Medio Rural convocará unha reunión de todo o sector lácteo

A Organización de Produtores de Leite reuniuse coa conselleira a quen lle trasladou que “as industrias seguen a incumprir os contratos e a deixar de recoller o leite”. Os sindicatos agrarios recaban o apoio do PSdeG-PSOE para a mobilización do día 17 e hoxe reúnense co PPdeG.

Medio Rural convocará unha reunión de todo o sector lácteo

Rosa Quintana e Patricia Ulloa cos representanes da OPL

Medio Rural convocará proximamente unha reunión de todos os actores implicados na crise do sector lácteo (produtores, industria e distribución) “para buscar unha posta en común”. Esta foi o principal compromiso da reunión que mantivo esta tarde a conselleira Rosa Quintana cunha delegación da Organización de Produtores de Leite (OPL), unha organización que agrupa a 300 produtores e ao 9% da produción de leite de España.

En declaracións aos medios ao remate da reunión, Rosa Quintana criticou que “se alenten manifestacións, porque cunha mobilización non se solucionan os problemas, e o que si se da é unha imaxe tremendamente negativa do sector”. Atribuíu os baixos prezos a unha situación conxuntural na que coincide “un contexto internacional de aumento da produción de leite e non do consumo, e sobre todo a adaptación a un novo sistema de traballar” que supuxo o fin das cotas.

A conselleira alegou que “a Xunta non pode intervir nos prezos do leite, pero o que si podemos é buscar entendementos entre produtores e industrias para que se poñan de acordo e buscar un alto valor engadido para os nosos produtos lácteos, e niso estamos a traballar”.

Campaña de promoción do consumo de leite e visitas de consumidores a explotacións

Por outra parte, Rosa Quintana avanzou como medidas concretas unha campaña de promoción de “Galega 100%”; así como unha campaña de promoción do consumo de leite en colaboración coa Consellería de Educación e coa de Sanidade.

Outra proposta que saíu da reunión coa OPL foi a de realizar unha acción conxunta coas asociacións de consumidores “para que estes visiten as nosas explotacións lácteas, vexan o traballo que custa producir o leite e saiban valoralo cando vaian compralo”.

A OPL adianta que “se se nos convoca, asistiremos á manifestación” do día 17

Pola súa parte, o presidente da Organización de Produtores de Leite (OPL), Manuel Iglesias,
resumiu a reunión “cunha sensación agridoce”. Así, destacou que “arrancamos o compromiso da Consellería de xuntar a todas as partes: produtores, industria e distribución, para buscar unha solución conxunta”.

Porén, denunciou que “as industrias seguen a incumprir os contratos, con prezos de menos de 0,20 € o litro, e seguen deixando de recollerlle o leite a explotacións, as últimas dúas grandes explotacións da provincia da Coruña ás que esta mesma tarde a industria lles comunicou que xa llela recolle”.

“Se nos convocan á manifestación, asistiremos”

Preguntada por esta cuestión, a conselleira Rosa Quintana dixo que non ten máis información que a que lle trasladou a industria o pasado luns de que non ía quedar “nin un só litro sen recoller” en Galicia. De todos os xeitos, dixo que se poñerá en contacto co sector para ver “se hai algunha situación da que non estea decatada neste momento”.

Ante esta situación, Manuel Iglesias asegurou que “a OPL continúa co calendario de mobilizacións, mantendo a data dunha gran tractorada para o 1 de setembro”. No caso da mobilización impulsada polos tres principais sindicatos agrarios de Galicia para o 17 de xullo, Iglesias asegurou que “a día de hoxe non fomos convidados a sumarnos, pero se nos convocan asistiremos”.

Por último, Iglesias fixo un chamamento á unidade do sector produtor e demandoulle á conselleira que “para poder remediar esta situación deberá haber unha implicación o máis alto nivel político, do presidente da Xunta, a nivel MAGRAMA e a nivel europeo”.

Os sindicatos agrarios reuníronse onte co PSOE e hoxe co PP

Por outra parte, representantes dos tres principais organizacións agrarias, Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego, reuníronse onte co secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, dentro da súa rolda de contactos para recabar apoios para a manifestación convocada para o venres 17 de xullo, unha manifestación que esperan que sexa multitudinaria. O sector gandeiro aspira a recuperar a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo de Galicia, que nos anos 80 protagonizara importantes mobilizacións.

Besteiro: “Non hai un papel activo da nosa administración”

Besteiro cos sindicatos agrarios

Besteiro cos sindicatos agrarios

O líder do PsdeG- PSOE confirmou o apoio dos socialistas galegos á plataforma que está a constituír o sector e que “coincide coas nosas preocupacións” na liña de que Galicia “sexa capaz de liderar” ao sector lácteo ao ser o maior produtor do Estado. Besteiro sinalou que Galicia ten que afrontar esta traumática situación cos prezos do leite por debaixo do custe de produción mentres “non hai un papel activo da nosa administración” e “non hai quen defenda a produción láctea nin o modelo industrial de Galicia”.

Dentro desta rolda, este xoves reuniranse a última hora da mañá con membros da dirección rexional do PPdeG.

Está previsto que nos próximos días os tres sindicatos contacten coas outras organizacións do agro, caso da Federación Rural Galega (Fruga) ou da Organización de Productores de Leche (OPL), con cooperativas e tamén con partidos políticos e colectivos da sociedade civil para solicitar o seu apoio e participación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información