Medio Rural proxecta recuperar 400 hectáreas abandonadas en Lemos

A Consellería anuncia unha iniciativa piloto para poñer en produción terras sen uso. Colaboran no proxecto a Fundación Juana de Vega e a Universidade de Santiago. Anúnciase a para febreiro a convocatoria das axudas para incorporación de mozos

Medio Rural proxecta recuperar 400 hectáreas abandonadas en Lemos

Imaxe da reunión de hoxe do grupo de traballo sobre o sector lácteo.

A Consellería do Medio Rural foi escenario hoxe dunha reunión do grupo de traballo que se creara hai case un ano para abordar a situación do sector lácteo. Era a primeira reunión desde a primavera pasada, polo que se agardaba con expectación, pero a ausencia das industrias, que non enviaron representación, deixou con escaso contido o encontro. As únicas novas chegaron de dous anuncios realizados por parte da Consellería.

Tras a reunión, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, apuntou á redución dos custos de produción como unha das prioridades de futuro, unha cuestión para a que resulta clave o factor terra. Vázquez destacou que o Banco de Terras traballará conxuntamente coa Fundación Juana de Vega e coa Universidade de Santiago para identificar superficies improdutivas que se poidan poñer en valor.

A ausencia das industrias da reunión impediu analizar as perspectivas de prezos e contratos

A primeira experiencia xa se desenvolveu no último trimestre do ano na comarca de Lemos, segundo detallou a titular de Medio Rural, que avanzou que o seu departamento prevé facilitar a posta en produción de 400 hectáreas produtivas do val de Lemos que agora mesmo están abandonadas. Durante o primeiro trimestre do 2017, o Banco de Terras tratará de incorporar esas superficies para ofertarllas a gandeiros e cooperativas da comarca.

Axudas para persoas mozas
O segundo anuncio por parte da Consellería correspondeu á convocatoria 2017 das axudas de incorporación de persoas mozas e de plans de mellora. Medio Rural asegura que se convocará no mes de febreiro cunha cuantía dispoñible de 65 millóns de euros, cinco millóns máis que este ano.

Sobre as axudas solicitadas o anterior exercicio e que foron denegadas por falta de fondos, a Consellería anuncia que facilitará que os afectados volvan tramitar a petición sen ter que achegar outra vez toda a documentación que xa acompañaron a primeira vez.

Por último, en canto á reunión de hoxe, a Consellería sinala que terá continuidade en reunións trimestrais e que se crearán grupos de traballo específicos para abordar cuestións como a base territorial ou a calidade.

Ó encontro, asistiron organizacións agrarias, a Asociación Galega de Cooperativas (Agaca), e dous representantes de asociacións de supermercados, así como outras entidades ligadas á investigación e á produción.

Falta de solucións
Por parte das organizacións agrarias, considerouse positivo o encontro, pero lamentouse a falta de solucións. “Hai cuestións como a regulación dos primeiros compradores que xa se nos dixo hai case un ano que se ía poñer en marcha, pero seguimos esperando. Son cousas que hai que implementar de inmediato”, sinalou Óscar Pose, de Unións Agrarias.

“Hai cuestións, como a regulación dos primeiros compradores, que xa se nos dixo hai un ano que estaba a caer, pero seguimos igual” (Óscar Pose)

Unións asegurou tamén que estaría vixilante sobre a situación de prezos dos lácteos na distribución, pois un dos representantes dos supermercados que asistiu á reunión advertiu de baixadas en determinadas cadeas. Esa baixada podería rematar por afectar ás granxas, segundo se valora desde o sector.

Incógnita sobre os prezos
A organización agraria cuestionou tamén a ausencia das industrias. “Parécenos incomprensible e preocupante, xa que non puidemos entrar a valorar a situación de prezos de cara a primavera. O único que sabemos é que a famosa suba de prezos quedouse no céntimo que anunciou Lactalis, e temémonos que poida arrastrar a outras industrias”, criticou Óscar Pose.

O representante de Asaja, Francisco Bello, que tamén fixo declaracións ó remate, valorou en positivo o aumento de aportacións para axudas de incorporación que anunciou Medio Rural. Bello apuntou tamén a necesidade de dotar de maior transparencia á cadea de valor do leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información