Medio Rural investirá 2,7 millóns na recuperación de terras abandonadas

Medio Rural investirá 2,7 millóns na recuperación de terras abandonadas

O conselleiro do Medio Rural, José González durante a súa visita a Sober

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou este luns a importancia dos proxectos de mobilización de terras agrarias impulsados pola Xunta en diferentes puntos de Galicia como factores de “dinamización social e económica do noso agro” e tamén pola súa decisiva contribución á prevención e loita contra os incendios forestais.

O titular de Medio Rural, acompañado polo director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, presentou en Sober unha destas iniciativas, que perseguen, dixo, “loitar contra o abandono e, consecuentemente, fixar poboación no rural, que é un dos grandes obxectivos do Goberno galego”.

O conselleiro explicou que nesta localidade do sur de Lugo vanse poñer en valor 21 hectáreas de terreo para o seu aproveitamento como pasteiros. Son, en total, 135 parcelas que pertencen a 86 propietarios, polo que sinalou que “estamos diante dunha iniciativa de calado para este concello”.

José González enmarcou esta actuación nos diferentes proxectos de mobilidade de terras que impulsa Medio Rural, para a recuperación e posta en uso de terras abandonadas. Unha liña de traballo na que, indicou, “imos investir 2,7 millóns de euros en toda Galicia”.

Iniciativas

O responsable da consellería lembrou que –ademais deste de Sober– xa están en marcha iniciativas no Courel, Ancares e Val de Lemos, na provincia de Lugo, así como en Cualedro, Oímbra e Arnoia, na de Ourense. En fase de proxecto ou previstos hai outros proxectos en Vilalba, Quiroga, O Barco de Valdeorras, o Baixo Miño ou A Cañiza, que atinxen “dende as oliveiras ata a horta e flor, pasando polos castiñeiros ou os cereais”, remarcou.

Neste tipo de actuacións, aclarou o conselleiro, “o Banco de Terras actúa como instrumento de identificación de áreas de gran aptitude agraria e elevado grao de abandono, de elemento para a concentración da oferta a través da dinamización das persoas titulares dos terreos e de posta en contacto e arbitraxe entre titulares e axentes, tales como cooperativas ou empresas agrarias, interesados en promover proxectos produtivos agrarios de gran envergadura”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información