do 1,26% anual.

Nos últimos 20 anos desapareceron unha de cada catro vacas de leite en España. Pola contra, as que hai dan moito máis leite. A produción por vaca e ano é hoxe 3.487 quilos superior ao que se lograba no 2001, cando de media as vacas de leite españolas producían só 5.495 quilos por lactación.

mapa produción leite por vaca UEÁ cabeza en produtividade

En conxunto, España é un dos países da Unión Europea onde máis descendeu a cabana leiteira desde o ano 2003 (27,37%). Sen embargo, a caída acusada na cabana gandeira foi compensada cunha maior produtividade por vaca, que se incrementou neste tempo un 63,46%, dos maiores avances logrados en Europa.

De feito, España atópase neste momento entre os países con maior produción de leite por cabeza: os 8.982 quilos por vaca e ano segundo os datos do 2018 que manexa a UE só son superados polos 9.851 quilos por lactación de Dinamarca, os 9.353 de Estonia e os 9.079 dos Países Baixos.

España foi dos países onde máis descendeu a cabana leiteira desde o ano 2003 (27,37%) pero nos que máis se incrementou a produtividade por vaca (63,46%)

A media por vaca dos 27 países comunitarios é de 7.159 quilos por ano, con niveis superiores a esa cifra nos países do norte, do centro e do sur de Europa con maior grao de intensificación (Finlandia, Suecia, República Checa, Hungría, Alemaña, Bélxica, Austria, Italia, España e Portugal) e máis baixos en países que alimentan o gando en base a pastos, caso de Irlanda, ou en países do leste de Europa incorporados máis tarde á UE e nos que o desenvolvemento do sector produtor de leite non acadou aínda os niveis do resto da Unión, como por exemplo Polonia, Croacia, Bulgaria ou Romanía, que pechan o ránquing de produtividade por cabeza.

Maior grao de intensificación e produción por vaca non equivale a maior rendibilidade das explotacións

Con todo, maior grao de intensificación e produción por vaca non equivale a maior rendibilidade das explotacións, senón que países como Irlanda ou rexións de Portugal como as Azores, que alimentan o gando case exclusivamente en base ao pasto, logran maiores marxes na venda do leite ao conseguir custos de produción sensiblemente máis baixos aos de países con sistemas de produción máis dependentes dos concentrados.

O estudo do Observato Lácteo europeo exclúe xa ao Reino Unido, que abandonou a UE no mes de marzo, tralo Brexit, e que era até entón o terceiro Estado con maior produción de leite da Unión Europea, con 15 millóns de toneladas, só por detrás de Alemaña, con 32 millóns, e Francia, con 24.

Francia, a excepción á evolución positiva

Explotación leiteira francesa

Explotación leiteira de Francia, onde a cabana gandeira se reduciu un 4,15% e a produción por vaca un 0,7%

Dos principais países produtores de leite na UE, tan só a Francia semella que lle está a sentar mal a eliminación das cotas. Francia decidiu autolimitar a súa produción tralo fin das cotas lácteas, algo que o levou a perder peso no contexto europeo, e o oco que deixou aproveitouno Alemaña.

Desde o ano 2015 a cabana gandeira francesa reduciuse un 4,15%, practicamente na mesma porcentaxe que no conxunto da Unión Europea (4,19%), pero mentres que a produtividade por animal se incrementou un 5,9% de media dos 27 países que forman o clube comunitario, na República Francesa a produción por vaca caeu un 0,7% neste tempo.

As vacas francesas e portuguesas deron menos litros de leite no 2018 que no 2015

As vacas francesas dan de media ao ano 7.049 quilos de leite, lixeiramente por debaixo da media comunitaria (7.159) pero o seu rendemento é hoxe menor que fai 5 anos, mentres o resto de principais produtores europeos foron incrementando a produción por cabeza desde o 2015, con melloras do 16,48% no caso de Italia, 15,29% nos Países Baixos, 9,09% en Bélxica, 5,81% en Alemaña, 5,23% en Dinamarca. Ao igual que en Francia, a evolución en Portugal tamén foi negativa desde o 2015, cunha caída de rendemento do 0,48%, desde os 7.450 quilos por vaca até os 7.414 en 2018.

Países Baixos, menos cabezas polas limitacións ambientais

Gandeiría holandesa en pastoreo con robot de muxido

Gandeiría en pastoreo con robot de muxido en Holanda, onde as limitacións ambientais reduciron a cabana un 7,4%

No lado oposto destacan os incrementos de produtividade en Italia e Holanda, superiores ao 15%. Destaca sobre todo no caso dos Países Baixos, que contaba xa con niveis produtivos elevados pero que en 3 anos logrou que as súas vacas dean 1.204 quilos máis de leite, pasando de 7.875 a 9.079 quilos por lactación.

Sen embargo, foi tamén neste periodo no que a produción das granxas holandesas se viu condicionada pola vía do establecemento de cotas de emisións de fosfatos, que obrigaron a unha redución importante no número de cabezas en moitas explotacións. Hóuboas que optaron por mercar dereitos de emisións a outras gandeirías ou mesmo por enviar a recría a Alemaña para que deste xeito as xovencas non computasen como cabezas da granxa, pero na maioría dos casos reduciron o número de animais compensando isto cun incremento na súa produtividade.

En Holanda hai hoxe 127.000 vacas menos dando leite que no 2015 e 234.000 xovencas e becerras de recría menos que fai 5 anos

A cabana gandeira holandesa ten hoxe 1.590.000 vacas dando leite, segundo os datos do 2019 publicados polo Observatorio Lácteo da UE no seu informe, un 7,4% menos que na última campaña de cotas lácteas; ás que hai que sumar 107.000 xovencas entre 1 e 2 anos, fronte ás 129.000 do 2015 e 395.000 xatas de menos de 1 ano, fronte ás 607.000 que había contabilizadas no 2015.

Irlanda e Polonia lideran o crecemento

Vacas leiteiras en Pastoreo en Irlanda

Vacas leiteiras en pastoreo en Irlanda, que aumentou un 15% a súa cabana gandeira entre 2015 e 2019

Só cinco países da Unión Europea aproveitaron o final das cotas lácteas para aumentar tanto o número de cabezas de gando como a produción por vaca: Irlanda, Polonia, Bélxica, Luxemburgo e Chipre.

No caso de Irlanda, o incremento na cabana gandeira foi dun 15% entre o ano 2015 e o 2019, pasando de 1.240.000 vacas leiteiras na última campaña de cotas ás 1.426.000 de hoxe. Se o comparamos con España, Irlanda tiña no ano 2003 un número de vacas leiteiras semellante (1.136.000 no caso irlandés e 1.118.000 no español) pero mentres en España a cifra de animais non deixou de descender desde entón até os 812.000 actuais, en Irlanda o número evolucionou en sentido contrario, medrando un 25,53% entre 2003 e 2019.

Irlanda e España partían dun número de animais produtores semellantes no ano 2003 pero mentres en España minguaron unha cuarta parte en Irlanda aumentaron nesa mesma proporción

De xeito parello ao aumento da cabana gandeira, Irlanda logrou tamén incrementar a produción por vaca un 2,46% desde o fin das cotas, desde os 5.327 quilos por vaca e ano no 2015 aos 5.720 tres campañas máis tarde. O aumento do número de vacas, unido a un sistema de produción vinculado ao pasto, está a xerar na actualidade problemas de contaminación por nitratos en Irlanda, onde se calcula que as emisións procedentes do sector agrogandeiro supoñen o 35% do total de gases de efecto invernadoiro do país.

Irlanda aumentou un 15% o rabaño de leite e un 2,5% a produción por cabeza entre o 2015 e o 2019 e Polonia un 1,5% o número de vacas e case un 6%% o leite que dan

En Polonia, o outro dos países emerxentes de Europa a nivel leiteiro, o aumento da cabana produtora foi moito menor que en Irlanda, pasando de 2.134.000 vacas a 2.167.000, pero a mellora na produtividade pasou dos 5.097 quilos do 2015 aos 5.399 en 2018, un incremento anual próximo ao 2%.

Camiñando cara a especialización produtiva na UE

cadro producion leite e numero cabezas UE por paisesO estudo da evolución da cabana gandeira en Europa nas últimas dúas décadas amosa claramente que o continente camiña cara a unha especialización na produción de leite dentro da UE, que se está a afianzar nos tradicionais países produtores (Alemaña, Francia, Países Baixos, Irlanda, España) e aos que se está a sumar Polonia, mentres o número de vacas leiteiras se reduce a un ritmo acelerado no resto de países.

Europa camiña cara a unha intensificación da produción nas rexións máis leiteiras e unha desaparición do sector no resto do territorio

Agás en España, Suecia, Polonia e Portugal (27,37%, 25,5%, 23,05% e 18,75% respectivamente), no resto de países con vocación para a produción de leite o descenso da cabana gandeira nos últimos 15 anos foi menor que na media da UE, situada no 14,15% de caída promedio. Os valores de Italia (13,83%), Francia (13,41%), Alemaña (7,51%), Austria (6,09%), Bélxica (5,94%) e Dinamarca (4,41%) situáronse por baixo da media europea e mesmo houbo dous países, Países Baixos e Irlanda, onde o balance 2003-2019 en canto á evolución da cabana gandeira é positivo, con incrementos do 2,51% no caso holandés do 25,53% no irlandés.

Evolución do número de cabezas

cadro evolucion numero vacas leiteiras UE por paises

Datos por 1.000 vacas

No conxunto dos 27 países da Unión Europea hai hoxe 20,5 millóns de vacas dando leite, con Alemaña, primeiro produtor de leite da UE e que aproveitou o periodo post-cotas para afianzar o seu liderado, á cabeza, cun rabaño de 4 millóns de vacas. Francia (3,4 millóns), Polonia (2,1), Italia (1,6), Países Baixos (1,5), Irlanda (1,4) e Romanía (1,1) están tamén por enriba do millón de vacas leiteiras. España superaba esa cifra fai 15 anos (1.118.000 cabezas no ano 2003) pero a día de hoxe está nas 812.000 vacas.

Desde o ano 2003 o número de vacas de leite só aumentou en Irlanda e Países Baixos, mentres en España, Suecia, Polonia e Portugal foi onde se deron os maiores descensos

De feito, España foi dos países onde máis descendeu a cabana leiteira desde o ano 2003 (27,37%), só superada por países do leste de Europa: Croacia (46,94%), Lituania (46,21%), Eslovaquia (41,12%), Bulgaria (37,29%), Grecia (36,24%) e Romanía (29,18%). Todos, agás Romanía, que ten 1.131.000 vacas leiteiras, contan con moita menor vocación láctea e número de cabezas produtoras ca España.

Evolución da produtividade

cadro evolucion produción por vaca UE

Datos en quilos de leite por vaca e ano

Pero é precisamente neses países onde máis caeu a cabana gandeira nos que tamén máis se incrementou a produtividade por vaca. No caso de España esa mellora foi do 63,46% desde o 2001. Destaca tamén o incremento logrado polas repúblicas exsoviéticas do Báltico, Estonia, Letonia e Lituania (75,84%, 67,70% e 57,33% respectivamente), así como en Eslovenia (72,07%), Croacia (71,99%) e República Checa (69,15%). Grecia (52,37%), Italia (45,83%) e Bélxica (43,76%) tamén están por enriba da mellora media do conxunto da UE (32,33%).

Nos últimos 20 anos España mellorou un 63% a produción por vaca, Italia un 45%, Dinamarca un 35%, Alemaña un 28%, Holanda un 24%, Irlanda un 22% e Francia un 19%

Aínda con variacións, esa mesma tendencia positiva tamén se deu no resto de países, aínda que cunha evolución máis contida en países como Francia, Holanda ou Irlanda, cunha produción de leite máis vinculada a territorio e á produción local de forraxes. Nos últimos 20 anos Dinamarca mellorou a súa produción por vaca un 35%, Alemaña un 28%, Holanda un 24%, Irlanda un 22% e Francia un 19%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información