Meles, flores e apicultura milenaria na Feira dos Produtos Apícolas de Allariz

Meles, flores e apicultura milenaria na Feira dos Produtos Apícolas de Allariz

Presentación da feira este mércores en Allariz

A Escola Galega de Apicultura, integrada pola Asociación Galega de Apicultura, Concello de Allariz e Fundación Ramón González Ferreiro, organiza a II Feira dos Produtos Apícolas en Allariz o día 15 de setembro. A segunda edición terá como obxectivo consolidar o evento como unha das feiras de referencia do sector apícola en Galicia, para o cal amosarase unha ampla e variada oferta de produtos apícolas de toda Galicia e Portugal, con máis de 25 postos de apicultores e apicultoras, e un completo programa de actividades para todos os públicos.

Programa da feira

Os visitantes poderán coñecer e degustar unha gran variedade de meles de diferentes tipos, os variados produtos da colmea, como o pole ou o própole, e outros produtos artesanais, como bebidas elaboradas con mel (infusións, cervexas ou hidromel) ou cosmética apícola (xabóns ou bálsamos).

Pero esta feira pretende ser máis que un tradicional mercado e amosar moito máis aló dos produtos da colmea. Na xornada terá lugar a presentación do proxecto “Apiturismo Xacobeo 2021”, realizado pola Asociación Galega de Apicultura dentro do programa “O Teu Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia”, e unha exposición fotográfica sobre este tema, que amosará a beleza das paisaxes galegas e a milenaria tradición apícola, cunha arquitectura única no mundo.

Para descubrir a orixe dos diferentes meles o público coñecerá cales son as plantas preferidas polas abellas a través dunha exposición sobre flora melífera, que encherá o casco histórico de Allariz, e unha charla para aprender cales son as mellores plantas para as abellas e as súas propiedades.

Durante toda a xornada haberá un amplo e variado programa de actividades para todos os públicos, como demostracións en directo da esmelga, a extracción de mel dos panais, e a elaboración tradicional de candeas. Os máis pequenos poderán aprender todo sobre as abellas xogando e disfrutando nun espazo infantil con interesantes e divertidas actividades. Ofrecerase tamén unha degustación de meles combinados con outros produtos da gastronomía galega e un obradoiro de cociña con mel, para aprender a elaborar deliciosas e saudables receitas. E haberá tamén un concurso para escoller o mellor expositor da feira e sorteos de varias cestas de produtos entre o público visitante.

CARTAZ II FEIRA PRODUTOS APICOLAS ALLARIZ

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información