Máxima alerta no viñedo ante o risco de Mildeu

Publicidade
Máxima alerta no viñedo ante o risco de Mildeu

Nalgunhas fincas tratadas hai algo de mildio. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén emitir un aviso advertindo da necesidade de manter un nivel de alerta “moi alto” ante o Mildeu nas viñas da provincia de Pontevedra.

O persoal técnico apunta que a pesar de ter renovado os tratamentos será fundamental vixiar o viñedo para comprobar a súa eficacia e detectar canto antes a potencial aparición de novos síntomas, en cuxo caso haberá que repetir as aplicacións dando prioridade a funxicidas con materias activas que posúan efecto curativo e antiesporulante.

O aviso fitosanitario desta semana explica que estas últimas xornadas o incremento do tamaño dos grans dos acios foi moi elevado na totalidade das viñas, circunstancia favorecida polas temperaturas e as humidades altas que se rexistran. Así, as uvas atópanse de media no estado de bagos de 3 mm e xa moitas acadan o tamaño chícharo, habendo diferencias evidentes entre grans formados e abortados dun mesmo acio nalgunhas fincas con fallos na floración polas choivas.

“O tempo dos próximos días favorecerá as infeccións secundarias de mildeu”

En canto ás patoloxías, o persoal técnico subliña que as condicións climáticas tan favorables ao Mildeu (calor e humidade) traducíronse en sucesivos ciclos da enfermidade, rexistrándose un incremento importante no volume de esporanxios en plantas testemuña (sen tratamento algún) e incluso varios gromos (aparte dos acios) totalmente cubertos da frutificación do fungo.

Nesta semana houbo viticultores e técnicos que informaron a Areeiro sobre a aparición de síntomas moi destacados tanto en acio como en folla en especial no Salnés e no Condado. Incluso a intensidade do ataque foi moi elevada nunha finca que produce en ecolóxico, onde a práctica totalidade de acios presentaba diferentes porcentaxes de afectación, a maioría de máis do 25%.

De cara aos próximos días o tempo inestable continuará a favorecer infeccións secundarias, polo que o nivel de alerta debe ser moi alto e, a pesar de ter realizado aplicacións, será fundamental comprobar a súa eficacia e repetilas no caso de ser necesario, dando prioridade a funxicidas con materias activas que posúan efecto curativo e antiesporulante, sendo moi recomendable consultar aos técnicos.

Recoméndase engadir un funxicida antioidio

En canto ao Oidio, dado que o estado fenolóxico actual a uva é sensible ao fungo, a técnica Rosa Pérez repite a recomendación da semana anterior de engadir un funxicida antioído cando se renove o tratamento fronte ao mildio, e de facer unha eliminación moderada de follas na contorna dos acios.

Tamén se advirte de que coas elevadas temperaturas que se rexistraron o estrés das plantas é maior, e de que xa empezan a observarse síntomas de enfermidades da madeira. Hai que lembrar que se afectan a un só brazo e este xa está totalmente seco pode eliminarse agora aplicando un funxicida na zona do corte que quede na planta. Se afectan á totalidade da planta, teñen que marcarse para que estea ben identificada no momento da poda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información