Medio Rural non aclara se se restablecerá o programa ‘O Agro’

A Consellería asegura no Parlamento que mantén o mesmo presuposto de pasados exercicios para apoiar a información agraria nos medios públicos. O espazo televisivo sufre unha supresión parcial desde o 17 de abril

Medio Rural non aclara se se restablecerá o programa ‘O Agro’

Carátula do programa 'O Agro'.

A supresión parcial do programa ‘O Agro’, da Televisión de Galicia, chegou hoxe ó Parlamento, onde o grupo En Marea interpelou á Consellería do Medio Rural sobre esta cuestión. Desde a dirección da Televisión de Galicia explicárase que a eliminación parcial do programa se debía a un recorte presupostario do 75% nos apoios que recibía da Consellería.

Medio Rural, por medio da súa secretaria técnica, Carmen Bouso, negou hoxe no Parlamento tal extremo, se ben evitou aclarar se ‘O Agro’ recuperaría o seu funcionamento habitual: “A partida presupostaria que se reserva para apoiar a información agraria na Televisión de Galicia é a mesma de tódolos anos” -asegurou Bouso.- “Estamos pendentes de ultimar e formalizar o instrumento xurídico que nos permitirá plasmar a vontade que hai polas dúas partes de pechar un acordo”.

O programa ‘O Agro’, que se viña emitindo tódolos días de luns a venres na Televisión de Galicia desde o ano 1991, sufriu un recorte a partir do 17 de abril deste ano. ‘O Agro’ mantense agora con información propia martes e mércores, para dar conta dos prezos do gando, en tanto o resto dos días de emisión bota contidos reelaborados, ben dos telexornais, de programas vellos do Agro.ou da ‘Labranza’, o programa dominical sobre información agraria.

Sobre a ‘Labranza’, hai tamén este ano a previsión de que durante xullo e agosto bote contidos xa emitidos, seguindo a liña iniciada o pasado ano. En Change.org, mantense aberta unha petición dirixida a Medio Rural para que continúe a apoiar os programas de información agraria na Tvg.

Desde o grupo En Marea consideraron insuficientes as explicacións aportadas pola Consellería, pero non obtiveron maiores aclaracións esta mañá na comisión de Agricultura do Parlamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información