Menos do 2% do viñedo galego está en ecolóxico ou en produción integrada

Expertos reunidos en Ribadavia nunha xornada organizada pola Evega destacan a necesidade de reducir e racionalizar o uso de fitosanitarios e suprimir emprego de herbicidas. Os viñedos certificados en ecolóxico na Comunidade roldan as 80 hectáreas e os de produción integrada supoñen unhas 250 hectáreas.

Publicidade
Menos do 2% do viñedo galego está en ecolóxico ou en produción integrada

Bernardo Estévez repartindo pola viña un preparado biodinámico.

Os viños certificados en ecolóxico ou en produción integrada avanzan moi timidamente, a pesar do crecemento deste nicho de mercado, sobre todo no mercado exterior, e de que a lexislación e os consumidores reclaman cada vez máis produtos alimentarios con menor presencia de resíduos.

Así se puxo de manifesto na xornada organizada este xoves en Ribadavia pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) sobre “Xestión de pragas e enfermidades no viñedo (I)”.

Diversos expertos e viticultores explicaron os principios da xestión integrada de pragas en viñedo así como da viticultura ecolóxica, dous tipos de produción certificada de carácter voluntario que ocupan en Galicia ao redor de 250 e 80 hectáreas, respectivamente, sobre un total de superficie vitícola en Galicia dunhas 26.000 hectáreas. É dicir, supoñen pouco máis do 1% da superficie, a pesar de que tal e como destacaron os relatores é posible facer viticultura ecolóxica en Galicia.

Neste sentido, Ignacio Munilla Rumbao, de Asesoría Munilla Biodiversidade, explicou os principios ecolóxicos da produción integrada en viñedo, mentres que Juan Carlos Vázquez Abal detallou a aplicabilidade da xestión de pragas e enfermidades en produción integrada, un sistema de produción a medio camiño da produción ecolóxica que busca reducir ao máximo o uso de fitosanitarios e de agroquímicos, con prácticas respectuosas o medioambiente, esperando a uns limiares mínimos para realizar tratamentos.

En Galicia a produción integrada en viñedo está regulada desde o ano 2005 e en adegas desde setembro do pasado ano, sendo unha das poucas comunidades, xunto con Andalucía e Cataluña, que contan con esta dobre certificación. Para os viñedos requírese estar inscrito no Rexistro Oficial de Operadores de Produción Integrada cun mínimo de 3 hectáreas por adega ou asociacións de viticultores cun mínimo de 3.000 metros cadrados de viñedo por cada viticultor e 10 hectáreas en total.

Demandan un selo único estatal para os viños de produción integrada

Unha das poucas adegas que máis forte apostou en Galicia por esta tipo de certificación é a cooperativa Viña Costeira, do Ribeiro, que desde o ano 2008 ten 50 hectáreas certificadas e auditadas anualmente en produción integrada.

Susana Gulín, técnica de viticultura desta cooperativa, explicou que “este ano sairán ao mercado en España as primeiras botellas certificadas co selo de produción integrada”.

Como debilidades da produción integrada en España, destacou que “está moi ligada ás axudas dos Programas de Desenvolvemento Rural de cada comunidade, e ao feito de que cada autonomía ten o seu propio selo de produción integrada, o que crea confusión no consumidor”.

Outra das adegas que apostou pola produción integrada en Galicia é a Cooperativa Vitivinícola Arousana/Paco e Lola, que desde o ano 2010 traballa con este tipo de certificación, con 60 hectáreas certificadas no seu momento.

Diego García, técnico de viticultura da cooperativa, explicou que a aposta por este tipo de viticultura realizouse a través do proxecto LIFE +Viñas Altánticas, impulsado pola Deputación de Pontevedra, e no que tamén participan as cooperativas Martín Códax e Condes de Albarei.

O seu obxectivo é producir viño “sustentable” nos viñedos da D.O. Rías Baixas, da subzona do Salnés minimizando o uso de produtos químicos nunha zona de clima atlántico, tépedo e húmido que favorece o ataque de fungos como Mildiu, Oidium e Botrytis entre outras.

Para iso ampliaron os puntos de medición meteorolóxica na comarca, tanto sensores como estacións, pasando de 6 a 20, o que lles permite aos técnicos das tres cooperativas emitir todos os xoves un boletín propio de avisos fitosanitarios para os socios.

Ademais, a través da plataforma Viñas Atlánticas os socios dispoñen dunha completa información actualizada e fácil de entender -cuns avisos por cores- a nivel de parcela sobre os presenza de esporas de fungos e recomendacións para realizar tratamentos.

Como conclusión, Diego García coincidiu en que “debería haber máis información ao consumidor sobre a produción integrada e un mesmo selo, senón é a nivel europeo, como a agricultura ecolóxica, polo menos a nivel estatal”.

Por último, o técnico criticou que “seguimos practicando unha viticultura moi tradicionalista, cando o importante é que catro visitas ao viñedo fan máis que un tratamento”.

Experiencias en viticultura ecolóxica

A xornada da Evega tamén incluíu dúas experiencias de viticultores que están a traballar desde hai anos en ecolóxico na Denominación de Orixe Ribeiro: Bernardo Estévez e Adolfo Collarte, de Adegas Cumes do Avia.

Ambos coincidiron en que a clave en viticultura ecolóxica é o coidado do chan e da súa fertilidade e actividade biolóxica.

Neste sentido, Bernardo Estévez, que cultiva en biodinámico unhas 3 hectáreas de viñedo e optou por non estar certificado polo Craega, subliño que “a clave de elaborar un viño de terroir é respectando o chan, incluído o seu PH, e a flora da contorna”.

 Bernardo Estévez: “É clave formarse e contar cun bo asesor técnico para non ter perdas elevadas”

En canto ao abonado, no seu caso utiliza cubertas vexetais con gran diversidade e plantas autóctonas así como achega en acolchado de toxo e restos de limpeza do monte que aumentan a actividade migroorgánica do chan. “É unha forma lenta pero máis sustentable de xerar nutrientes para a vide”, destacou.

Para fortalecer as vides e previr ou tratar as enfermidades fúnxicas, Bernardo Estévez explicou que emprega extractos hidroalchólicos, a partir da súa propia augardente e de plantas como salgueiro, ortiga, eucalipto ou milenrama, así como maceracións.

“Isto permíteme usar doses moi baixas de cobre, ao redor do 20 ou o 25% dun tratamento normal”, destacou.

Por último, á hora de realizar unha conversión dun viñedo convencional a un viñedo ecolóxico, Bernardo Estévez considerou clave “a formación e contar cun bo asesor técnico, pois pola contra haberá un gran risco de perdas elevadas nos primeiros anos”.

Adolfo Collarte: “En ecolóxico melloran as calidades organolépticas dos viños e reflíctese mellor o terroir”

Pola súa banda, Adolfo Collarte, de Adegas Cumes do Avia explicou que están certificados en ecolóxico no Craega desde o ano 2008. Destacou que o punto de partida foi elixir unha boa localización para plantar o viñedo: “No noso caso eliximos unha zona alta en ladeira e ben exposta ao sol, con boas condicións para traballar en ecolóxico”, asegurou.

O que impulso a esta cooperativa de catro socios a optar pola viticultura ecolóxica “débese a razóns de tipo ambiental, de saúde, social pero tamén a que que en ecolóxico melloran as calidades organolépticas dos viños e reflíctese mellor o terroir”, destacou Adolfo Collarte.

No seu caso, o abonado das viñas realízano mediante compost de restos forestais e de vides que aplican en superficie. Tamén empregan hidroalcohólicos, macerados ou xurro de ortigas. “O Craega permítenos utilizar un máximo de 6 quilogramos de cobre por hectárea e ano para tratar enfermidades fúngicas como mildiu ou oídio, pero con estes extractos conseguimos traballar cunha media de 2,5 quilogramos de cobre”, subliñou este viticultor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información