Medio Rural prevé duplicar este ano a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro

A Xunta solicitou do Ministerio unha amplicación das zonas nas que se iniciaron no 2016 as soltas experimentais do parásito da praga. Proseguen os tratamentos fronte ó chancro

Medio Rural prevé duplicar este ano a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro

Avespiña do castiñeiro. / Imaxe: Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

A avespiña do castiñeiro, unha praga detectada por primeira vez en Galicia no 2014, constitúe unha serie ameaza contra os soutos. Para combatir a avespiña, a única vía eficaz na actualidade é a loita biolóxica. No 2016, Medio Rural iniciou a solta experimental dun parásito da praga, o ‘Torymus sinensis’, unha liña de actuación que este ano se prevé duplicar.

As primeiras soltas contra a avespiña realizáronse na primavera do pasado ano nas provincias de Lugo e de Ourense, nas zonas nas que se detectou unha maior presenza do problema. Para este ano, Medio Rural quere ampliar as áreas nas que se fan as soltas, de cara a lograr un control sobre a expansión da praga. Ó mesmo tempo, prevé manter a loita biolóxica nas comarcas nas que xa se traballou o pasado ano, segundo explicou un representante da Administración na última reunión do Consello Forestal.

Contexto
A preocupación pola praga é patente entre os produtores de castaña galegos e do resto de España, pois a avespiña xa causou serias perdas noutros países europeos, como Italia. O sector reclama sempre que pode unha maior implicación da Administración na loita biolóxica contra a praga.

A primeira acción contra a avespiña en Galicia iniciouse no 2015, cunha solta puntual en Ourense que lle foi autorizada á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, organismo dependente da Deputación de Pontevedra. No 2016, o Ministerio de Agricultura permitiu soltas experimentais de maior dimensión en Galicia e en Andalucía, pero quere evitar soltas masivas en tanto non estea comprobado o impacto do ‘Torymus’ sobre as poboacións autóctonas de avespiñas.

Medio Rural, pola súa banda, destacou no Consello Forestal que en Galicia se está actuando en tempo, segundo sinalan fontes presentes na reunión. A Administración explicou que non ten sentido facer soltas antes de que haxa unha presenza importante da avespiña, pois o seu parásito, o ‘Torymus sinensis’, non atoparía postas de ovos para parasitar.

Desde a Xunta séguese a evolución da poboación de avespiña e valórase que a loita biolóxica que se está a facer permitirá conter os danos. Este ano dobrarase na primavera o número de parásitos que se soltou no 2016.

Chancro do castiñeiro

Outro problema que afecta ó castiñeiro é o chancro, unha enfermidade causada por un fungo que debilita e pode chegar a matar á árbore. Desde o 2011, a Xunta tratou 70.000 pés afectados mediante a inoculación de cepas hipovirulentas, que non lle afectan ó castiñeiro pero que rematan coas cepas mortais que atacan á árbore.

Os tratamentos funcionan de xeito positivo en máis dun 90% de casos. Para o 2017, a Xunta prevé acadar 26.000 pés máis, segundo explicou no Parlamento o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto. As inoculacións, que se deben facer fóra da época estival, extenderanse a toda a comunidade, pois ata o de agora estiveron centrados nas principais áreas produtoras, Ourense e Lugo.

De xeito paralelo ós tratamentos, a Administración tamén traballa, a través do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, para atopar portaenxertos que sexan resistentes ó chancro, do mesmo xeito que se obtiveran no seu día portaenxertos resistentes á tinta. Lourizán busca ademais castiñeiros que presenten resistencias á avespiña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información