Medio Rural prevé investir este ano 20 millóns de euros nas 104 parcelarias iniciadas

Pérez Dubois visitou os traballos dun destes procesos de reestruturación parcelaria, o de Berrande, no concello ourensán de Vilardevós, que afecta a unhas 547 hectáreas de 260 veciños

Medio Rural prevé investir este ano 20 millóns de euros nas 104 parcelarias iniciadas

Pérez Dubois xunto ó alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso, e representantes da Xunta Local, durante a visita.

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, supervisou os traballos que se están desenvolvendo no proceso de reestruturación parcelaria de San Bartolomeu de Berrande, no concello ourensán de Vilardevós. Durante a súa visita, Pérez Dubois apuntou que a Consellería de Medio Rural destinará este ano 20 millóns para impulsar os outros 103 proceso abertos a día de hoxe e rematalos administrativamente.

Pérez Dubois asegurou que “as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras”. Tamén recordou que estes procesos permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir os custos de produción das mesmas. Dubois destacou que precisamente as novas reestruturacións teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Nesta lexislatura, a Xunta destinou 100 millóns de euros para estes procesos.

Dous millóns en Berrande

No caso do proceso de reestruturación de San Bartolomeu de Berrande, en Vilardevós, a Xunta investiu preto de 2 millóns de euros. Nesta zona a reorganización afecta a unha superficie total de 547 hectáreas, propiedade de 260 veciños. Na actualidade, está pendente da aprobación do acordo, que dará a coñecer as novas parcelas resultantes do proceso de reorganización. A día de hoxe, son un total de 4.054 os predios, cunha superficie media de 1.350 metros cadrados. Tralo proceso contarase con 623 fincas de 8.700 metros cadrados de superficie media.

Na visita do director xeral para supervisar a rede de camiños principais da concentración tamén estiveron presentes o alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso, e representantes dos propietarios na Xunta Local.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información