Medio Rural confirma que ampliará o prazo de presentación de licenzas para plans de mellora

A medida busca facilitar a tramitación de axudas para investimentos no agro, para incorporación de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións

Medio Rural confirma que ampliará o prazo de presentación de licenzas para plans de mellora

A aprobación da nova Lei do Solo está a dificultar os trámites urbanísticos no rural.

A Xunta ten previsto publicar en breve unha orde que ampliará o prazo de presentación de licenzas de obra nas solicitudes de varias axudas agrarias. En concreto, flexibilizarase o período para a obtención do permiso nas axudas de plans de mellora, de incorporación de agricultores mozos e de desenvolvemento de pequenas explotacións.

A convocatoria das axudas, publicada en decembro do 2015, establecía como data límite para entregar a licenza de obra o 18 de setembro. Sen embargo, os cambios urbanísticos que introduciu a nova Lei do Solo, aprobada no 2016, estaban a dificultar que unha parte significativa das granxas obtivese a licenza no período estipulado. Desde as organizacións agrarias, reclamóuselle a Medio Rural unha ampliación de prazo, á que finalmente accedeu a Consellería nos últimos días, segundo xa anunciara Unións Agrarias.

Novo prazo
Con carácter xeral, ampliarase agora o prazo ata o 18 de outubro, se ben aqueles solicitantes que non poidan entregar a licenza porque a Lei do Solo (Lei 2/2016) obriga a modificar o planeamento urbanístico do seu municipio, disporán dun prazo particular que determinará a Xunta na resolución das axudas.

En canto ás solicitudes de subvencións recibidas, Medio Rural sinala que houbo 2.379 para a modernización de explotacións (plans de mellora), 803 para a incorporación de mozos e 70 para desenvolver pequenas explotacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información