“Medio Ambiente deixa ós gandeiros sen opcións fronte ó lobo”

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes demanda a convocatoria de axudas para a prevención de danos nas explotacións. Unións Agrarias pide medidas de control do cánido en Rodeiro, onde se rexistrou un novo ataque esta fin de semana

Publicidade
“Medio Ambiente deixa ós gandeiros sen opcións fronte ó lobo”

Peche contra o lobo electrificado. / Imaxe: SGPF.

A situación do lobo en Galicia estase tornando insostible, desde a perspectiva da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF), pois cos propios datos de Medio Ambiente, os danos do lobo sobre o gando duplicáronse entre o 2015 e o 2017. Ante esta situación, o colectivo entende que é necesario que a Xunta tome medidas para atallar o problema. Unha das liñas de actuación que a Sociedade considera precisas é a convocatoria de axudas para a posta en marcha de medidas de prevención.

Durante o 2016 e o 2017, Medio Ambiente publicou sendas convocatorias para medidas de prevención, se ben o pasado ano concedeu uns prazos mínimos para xustificar a subvención, chegando a extremos nos que o suposto beneficiario recibiu a comunicación con só unhas horas para xustificar a axuda. Esta situación derivou en que parte das explotacións perderan as axudas.

Para o 2018, o sector agrario descoñece se Medio Ambiente ten previsto volver a convocar as axudas. A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes lembra tamén que o Plan de Xestión do Lobo en Galicia prevé o desenvolvemento de medidas de asesoramento ós produtores, “das que tampouco se sabe nada”.

Batidas
A falta de medidas da Administración está desembocando en que os gandeiros solicitan das sociedades de caza a posta en marcha de batidas contra o lobo, como a de Vilalba da pasada semana, segundo sinala a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes nunha nota de prensa. “O lobo está presente no 94% do territorio galego, polo que non podemos falar de casos illados ou zonas conflitivas. Todo o territorio debe dispoñer dun plan de traballo axeitado”, demanda o colectivo. “Medio Ambiente está a deixar ós gandeiros sen opcións fronte ó lobo”, conclúen.

A Consellería de Medio Ambiente foi consultada semanas atrás por Campo Galego sobre a convocatoria das axudas para prevención de danos, sen que por agora contestara.

Ataque do lobo a unha granxa en ecolóxico en Rodeiro

Casa Risca, unha granxa de leite de Rodeiro (Pontevedra) con 37 vacas e 29 animais de recría, está culminando este mes a súa transición a gandería ecolóxica. É un sistema de produción a cada paso máis demandado polos consumidores, pero que ten as súas dificultades, algunhas delas inesperadas. A explotación, de acordo coa normativa da produción ecolóxica, ten que manter as becerras de máis de 6 meses nos prados, unha circunstancia que foi aproveitada polos lobos esta fin de semana.

“Son animais pequenos que teñen pouca defensa ante o lobo. Desde hai moito tempo, antes da conversión a ecolóxico, xa viñamos tendo as vacas secas fóra durante semanas, sen que nunca tiveramos ningún ataque; pero hai unha semana sacamos catro becerras que cumprían os 6 meses e tardamos pouco en ter este ataque”, explicaTeresa Míguez, esposa de Ireneo Daparte, o propietario da gandería.

“Medioambiente si, pero para quen e quen o paga” (Teresa Míguez)

O ataque á becerra produciuse na noite do venres ó sabado pasados, nun prado que está a uns 100 metros dunha das aldeas de Carboentes (Rodeiro). Na granxa foron advertidos a primeira hora do sábado de que o seu rabaño de becerras escapara ata unha aldea próxima. Ó recoller o rabaño e volver ó prado, atopáronse con que unha das becerras fora comida polos lobos.

Desde aquela, gardan ós animais nun prado próximo a súa vivenda, que manteñen cun par de fíos de pastor toda a noite. “É unha solución provisional porque tampouco podemos ter os animais sempre aquí. Estes días estanse a ver os lobos na zona e sénteste indefenso porque non hai moito que poidas facer. Quizais pechar algunha finca, pero non podes ter tódalas fincas pechadas tampouco”, cuestionan.

Desde Unións Agrarias levan demandando xa desde o pasado ano que se autoricen batidas en Rodeiro, onde se rexistran danos periódicos, como o dunha explotación tamén de Carboentes que sufriu o pasado exercicio catro baixas. “Medioambiente si, pero para quen e quen o paga”, pregúntase Teresa Míguez, que é partidaria de medidas de control da poboación de lobos e de que se permita de novo o abandono en zonas puntuais de animais mortos en granxas. “É mellor que se alimenten de carroñas que que teñan que baixar ás granxas”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información