“A mellora xenética en vacún de carne é unha gran asignatura pendente”

Entrevistamos a Francisco Manuel Penabad Pita, propietario xunto á súa esposa, María del Carmen, de Granxa Caxigueira, en Ortigueira (A Coruña). Foron un referente en Galicia en xenética en vacún de leite e dende hai dez anos sono en vacún de carne, cunha das poucas ganderías orientadas case en exclusiva á venda para vida.

“A mellora xenética en vacún de carne é unha gran asignatura pendente”

Francisco Manuel Penabad Pita, propietario xunto á súa esposa, María del Carmen, de Granxa Caxigueira

“Granxa Caxigueira” é todo un referente en Galicia en xenética en gando vacún. Os seus propietarios, Francisco Manuel e María del Carmen, son un matrimonio que vive con paixón o mundo da gandería. Comezaron no ano 1982 cunha pequena explotación de vacún de leite e nos seus case 30 anos de actividade foron un referente para o mundo do frisón en España, con 8 vacas EX e 94 MB, de entre as que merece mención especial Agrortegal Galletera Juror 5 EX 5* M.O.. Tamén recibiron o título de Maestre Criador en Silleda no ano 2005 e foron merecedores da Insignia de Ouro Fefriga 2012.

Dende hai dez anos reorientaron a produción cara vacún de carne de alta xenética, especializándose na raza Blonda de Aquitania, colleitando xa varios premios a nivel español.

Como te iniciaches na gandería de vacún de carne?
Desde moi novo gustábame o rural e os animais, tanto as vacas como os cabalos, que nesta comarca do Ortegal tivéronse no monte dende sempre. Cando casei tivemos a oportunidade de poñer en marcha unha explotación gandeira nunha propiedade dos meus sogros. Foi así como empezamos con 8 vacas de leite no ano 1982 e pouco a pouco fomos medrando.

Para iso tivemos unha axuda inestimable da Agencia de Desarrollo Ganadero, que daquela dependía do Ministerio de Agricultura, e axudounos moito a mellorar no manexo e na xestión dos pastos, e foi así como chegamos a ter unha gandería con 60 vacas de leite cunha alta xenética. Esta gandería foi o noso modo de vida ata hai dez anos, cando pola falta de relevo xeneracional na explotación, decidimos pasarnos a vacún de carne, ao ser menos esixente en man de obra e de máis fácil manexo.

Agora mesmo temos 174 cabezas, das que unhas 100 son nais. Tamén teño 15 cabalos galegos e un pequeno rabaño de ovellas e cabras para limpar os terreos arredor da explotación que están en pendente e con difícil acceso. Por dúas veces pasounos que o lume case nos chega ata o pé da explotación, e con este rabaño temos controlada a maleza, de forma que se chegara un incendio, non ardería ou de o facer daríase apagado sen problema.

A base territorial da gandería fómola ampliando co paso dos anos, mercándolle terra ou alugando a xente que abandonaba a actividade, e hoxe traballamos 140 hectáreas, das que 70 son en propiedade e o resto alugadas.

Por que apostaches pola raza Blonda? Que vantaxes lle viches a esta raza francesa?
Tiven antes outras razas e empecei con ela sobre todo pola facilidade de parto e polo excelente desarrollo dos animais, cun índice de conversión moi bo. É unha raza selecta, que xa ten un camiño percorrido dende hai décadas, e iso supón unha vantaxe moi importante para o gandeiro.

Como é o manexo na túa explotación? Están fóra as vacas todo o ano?
É un sistema de pastoreo en intensivo, de forma que as vacas están fóra día e noite todo o ano, agás en inverno, época na que as vacas paridas e as crías pequenas recollémolas nas establos que conservamos de cando tiñamos vacas de leite. Así tamén evitamos que erosionen os prados e ademais facemos algo de esterco e de purín.

A alimentación das vacas é en exclusiva a base de pasto e silo de herba, nada máis. As fincas témolas divididas en parcelas de entre 1,5 e 2 hectáreas e facemos pastoreo rotacional.

Os becerros permanecen coas nais nos prados ata os 7 meses, momento no que os destetamos e cebámolos durante 3 meses a base de penso, silo de herba e palla de cebada. O concentrado e a palla é o único alimento que mercamos.

Cada explotación gandeira tense que adaptar ao seu medio, e aquí na zona de Ortigueira é difícil facer feno de calidade, porque temos humidade e orballadas case todo o ano, o que sen embargo nos permite ter pastos verdes incluso durante o verán, e esa é a nosa principal fortaleza.

As pradeiras son o principal piar da túa gandería. ¿Como é o manexo que fas do pasto?
Como dixen fago pastoreo rotacional e intento evitar ao máximo a erosión, porque estamos nunha zona con bastantes pendentes. Pero se se fai un pastoreo racional, se abona e se encala cando é necesario, e se lle dá tempo para que se rexenere, a pradeira pode durar moitos anos. De feito, as nosas pradeiras teñen máis de 20 anos e dende entón non foron renovadas.

Coidamos iso si a fertilidade do solo, de forma que facemos analíticas periódicas da terra e complementamos cun abonado mineral, ademáis do encalado, para corrixir as deficiencias que poda haber. O xurro gardámolo para os prados que deixamos para ensilar.

En canto á especie, son pradeiras monofitas de raigrás inglés tardío, que ao espigar tarde, permítenos ensilar a finais de maio ou comezos de xuño, cando nesta zona xa chove menos.

Dende que non temos vacas de leite non facemos analíticas do silo de herba, pero daquela tiñamos entre un 15 e un 16% de proteína e un 37% de materia seca, e esas porcentaxes non deberían ter variado moito porque o manexo é o mesmo.

“O manexo éo todo nunha gandería”

Es una das poucas ganderías de vacún de carne en Galicia especializadas únicamente na venda de xenética. ¿Como é o manexo que fas da recría?
Teño unha explotación de alta xenética e podo dicir que un 80% dos becerros véndoos para vida, para touros e para femias, tanto para Galicia como para fóra. Non obstante, marco todo co selo da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega Calidade Suprema.

En canto ao manexo, creo que nunha explotación éo todo, é o quid dunha boa gandería. Unha vez que se destetan, os becerros e as becerras pasan para unha corte, onde lles damos concentrado, palla e silo de herba á mañá e á noite. As cortes teñen cornadiza e todos os días paso a acariñalas para que se vaian amansando.

Así, a parte das blondies, teño 6 vacas Frieiresas e podes tocarlle perfectamente, mesmo cando veu gravar aquí o programa Larpeiros da TVG o reporteiro achegouse a unha delas e púxolle unha gorra na testa sen problema ningún.

A alimentación tamén é clave para que as becerras cheguen a ser boas vacas no futuro e podan alimentar ben ás crías. No caso das becerras que quedan para reposición ou para vender como xovencas, cando teñen entre 12 e 14 meses saen ao pasto de forma gradual ata que quedan no prado día e noite.

As becerras nunca as insemino antes dos 20 meses, porque ao estaren en extensivo se as xovencas paren novas, por exemplo con 24 ou 26 meses, acaban tendo problemas de alimentación e de reprodución e non coidan ben as crías.

E para os becerros que vendo para o matadoiro, xogo moito coa programación dos partos, para que saian ao mercado cando os prezos están máis altos, cara os meses de verán.

Como ves o futuro da gandería de vacún de carne en Galicia?
Creo que hai moita marxe para mellorar a xenética. Así como nas Frisonas, e tiven gandería de vacún de leite durante 30 anos, si que se fixo unha mellor moi importante e hoxe temos vacas que non teñen nada que envexarlle aos países punteiros da Unión Europea, sen embargo en vacún de carne non pasou o mesmo.

É dicir, nas ganderías de carne segues vendo moitos cruces e os gandeiros en xeral non lle dan importancia á xenética, e logo hai problemas, sexa na raza que sexa.

“As ganderías de vacún de carne en Galicia teñen que mellorar a xenética e aumentar a base territorial”

Polo demais, Galicia ten moi boas condicións para competir en carne de calidade porque temos bo clima e un territorio propicio para a produción de herba. O problema, como noutros sectores, é a ordenación do territorio: fai falta que as ganderías teñan máis base territorial e o máis cercana posible, ben mediante concentración parcelaria ou mediante aluguer…etc. Só podemos competir con outros países de fóra se baixamos os custes de produción e para iso é necesaria base territorial e bo manexo.

Instrumentos como o Banco de Terras deberían funcionar moito mellor se realmente queremos cambiar as cousas.

A túa gandería é unha illa no medio dun mar de eucaliptos que cubre Ortigueira. ¿É esta árbore un freo para a gandería na comarca?
Na comarca de Ortegal prácticamente todo está plantado con eucaliptos, incluídas boas terras de pastizais e de fincas de labradío, de forma que ata agora aos gandeiros énos moi difícil coller terras.

Eu tamén teño plantacións de eucalipto, pero en zonas con máis pendente que non son aptas para a agricultura ou para a gandería. Hai sitio para todo, pero creo que a moita xente que ten plantacións de eucalipto en praderías ou en terras de cultivo, lles sería máis rendible se as alugasen para plantar millo, trigo ou para pasteiros. Habería que botar contas, pero penso que lles sacarían máis rendemento cos alugueres que co eucalipto.

Granxa Caxigueira en imaxes:

Vacas Blondas de Granxa Caxigueira

Estes días foron traxicamente noticia os lumes forestais. Nesta comarca tamén vos afectan?
En Ortegal levamos moitos anos sen que haxa un incendio sen importancia. O ideal é que nos montes houbera moito gando, como había antes, tanto cabalo como vacas ou cabras, que tiñan o monte limpo de maleza e cando había lumes apagábanse rápido. Agora, ao estar o monte abandonado, se prende lume non hai quen o pare.

Que é o que máis te atrae da túa profesión de gandeiro?
Sobre todo que me gusta o traballo que fago. Téñoo como un hobby e tamén como un negocio, e á miña muller pásalle igual, así que somos felices co que facemos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información