Medio Rural oponse ao proxecto mineiro de Erimsa na comarca de Ordes

Medio Rural oponse ao proxecto mineiro de Erimsa na comarca de Ordes

Extracción de seixo por parte de Erimsa en fincas da provincia da Coruña.

A Consellería do Medio Rural emitiu un informe desfavorable ao proxecto mineiro de Erimsa que afecta a varios concellos da comarca de Ordes.

Así o confirmou este venres no Parlamento de Galicia o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, en resposta a unha pregunta do deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Xosé Luís Rivas, sobre o posicionamento da Consellería en relación ao proxecto da empresa mineira para extraer seixo en fincas agrícolas dos concellos de Mesía e de Frades, principalmente.

Neste sentido, Pérez Dubois limitouse a sinalar que a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias emitiu un informe “desfavorable” o pasado 4 de maio á solicitude de concesión mineira de Erimsa para o proxecto denominado Xanceda.

O director xeral de Desenvolvemento Rural non quixo informar das razóns polas que a Consellería do Medio Rural oponse a este proxecto mineiro, cuxa solicitude foi publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 6 de marzo. Si subliñou que o departamento que dirixe Ángeles Vázquez “velará polo interese agrario do territorio, máxime cando se trata dunha zona de alta actividade gandeira”.

En todo caso, Miguel Ángel Pérez Dubois sinalou que aínda está pendente de emitir o informe da Dirección Xeral de Ordenación Forestal e doutros departamentos da Administración galega.

“A día de hoxe a solicitude está en fase de tramitación e non finalizou a fase de presentación de informes. O goberno da Xunta, unha vez finalizado o proceso de avaliación do impacto ambiental e respectando a lei, poñerá en equilibrio os intereses agrarios, mineiros e ambientais, e pronunciarase outorgando a concesión mineira ou non”, limitouse a lembrar o representante de Medio Rural.

Bng: “O sistema de extracción de Erimsa non é compatible co medioambiente e coa actividade gandeira”

Pola súa banda, o deputado o BNG, Xosé Luís Rivas lembrou que “o sistema de extracción de Erimsa non é compatible co medioambiente e coa sustentabilidade da actividade agrogandeira en Mesía e Frades”. “Iso é o que ten que valorar a Consellería do Medio Rural”, subliñou o deputado nacionalista, quen tamén advertiu “do poder de Erimsa, que está a realizar presión casa por casa para recoller firmas e dividindo aos veciños”.

Xosé Luís Rivas tachou de “neocolonial” o sistema de explotación da compañía mineira, xa que “o seixo expórtase en bruto a Noruega, e na zona non deixa ningún valor engadido”.

Neste sentido, advertiu de que o proxecto mineiro de Erimsa “só no concello de Mesía afecta a 26 granxas, cuns 90 postos de traballos directos, fronte aos como moito 7 ou 10 temporais que vai crear o proxecto mineiro”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información