Mellora a colleita de millo no final da campaña de ensilado

Facemos un repaso pola situación da colleita de millo forraxeiro nas principais comarcas de Galicia. A variación é moi notable dependendo da zona e do tipo de terra, pero as choivas do pasado 24 de setembro contribuíron a mellorar unha colleita minguada pola forte seca estival.

Mellora a colleita de millo no final da campaña de ensilado

Recollendo o millo nunha finca de Tordoia (A Coruña)

A colleita de millo forraxeiro, o principal alimento das ganderías de vacún de Galicia, está a mellorar nestas semanas de ensilado. As razóns son varias: recóllese o millo das parcelas máis brañentas e de terras máis fondas, as variedades que se ensilan solen ser as de ciclo máis longo e maior rendemento e as choivas do pasado 24 de setembro axudaron a que as mazarocas engordasen e o millo recuperase vigor.

Neste sentido, Ana Rama Andrade, enxeñeira agrónoma do Servizo de Alimentación de Seragro asegura que “as choivas das pasadas semanas produciron unha importante melloría nas parcelas de millo que aínda non se ensilaran, o que fixo que a produción estea sendo, sorprendentemente, similar á do ano pasado e nalgunhas parcelas incluso maior”.

“Sen embargo, é certo que nas fincas que se ensilaron primeiro, sobre todo as situadas en zonas máis secas, os rendementos foron sensiblemente menores”, recoñece. Este descenso sitúase de media nun 25%, segundo os cálculos de Unións Agrarias. En canto ás calidades, haberá que agardar uns días aos resultados das primeiras análises do Laboratorio de Mouriscade.

Facemos a continuación un repaso pola situación actual do ensilado do millo nas principais comarcas gandeiras de Galicia:

A Mariña-Terra Chá
O director da Área de Cultivos e Mecanización da Cooperativa Os Irmandiños, Santiago Sousa, informa de que “levamos ensiladas unhas 600 hectáreas, sobre todo na Mariña, e quédannos unhas 800, sobre todo na Terra Chá e na zona da Pastoriza”.

En canto aos rendementos, asegura que “na zona da Mariña, malia a seca, estanse a acadar niveis razoables: entre 32 e 36 toneladas por hectárea, cando un ano bo sería chegar ás 38 toneladas de materia húmida por hectárea”.

“Estes días estamos empezando a recoller na Pastoriza e na Terra Cha, sobre todo o millo de ciclos máis curtos que se sementou en xuño, o que unido a que nesta zona os rendementos son máis irregulares, prevemos que contribúa a baixar a media de produción”, explica o responsable de cultivos de Os Irmandiños.

Lugo Centro:
Dende o equipo técnico da cooperativa Agris informan de que o ensilado de millo varía moito por concellos, debido ás diferencias de solo e de clima, así como hai diferencias na porcentaxe que se leva ensilado. Asi, en Palas de Rei, a cooperativa xa ensilou o 70% do millo forraxeiro dos seus socios, cunha media de produción de arredor de 30 toneladas por hectárea; a mesma produción media en Friol, onde levan ensilado arredor do 50% do millo. Algo maior é no concello de Guntín, onde se ensilou preto do 60% e as colleitas chegaron a 40 e mesmo 45 toneladas por hectárea. E no concello do Páramo, Agris leva ensilado entre o 40 e o 50% do millo forraxeiro, con producións medias de entorno a 30 toneladas por hectárea.

“Non se pode xeneralizar, xa que este ano non é unha produción tan homoxénea, con gran variación segundo a calidade do solo e o microclima de cada zona”, sinalan dende o equipo técnico de Agris, que prefiren agardar a que remate a colleita para realizar unha valoración definitiva.

Lugo Sur:
A comarca de Lugo Sur (Chantada, Taboada, Monforte…etc) foi unha das máis afectadas tanto pola seca como polos ataques das mandas de xabaríns, o que reduciu notablemente a colleita de millo forraxeiro.

Adrián Varela, técnico agronómico da cooperativa ICOS, informa de que “sobre o 75% do millo xa o temos ensilado, cuns rendementos e unhas calidades en xeral peor que as do ano pasado”. “As primeiras colleitas que fixemos foron porque o millo estaba queimado polo sol e estas últimas foron mellor tratadas tanto pola auga como polo abonado, o que fai prever que en xeral sexan algo mellores”, asegura.

Xallas-A Barcala
Adrián Cundíns, técnico de Forraxes de Xallas e Barcala (Forxabar), informa de que xa ensilaron todo, unhas 600 hectáreas de millo forraxeiro. En canto á avaliación, asegura que “baixamos unha media de entre o 6 e o 7% por hectárea, pasando dun rendemento medio de 38 toneladas por hectárea o pasado ano a unha media de 36 este ano”.

“Nas fincas máis secas houbo descensos importantes de produción e de calidades, de entorno a un 20% menos, e outras nas que non se notou nin perda de calidade nin de rendemento, sobre todo nas zonas brañentas, de terras máis pesadas e húmidas, nas que tamén foron os ciclos máis longos”, explica Adrián Cundíns.

SAT Cives: “O rendemento foi maior do esperado”

En SAT Cives, unha explotación gandeira de Colúns (Mazaricos), que cultiva algo máis de 70 hectáreas de millo, aseguran que “o rendemento foi menor co ano pasado, pero máis do esperado: en torno a unhas 35 toneladas por hectárea”.

Na comarca de Santiago, José Ramón, un gandeiro de Tordoia, asegura que “os rendementos nas fincas boas, de terras profundas e con humidade, este ano foron moi bos, xa que ao ter auga e calor o millo medrou ben”. Nalgunha das súas parcelas asegura que “os rendementos roldaron as 40 toneladas por hectárea”.

Deza-Tabeirós
Ao igual que o sur de Lugo, as comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes foron este ano unhas das máis afectadas pola seca e polos ataques dos xabaríns ás fincas de millo forraxeiro.

Sonia Martínez, técnica de Cobideza, informa de que “levamos arredor do 60% ensilado, cuns rendementos que este ao andarán en algo menos de 27 toneladas por hectárea”.

Asegura que “con respecto a un ano normal, nalgunhas fincas houbo un descenso da produción de ata un 50% e en total o descenso debeu estar entre un 30 e un 40%”. “Levamos dous anos de malas colleitas de millo forraxeiro e moitos gandeiros están deixando de sementalo para cultivar herba, centrándose en facer bos silos desta forraxe”, conclúe.

Galería de fotos do ensilado do millo nestas semanas:

Ensilando o millo en Tordoia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información