“A mellor maneira de conservar o Porco Celta é facendo que sexa rendible crialo”

Entrevista a Iván Rodríguez Paz, director técnico da Asociación de Criadores de Raza Porcino Celta (Asoporcel). Cóntanos os cambios que acometeu a nova directiva que tomou o relevo hai agora case un ano

“A mellor maneira de conservar o Porco Celta é facendo que sexa rendible crialo”

Iván Rodríguez Paz, director técnico da Asociación de Criadores de Raza Porcino Celta (Asoporcel)

Iván Rodríguez Paz é director técnico da Asociación de Criadores de Raza Porcino Celta (Asoporcel). Foi nomeado pola Consellería do Medio Rural a proposta da nova directiva que tomou o relevo hai agora case un ano. Cóntanos os principais cambios que se están a acometer en Asoporcel.

Como director técnico de ASOPORCEL asumistes co relevo da directiva un proceso de depuración do censo. ¿Con cantos socios conta a día de hoxe e cal é o censo de animais?
Tivemos que facer un gran esforzo para filtrar as granxas realmente activas con Porco Celta nun directorio de catrocentos socios. Tras dar de baixa as ganderías que xa non existían ou que xa non tiñan exemplares da raza, contamos cun censo de 120 granxas, 11 das cales déronse de alta no que vai de ano.

Teño que salientar, ademais, que puxemos moito afán en visitar cada unha destas explotacións para coñecer a tódolos socios e as súas problemáticas “in situ”, o que nos permite asesoralos individualmente segundo as circunstancias e singularidades dos seus proxectos.

É certo que aínda nos quedan uns dez socios por visitar, uns por motivos de axenda e outros porque acaban de darse de alta. Pero temos a intención de visitar polo menos dúas veces no ano a cada un deles. Xa non só porque temos que controlar os censos que manexan e a morfoloxía dos exemplares, cualificar e xenotipar ós reprodutores e, en definitiva, todo o que implica a correcta xestión do Libro Xenealóxico, senón que consideramos de vital importancia manter o contacto con tódolos socios e coñecer de primeira man as súas necesidades.

“O Porco Celta segue sendo unha raza en perigo de extinción”

O 95% das ganderías colaboradoras son de tipo reducido, ou ben se dedican á cría cun máximo de 4 porcas e un verrón, que é a inmensa maioría, ou ben son pequenos cebadeiros de 25 exemplares como máximo. Polo tanto, o censo de animais é realmente pequeno e dista moito de superar a fronteira que a sitúa como raza en perigo de extinción. A última actualización de datos que se fixo este ano no Sistema Nacional de Información ARCA cifraba o censo en 470 porcas reprodutoras, 130 verróns e 1797 nacementos no ano de referencia 2016.

Estades a realizar tamén un traballo de intermediación para lograr mellores prezos en pensos, servizos veterinarios….etc. Explica en que consiste e que resultados está a ter para os socios….
Realmente as granxas de Porco Celta constitúen unha axuda económica para outras rendas principais das familias, pero aínda así buscamos que estas explotacións sexan rendibles, e un dos eixos no que podemos incidir é o abaratamento de custes de produción. Neste sentido, como colectivo, aínda que pequeno, buscamos servizos e empresas que nos ofrezan mellores prezos.

Xa temos algúns acordos moi avanzados. Por exemplo, conseguimos o compromiso dunha casa de pensos para que tódolos socios teñan acceso a unha mestura de cereais ben formulada, con bo prezo e con ampla distribución por toda a xeografía galega. Principalmente, porque un dos inconvenientes ao que nos enfrontamos na produción de Porco Celta é a falta de homoxeneidade na alimentación, isto supón diferenzas importantes no tempo e calidade da ceba, o que repercute no rendemento da actividade. E se ben é certo que debemos preservar a cría artesanal temos tamén que buscar un punto de equilibrio para garantir unha oferta de produtos de Porco Celta de calidade e de certa uniformidade.

“A falta de uniformidade na alimentación é un reto ao que nos enfrontamos”

Tamén temos case ultimada a xestión dos seguros agrarios a través da asociación. Pero ademais andamos na procura doutros acordos para abaratar o combustible, diverso material gandeiro….

A asociación tamén dispón dunha báscula e dun pequeno remolque que están a disposición de tódolos socios de maneira totalmente gratuíta.

E en canto á xestión do libro xenealóxico da raza ¿Que cambios houbo?
Modificamos completamente a forma de xestionar o Libro Xenealóxico. Nestes momentos cada gandeiro dispón dos crotais para identificar os leitóns que nacen na súa granxa e dos impresos para facer a comunicación das cubricións que realiza, dos nacementos que acontecen na explotación e das altas/baixas de exemplares (compra, morte, venda). Os datos que nos achegan mediante estas comunicacións rexístranse no soporte dixital do Libro Xenealóxico.

Esta maneira de traballar permítenos optimizar os recursos da asociación, de xeito que podemos organizar rutas de visitas ás explotacións por proximidade e non seguindo as necesidades de identificación de cada unha delas.

Outro punto importante é a depuración dos datos existentes que se fixo e o traslado a unha base de datos eficiente para o tratamento e xestión dos mesmos de forma sinxela e fidedigna. Aquí teño que destacar a colaboración extraordinaria e inestimable do Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal da Consellería de Medio Rural.

“Modificamos completamente a forma de xestionar o Libro Xenealóxico”

Outra tarefa fundamental que desenvolvemos é o xenotipado das porcas de cría e dos verróns. Aproveitamos as visitas ás granxas para tomar mostras de pelo co fin de obter os perfís xenéticos dos exemplares que se dedican á reprodución. E tamén recollemos mostras dalgúns leitóns para facer probas de filiación e contrastar se ese material xenético é compatible ou non cos pais declarados na comunicación de nacemento.

Estamos poñendo moita énfase en velar porque todos os nosos asociados cumpran o Programa de Conservación da Raza Porcina Celta. Neste documento enuméranse as obrigas dos criadores, entre as cales considero de máxima importancia a de criar tódolos efectivos da explotación en pureza. Xa que se trata de recuperar e conservar unha raza en perigo de extinción non ten sentido que permitamos facer cruzamentos con outras razas para obter animais mestizos. Así que procuramos manter ós socios informados destas obrigas e mantemos a vixilancia sobre o seu cumprimento.

“Os criadores teñen a obriga de manter a pureza da raza e non facer cruzamentos do Porco Celta”

O mesmo sucede co selo de calidade 100% Raza Autóctona Celta. O seu uso está regulado por un prego de condicións que deben cumprir tódolos operadores adscritos, calquera que sexa a fase de produción. E, do mesmo xeito que co programa de conservación, facemos as visitas de verificación oportunas para comprobar que se cumpren as obrigas e que se mantén a trazabilidade.

Ambos documentos están colgados na páxina web do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, para a súa consulta. E de tódolos xeitos, dende a asociación facilitámolos a quen o precise.

Tamén estamos traballando nun novo sistema de identificación, xa que constatamos un elevado número de perdas das marcas de identificación dos animais, o que nos fai perder rigor no tratamento dos datos. Queremos introducir o uso duns crotais de menor tamaño e que incorporan un transpondedor. Esperamos con isto gañar en fiabilidade, posto que se prevén menos perdas, e tamén facer máis sinxela a lectura dos códigos de identificación individual de cada animal mediante o uso dun lector de transpondedores.

“Queremos introducir o uso duns crotais de menor tamaño e que incorporan un transpondedor”

Ademais estamos tramitando a solicitude de Asoporcel como entidade formadora para poder impartir os cursos de benestar animal na granxa e no transporte.

E tamén queremos solicitar a autorización para poder emitir as guías de traslado dos animais das nosas explotacións asociadas.

Porca de raza Celta cos seus bacoriños, propiedade de Vítor, de A Estrada

Porca de raza Celta cos seus bacoriños.

A mellora da comercialización foi un dos eixos da nova dirección de Asoporcel. ¿Que pasos se están a dar neste sentido e cal é a situación do mercado?
Certamente a mellor maneira de conservar a raza é facendo da súa cría unha actividade rendible, e polo tanto a boa comercialización dos seus produtos é unha cuestión fundamental.
Sen embargo, nesta nova etapa de andadura de Asorporcel tiñamos moi claro que a nosa actividade ten que ser independente da comercialización, da que nos desvinculamos totalmente.

O noso traballo, aparte da xestión do libro, baséase na promoción e publicidade da raza, da súa forma de cría e da calidade dos seus produtos. E de aquí parten as directrices de traballo encamiñadas a fomentar que os criadores busquen a parcela de produción que mellor se axuste ás súas circunstancias e da que saquen o maior beneficio. Temos gandeiros que producen leitóns para que rematen o cebo nos cebadeiros, outros crían e engordan os seus propios leitóns para abastecer as industrias cárnicas que procesan Porco Celta e xa temos tamén algún criador que pecha o ciclo elaborando e comercializando os seus propios produtos, cunha marca propia.

Con este rumbo naceu una cooperativa de gandeiros de Porco Celta que está comezando a dar os primeiros pasos e incluso unha empresa de venta “online” de produtos de Porco celta.

“Naceu unha cooperativa de gandeiros de Porco Celta para comercializar a súa carne”

Trátase de que cada gandeiro valore cales son as súas posibilidades e mire de abrir novos espazos no mercado axustados á súa produción tanto en cantidade como en calidade.

Non reparamos esforzos en facilitarlles a asistencia ás feiras, a organización de degustacións, o acceso a material publicitario, a interacción coas empresas que nos solicitan información de provedores, etc.

Algo que nos axudou moito na dinamización da posta no mercado destes produtos foi o uso do Logotipo 100% Raza Autóctona Celta, recentemente concedido polo Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medioambiente. A Celta é a primeira raza porcina, é única polo de agora, en conseguir o amparo deste distintivo de calidade. É algo que nos aportou unha maior visibilidade no mercado e que lle facilita ó consumidor a identificación dun produto de calidade diferenciada e que con valores engadidos como a tradición, o benestar animal e a conservación do medio.

¿Podes avanzarnos algo das novidades que vai presentar ASOPORCEL na Semana Verde de Galicia?
Ó inicio da feira SALIMAT (Salón de alimentación del Atlántico) faremos a presentación oficial do Logotipo 100% Raza Autóctona Celta, acompañada dunha pequena degustación de cinco pratos elaborados con produtos de Porco Celta polo cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do restaurante Andarubel-Fragas do Eume.

Ademais haberá varios “stands” de exposición/venda de produtos desta raza.

Xa na zona de gandería vaise realizar un primeiro concurso morfolóxico dentro da Semana Verde con exemplares, machos e femias, da raza. En total participan 34 animais procedentes das catro provincias galegas. O domingo 11 farase a entrega de premios ós gañadores.

 “Somos a primeira raza porcina en lograr o Logotipo 100% Raza Autóctona”

Tamén haberá animais de exposición procedentes do INORDE (Instituto Ourensano de Desarrollo Económico), onde manteñen varias liñas xenéticas de exemplares coas características morfolóxicas estándares da raza Porco celta. De feito, algúns dos exemplares que estarán na exposición serán destinados a varias granxas colaboradoras para introducir novas liñaxes de cría.

¿Como está a ser o traballo coa Administración en canto á mellora na xestión do libro xenealóxico e na comercialización?
Realmente a Administración estanos prestando unha colaboración extraordinaria. Como xa dixen a colaboración do Servizo de Producións Gandeiras foi, e segue a ser, moi importante.

De igual xeito, vimos de manter unha reunión coa Directora Xeral de Gandería, a semana pasada, coa que procuramos manter unha comunicación fluída e facela partícipe de tódolos logros acadados, dos eventos nos que temos presenza e de cuestións moi diversas para as que procuramos o seu apoio. E non podo máis que destacar a súa boa predisposición para con nós e cos temas que lle propoñemos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información