Medio Rural subvenciona un proxecto de Agrigga en produción de tenreiros

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantivo un encontro cos responsables desta asociación, nada no 2016. Colabora no proxecto o Centro Tecnolóxico da Carne

Medio Rural subvenciona un proxecto de Agrigga en produción de tenreiros

Reunión da conselleira con representantes de Agrigga.

A Consellería do Medio Rural vén de anunciar que está a financiar un proxecto de innovación promovido pola asociación Agrigga (Asociación de Agricultores e Gandeiros de Galicia), constituída no 2016 a partir dun cento de explotacións de vacún de carne. A conselleira, Ángeles Vázquez, que mantivo esta semana unha reunión cos responsables de Agrigga, confirmou unha achega de 150.000 euros para o proxecto, presentado no seu día polo colectivo.

Agrigga, en colaboración co Centro Tecnolóxico da Carne e co matadoiro Carnes Río Miño (Tomiño, Pontevedra), quere desenvolver métodos de traballo que contribúan á mellora da produción e á sustentabilidade da mesma desde o punto de vista ambiental.

A Consellería explica en nota de prensa que a iniciativa busca traballar en sistemas de explotación, protocolos de plans sanitarios e métodos de transporte e sacrificio no matadoiro, así como de maduración e envasado, que permitan ofrecerlle un produto óptimo ós consumidores.

Pegada de carbono
Procurarase determinar ademais o cálculo da pegada de carbono das granxas participantes no proxecto. A pegada de carbono é o índice que mide as emisións de gases de efecto invernadoiro. É previsible que nos próximos anos a Comisión Europea reforme a PAC para promover a redución da pegada de carbono das ganderías.

A duración total prevista para o proxecto é de 15 meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información