Medio Rural confía en que a Comisión Europea financie as axudas agroambientais no 2021

Medio Rural confía en que a Comisión Europea financie as axudas agroambientais no 2021

Reunión do Consello Agrario.

O Consello Agrario celebrado hoxe abordou as perspectivas para os próximos anos das axudas ligadas ó Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020. Unha das cuestións que preocupa ó sector é a posible ausencia de fondos para as axudas agroambientais e para as zonas con limitacións naturais no 2021 e quizais tamén no 2022, no periodo de transición entre a actual Política Agraria Común (PAC) e a que entrará en vigor nos próximos anos, que vai con retraso.

O conselleiro do Medio Rural, José González, sostivo na reunión que hai un compromiso da Comisión Europea para asignar fondos para este tipo de axudas no periodo transitorio entre unha e outra PAC, co cal entende que estarían garantidas as axudas agroambientais e para zonas con limitacións naturais no 2021.

Desde o sector víñase pedindo un plan B por se fallan eses fondos europeos, cunha reprogramación do actual Plan de Desenvolvemento Rural, que se pode prolongar ata o 2023, pero desde Medio Rural considérano innecesario.

Fiscalidade
Outra cuestión que se abordou foi a da fiscalidade das axudas para incorporación de persoas mozas. Medio Rural indicou que lle trasladará a Hacienda un informe de expertos no que se sinala que a imputación da axuda debe facerse como amortización do investimento realizado ao longo dun período de cinco anos, polo que non debe considerarse axuda á renda dos agricultores nun único pago.

Esa consideración das subvencións como axudas á renda viña perxudicando fiscalmente ós agricultores novos, polo que moitos, co apoio das organizacións agrarias, recurriron xudicialmente os impostos que se lles reclamaban. Desde Hacienda xustificouse no seu día a consideración das subvencións como axudas á renda na convocatoria da Consellería, que estaba redactada dun xeito distinto ó que facían outras comunidades.

No Consello Agrario de hoxe, o conselleiro indicou tamén que lle pedirá á Seguridade Social un tratamento especial para os traballadores agrarios a tempo parcial e un réxime específico de tributación para os colleiteiros de castaña, unha cuestión que xa se abordara no anterior Consello Agrario, na primavera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información