Mellora a calidade do silo de millo en Galicia pero empeora a do silo de herba

Un traballo do CIAM e do LIGAL constata a redución da proteína bruta nos silos de herba de Galicia entre 2003 e 2015. “A principal causa é a substitución de praderías polifitas con leguminosas por praderías monofitas de raigrás italiano”, apuntan.

Mellora a calidade do silo de millo en Galicia pero empeora a do silo de herba

Os silos de herba elaborados en Galicia están a perder calidade nutritiva en canto a proteína bruta, mentres que pola contra os de millo manteñen e mesmo melloran as súas propiedades. Esta é a principal conclusión do traballo colaborativo entre o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e o LIGAL e que este martes foi presentado en Lugo pola investigadora Sonia Pereira no marco do 55 Congreso da Sociedade Española para o Estudo dos Pastos (SEEP).

Baixo o título de “Calidade dos ensilados de herba e de millo nas explotacións leiteiras galegas”, investigadores do CIAM e do LIGAL analizaron os resultados destas forraxes entre 2003 e 2015.

Partindo de que as ganderías galegas empregan na ración diaria das vacas sobre un 40% concentrado e 60% forraxes conservadas e de que as forraxes producidas nas explotacións constitúen a fonte alimenticia máis barata para a produción de leite, os investigadores estableceron uns baremos para clasificar a calidade das forraxes a partir do seu contido enerxético e proteico.

En concreto, para o silo de herba unha calidade satisfactoria tería unha Dixestibilidade da Materia Orgánica (DMO) igual ou maior que 68 e unha proteína bruta igual ou maior que o 13% da materia seca; sería aceptable cuns niveis de DMO de entre 68 e 62 e de entre 13 e 11 de PB; mentres que se clasificaría como deficiente con menos do 62% de DMO e do 11% de proteína bruta. Para o silo de millo, os niveis dun silo satisfactorio, establecéronse cunha DMO igual ou maior que 68, un PH igual ou menor que 4 e un contido de almidón igual ou maior que o 30% da materia seca. Para calidade aceptable os niveis son de entre 62 e 68 de DOM, de 4 a 4,4 de PH e do 30 ao 27% de almidón, mentres que o silo sería deficiente cunha DMO menor de 62, un PH igual ou maior que 4,5 e menos do 27% de almidón.

Baixa a DMO e a Proteína Bruta dos silos de herba

En total analizáronse para este traballo durante o período 2003-2015 unha cantidade de 13.097 mostras de ensilado de herba e de 10230 mostras de ensilados de millo procedentes de granxas leiteiras recibidas para a súa análise no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL). presentan neste traballo os resultados do seguimento da composición, valor nutricional e calidade fermentativa dos ensilados de herba e millo nas explotacións leiteiras galegas nos últimos 13 anos (2003 a 2015).

CALIDADE_ENSILADO_HERBA_CIAM

O resultado exposto mostra unha evolución positiva ao longo do tempo para a calidade fermentativa dos ensilados de herba, relacionado cun elevado contido en materia seca (MS) das mostras, pero unha tendencia negativa en canto á dixestibilidade da materia orgánica (DMO) e contido en proteína bruta (PB), o que suxire a necesidade de revisar o manexo agronómico seguido nas explotacións.

Así, a proteína bruta baixou de 13,9 a 12,2 nos trece anos analizados, quedándose nunha media do 12,7%. Unha evolución que, segundo Sonia Pereira, “máis que ao atraso no corte da herba, débese á substitución das praderías polifitas con raigrás e leguminosas das pequenas e medianas explotacións, por praderías monofitas de Raigrás italiano -unha especie con menor contido en proteína- nas explotacións de maior tamaño”, segundo apuntou Sonia Pereira.

CALIDADE_ENSILADO_MILLO_CIAM

Pola contra, os ensilados de millo mostraron, de forma consistente, un valor nutricional elevado e unha boa calidade fermentativa ao longo do período considerado.

“Os valores medios das mostras dos ensilados de herba (DMO 63,2%, PB 12,7 %MS) e dos de millo (DMO 70,5%, PB 8,1 %MS) poñen de manifesto a complementariedade de ambas as forraxes nas dietas do gando vacún leiteiro”, conclúen os investigadores do CIAM e do LIGAL.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información