Mel de Galicia pídelle á Xunta máis control na etiquetaxe e un mellor trato aos apicultores nas axudas da PAC

Mel de Galicia pídelle á Xunta máis control na etiquetaxe e un mellor trato aos apicultores nas axudas da PAC

Reunión entre a IXP Mel de Galicia e Ánxeles Vázquez e Belén do Campo

O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia pídelle á Xunta unha maior implicación para evitar enganos na etiquetaxe do mel, e tamén que os apicultores teñan un mellor trato nas axudas da PAC.

Así llo trasladou este mércores unha delegación do consello regulador da IXP, encabezada pola súa presidenta, Ester Ordóñez Dios, á conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, nunha reunión en Santiago na que tamén participou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

Con respecto á etiquetaxe, Mel de Galicia demandou un maior control por parte da administración para que as esixencias do mel importando doutros países sexan as mesmas que para os produtores nacionais. “Non pode ser que a nós a Administración non nos deixe poñer na etiqueta Mel de Bosque ou Mel Artesanal e que logo nos lineais da distribución si se vexan produtos á venda con esa denominación na etiqueta”, explica Ester Ordóñez.

Neste sentido, dende a IXP Mel de Galicia están á espera de que o Ministerio e a Comisión Europea aproben a inclusión das denominacións Mel de Bosque e Mel de Melada no prego de condicións do Consello Regulador. Ademais, para o caso da Mel de Brezo ou de Queiroga a IXP tamén pediu que se rebaixa a porcentaxe mínima de polínicos do 45 ao 30%, debido á dificultade crecente para acadar estes limiares por mor de como está a afectar o cambio climático a esta especie.

Igualmente, dende a IXP Mel de Galicia solicitóuselle a Medio Rural un maior apoio para o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, co obxectivo de que se acurten os tempos de resposta das analíticas de mel e de pole.

Maior apoio nas axudas da PAC

Por outra parte, dende a IXP Mel de Galicia tamén pediron á Consellería que os apicultores en xeral se beneficien das axudas agroambientais da PAC, pola función esencial que desempeñan as abellas para o medioambiente como polinizadoras.

Na actualidade só reciben axudas da PAC os apicultores que están en zonas desfavorecidas, uns 12 euros por colmea, e os que están en produción ecolóxica, arredor duns 30 euros por colmea. “O problema en Galicia é que pola dispersión da poboación, e tal e como está a normativa europea de produción ecolóxica, que establece que nun radio de 3 kilómetros practicamente non pode haber presenza de agricultura en convencional, é moi limitado o número de colmeas que poden estar en ecolóxico, arredor dunhas 15.000 neste momento”, explica Ester Ordóñez.

Por último, dende o Consello Regulador trasladáronlle á Consellería de Medio Rural que se realice unha maior presión ante o Ministerio de Agricultura para defender a produción apícola galega, “pois a veces o Ministerio só ten en conta as Comunidades do Sur, que é onde hai máis colmeas e produtores”. Asemade, volveuse lembrar a necesidade de que Medio Rural regule mediante unha instrución interna a instalación de novas colmeas en Galicia, de forma que se teña en conta a carga gandeira de abellas na zona.

A IXP Mel de Galicia está integrada por 296 apicultores e 29 envasadores. No 2017 produciron máis de 300.000 quilos de mel cun valor económico estimado superior aos dous millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información